Ministro, os galegos queremos o AVE

Manuel Fernando González Iglesias

Trentalgoaveavril


É de case todos sabido, que as eleccións galegas que supuxeron a maioría absoluta para o Partido Popular contribuíron dunha forma decisiva na continuidade no Goberno de España de Mariano Rajoy. Por iso, o actual Presidente, sabedor do que se xogaba na súa terra, participou activamente na campaña de Nuñez Feijoo, e celebrou cun sorriso de orella a orella a nova vitoria do Presidente da Xunta, que meses antes amagara con deixar a política activa, sabedor quizais , de que as enquisas da Moncloa non lle eran especialmente favorables para revalidar a súa "imprescindible" maioría absoluta. Ao final, os dous amigos saberán que participación tivo cada un deles na decisión final, cuxo resultado foi un éxito extraordinario para os populares galegos, e que deixou un rastro nas redes sociais, perfectamente perceptible aínda, de chirigotas e burlas polo voto das galegas e os galegos ao partido popular.


Fago esta introdución, para tratar de facerlle comprender, primeiro a Don Mariano Rajoy que ten unha gran débeda cos seus electores galegos e a continuación, ao seu flamante Ministro de Fomento Iñigo de la Serna, quen sacado da alcaldía de Santander para ser promocionado politicamente en Madrid din que polo propio presidente do Goberno, quizais ignore que, sen o voto dos cidadáns galegos el, de momento, non sería Ministro e posiblemente as súas expectativas políticas futuras se cortaran en seco tras un resultado adverso.


A partir desa regra de tres composta, como galego da diáspora e cunha empresa de comunicación en Galicia, non entendo, como se pode ser tan imprudente e desmemoriado como para achegarse a Galicia e poñer en pé a toda a clase política galega, a que está no Goberno da Xunta e a da moi incendiaria oposición, ofrecendo un "redeseño público" do Ave que Galicia espera coa mesma paciencia coa que os que viaxamos en tren desde Santiago, Ourense ou Vigo a Madrid e Barcelona subiamos a aqueles vagóns "gandeiros" e pasabamos interminables horas mortos de frio no inverno e asados de calor no verán naqueles trens paquistanís que nos deixaban mortos ou catatónicos.


Ministro, o seu non é de recibo. Redeseñar é volver "á curva de Angrois" que tanto dor nos causou, e que non queremos repetir por exemplo en Ourense, cuxa entrada ferroviaria está perfectamente orzada e deseñada desde sempre e que non ten porque ser diferente á de Lleida, ou Tarragona por poñerlle dous exemplos que este xornalista coñece perfectamente. Iso dos "catro minutos e os seiscentos millóns" podía Vd. aforralo perfectamente dándose unha volta por O Pingallo, unha xoia da gastronomía galega e que calquera viaxeiro que se deteña en Ourense merece gozar se viaxa en AVE. E que dicir do de Vigo! Segunda cidade galega e, por tanto, caudal indispensable de viaxeiros para o AVE galego. Ou o de Lugo, que sempre ten que rebuscar diñeiro na trastenda do orzamento de Fomento e a que como xa lle dixeron os seus compañeiros de partido hai que atoparlle saída.


"A estas alturas non hai que repensalo, hai que facelo" acaba de dicir o Presidente da Xunta Nuñez Feijoo, no medio dun incendio mediático que só Vd. provocou Señor de la Serna. Unha frase que resume con precisión o que creo pensamos todos os galegos e que o Presidente do Goberno español debera meter na cabeza do seu Ministro de Fomento para que, como "lema de lexislatura", ocupe un lugar preferente ante a mesa do seu despacho no número 67 do moi madrileño Paseo de la Castellana, que é onde ten a súa sede ministerial.


Asi que Don Íñigo tómese este moi delicado asunto moi en serio. Volva á súa estrañada Cantabria, goce dun baño matinal na marabillosa praia do Sardinero. A continuación, recupere forzas cun almorzo reparador no Hotel que inaugurou o biasavó do actual Monarca e que ten unhas vistas extraordinarias, manteña a boca pechada durante un tempo e a continuación, coas pilas xa postas, execute con celeridade orzamentaria as obras que levan anos de flagrante atraso coa aquiescencia de dous antecesores seus, ambos os galegos, un socialista e a outra popular, e que xa non admiten mais demora nin regateos de política trilera. Volva pronto e vaia dándonos boas noticias E por se aínda non o tiña claro, quede con esta moi contundente afirmación : "Os galegos queremos o Ave". Vale?

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE