#Claves de la semana

​Torrente Ballester intentou crear unha mitoloxía atlántica para Galicia

Unha tese presentada na Universidade de Vigo sostén que o escritor cubriu un baleiro de mitos culturais marítimos, pero non callou na cultura popular.


|

Torrenteballester 1


As rexións europeas bañadas polo Atlántico teñen unha mitoloxía popular estreitamente vinculada a este océano, ao eido marítimo. Pero Galicia, a pesares do seu carácter enimentemente mariño e mariñeiro carece de mitos culturais atlánticos. Así o consideraba o escritor Gonzalo Torrente Ballester, que non atopaba no acervo popular galego figuras como a do mito redentor que en Gran Bretaña representa o Rei Arturo ou en Portugal o rei don Sebastián. Sereas ou monstros mariños tampouco aparecen, segundo Torrente, na mitoloxía tradicional galega, polo que se propuxo crealos a través da súa literatura.


Esta vertente da obra do escritor ferrolán apenas está estudada e nela centrou a súa tese de doutoramento Soledad Cuba. Explica a investigadora que, se ben Torrente Ballester “non se cansou de repetir que o mito constituía un dos temas fundamentais da súa literatura”, os estudos sobre este aspecto sempre se centraron no mito político e de poder. Así, o seu estudo, dirixido pola profesora Carmen Becerra, cubre este baleiro e analiza o proceso creador do autor para dotar a Galicia desta mitoloxía atlántica, que finalmente non resultou traspasar a barreira da literatura e non foi quen de callar na cultura popular.


Un rei Arturo para Galicia


En 1985 nunha conferencia titulada Diversas formas del mito en mi obra, Torrente Ballester sostiña que “sendo como somos un país atlántico, carecemos de mitoloxía marítima, aínda que teñamos un folclore e un mundo lendario”. Para o escritor, a proba máis contundente da súa afirmación é que Galicia non conta cun mito redentor “un elemento que si comparten outras significativas culturas deste ámbito”, como destaca Soledad Cuba, como o rei Arturo.


Para cubrir esta lagoa, como explicaba a Nieves Nieto Pérez nunha entrevista en 1995: “Eu inventei o mito do Varón Liberador porque a cultura galega popular carece del”. Segundo Torrente a inexistencia deste figura está estreitamente relacionada co peso do mito de Santiago, que ocupou un espazo que doutro xeito podería ter ocupado “hipotético mito galaico”. Esta características atlántica non encaixa co Apóstolo Santiago porque, segundo Torrente, non é mito galego, senón europeo, e imposto polos intereses do Cristianismo.


Segundo Soledad Cuba, o Varón Liberador do que fala Torrente é o J. B. de La saga/fuga de J. B., “o redentor ao que espera dende séculos atrás o pobo de Castroforte de Baralla. Por este motivo esta novela ocupou “un lugar de primeira orde” no estudo de Cuba, xa que xunto co mito de J. B. “contén outro material mítico fundamental: o Corpo Santo, tamén chamado Santo Corpo Iluminado ou Santa Lilaila de Éfeso, que reformula o mito de Santiago”.


Investigadoratorrenteballester

A investigadora tamén apunta outro tipo de mitos que aparecen na obra de Torrente, como o Dragón Feo de Fragmentos de Apocalipsis que bebe da lenda da Coca de Redondela, ou seres monstruosos como Jasconius ou a sierpe de mar, en La saga/fuga de J.B. e o Demonio de las Aguas, en El viaje del joven Tobías. Con estes seres, explica Soledad Cuba “amósanos Torrente o océano Atlántico como o mar descoñecido e perigoso que a tradición denominou Mare Tenebrosum, fronte ao Mare Nostrum, o Mediterráneo, mar amable e navegado dende a antigüidade”.


Tamén recolle na súa tese o mito da serea, presente en infinidade de culturas, que serve de fundamento á novela curta El cuento de Sirena, “na que Torrente liga a lenda arousá dos Mariño á súa historia persoal e familiar”, puntualiza a autora.


Notable importancia temática pero pouca transcendencia


Respondendo á falta de estudos globais e exhaustivos sobre esta temática, a tese de Soledad Cuba aborda non só os factores que converten estes mitos de Torrente en mitos atlánticos, senón que tamén ofrece unha explicación completa dos mesmos, incluíndo fontes, proceso de creación, estrutura, significado e función. A conclusión desta análise é que “aínda que algúns dos mitos analizados quedan relegados a un segundo plano, outros posúen unha moi notable importancia temática e estrutural, chegando incluso a sustentar unha parte significativa das ficcións ás que pertencen”.


Con todo, Gonzalo Torrente Ballester non conseguiu o seu obxectivo final, xa que “o éxito estético da integración de mitos atlánticos na súa literatura” non se traduciu no seu propósito de dotar a Galicia dunha mitoloxía propia. De feito, en moitos casos non transcenden o ámbito estritamente literario e culto, “polo que dende a nosa perspectiva, de ningún modo acadan o estadio de mitos”. 


Para a investigadora este “relativo fracaso” na difusión de Torrente na sociedade galega débese a varios factores, por unha banda “a dificultade que entraña a súa lectura, a causa do elaborado do seu estilo, o seu intelectualismo e o seu experimentalismo; e por outra, o seu pasado político, tan reiteradamente recordado pola crítica e a non utilización da lingua galega”.

relacionada A exposición ‘Outra mirada’ da Fundación Gonzalo Torrente Ballester afonda na paixón do escritor pola fotografía
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE