PSOE e Ferreiro non acercan posturas
O rexedor coruñés interpreta as críticas socialistas como "chantaxes" para formar un goberno de coalición.

Pazo de María Pita, sede do goberno local da Coruña. //Foto: turismo.gal
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, rexeitou "chantaxes" por parte do PSOE, a quen acusou de querer formar un goberno de coalición "a base de golpes".
"Creo que non se constrúe un proxecto en común ou non se pretende formar un goberno conxunto a base de golpes", dixo, a preguntas dos xornalistas, en relación á advertencia lanzada desde as filas socialistas, que responsabilizan ao rexedor dos problemas da Coruña tras o seu rexeitamento a unha coalición.
Ferreiro chegou a cualificar estas advertencias como "chantaxe". "Chantaxe, extorsión ou non se cal é o nome", puntualizou o rexedor herculino, que lembra que "todo era posible" se se conseguía establecer unha relación de confianza co PSOE.
Con todo, ao seu xuízo, a actitude que teñen os socialistas é a de "golpear, debilitar e chantaxear o goberno dicíndolle que se queredes que as cousas sexan fáciles tedes que meternos no goberno, se non imos facervos a vida imposible", indicou o rexedor, en referencia á actitude que manteñen os socialistas co goberno local da Coruña.
MOCIÓN DE CONFIANZA
Aínda que lembra que a moción de confianza é unha "opción que está aí", insiste en que antes tratarán de negociar os orzamentos co PSOE para evitar ter que acudir a este tipo de ferramenta.
O alcalde da Coruña realizou estas declaracións coincidindo coa súa presenza na inauguración dunhas xornadas de políticas locais de emprego na Universidade da Coruña.
Ferreiro no ve "un clima de confianza" para que el PSOE entre en el gobierno
Escribe tu comentario