#Claves de la semana

Silva, tras a bronca co PP no Hórreo: "Eu son feliz na política, hai xente que non"

"Poño moi nervioso ao PP", sinala a presidenta da Deputación de Pontevedra, que foi chamada á orde mentres comparecía na Cámara. 


|

Carmelasilvahorreo


A titular da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, protagonizou un encontronazo coa popular Cristina Romero (que exercía como presidenta da comisión parlamentaria na que comparecía a socialista) e con outros membros do PP no Pazo do Hórreo, onde acudiu debullar os orzamentos da institución para 2017.


A confrontación arrincou tras unha dura intervención do deputado popular Alberto Pazos Couñago, quen reprobou a xestión de Deputación pontevedresa. En concreto, cargou contra Silva, acusándoa de impoñer o "silencio" nunha especie de "lei da omertá" --a lei do silencio da mafia siciliana-- a quen discrepa con ela na política.


"Vostede só atende a unha lei: comigo ou contra min. E se alguén ten algunha dúbida disto sempre lle pode preguntar ao señor Leiceaga", afeou Pazos, cuxa "terrible intervención" foi o primeiro que reprobou Silva cando volveu retomar a palabra. "Vostedes menten e tentan ocultar unha xestión vergoñosa, clientelar e caciquil", apostilou.


Cristina Romero, que exercía de presidenta da Comisión de Economía en substitución do socialista Abel Losada (quen exerceu de portavoz do seu grupo na comparecencia), instou a Silva a ser "respectuosa" e defendeu que non se pode dicir que "un deputado mente", á vez que pediu retirar do acta da sesión a afirmación da socialista.


"Vou manter que acuso ao PP de mentir e quero que conste en acta. A súa obrigación é ser obxectiva e non ter unha posición de parte. Creo que Manuel Baltar cualificou de ignorantes aos deputados e non dixo nada, así que non se pode falar de trato idéntico. Claro que tamén estou afeita a esta forma de actuar", esgrimiu.


"PARTIDO DA CORRUPCIÓN"


Ao tempo, e tendo en conta que Carmen Santos (Podemos) censurara a presenza de "familiares de membros do PSdeG" entre o seu "persoal de confianza", Silva instouna a "non danar a política" e enxalzou os "currículos envexables" dos seus asesores.


"Teño o mellor gabinete de ningunha administración, que traballa 15 horas ao día", exemplificou, antes de engadir que non se dedicaría "a falar dos familiares que contratou Ada Colau nin de como o portavoz de En Marea na Cámara (Luís Villares) se dedica a pedir máis recursos".


"Pero teña moito coidado con esas afirmacións, danan a política e non son certas", agregou, antes de volver criticar ao PP e de contrapoñer "as súas mans limpas" coas afirmacións "do partido da corrupción". Chamada á orde por Cristina Romero, Silva foi a última en intervir para volver queixarse do trato recibido.


Finalizada a comisión, dirixiuse a saudar aos distintos grupos, incluídos varios deputados do PP. Un deles, o parlamentario Daniel Veiga espetoulle que "sobraba o do partido da corrupción" e instouna, visiblemente molesto coa súa intervención, a mirar cara ao seu propio partido.


"POÑO MOI NERVIOSO AO PP"


Posteriormente, en declaracións aos medios, Silva aludiu á "insultante" intervención de Pazos e interpretou que se dedicou a "descualificar" porque a xestión da Deputación de Pontevedra é "espectacular". "É o seu modelo, o que fan os populares comandados por Alfonso Rueda, denigrar ao adversario. Detrás de todo isto está o modelo do señor Rueda e do señor Feijóo de confrontación total co adversario político", espetou.


A presidenta provincial insistiu en que "o ataque persoal e a descualificación" non van calala e en que seguirá "facendo políticas para as persoas" e traballando para "desenmascarar ao PP, que fai moita propaganda, pero ten abandonadas a Pontevedra e Vigo".


"ÉTICA TOTAL E ABSOLUTA"


"Poño moi nervioso ao PP. É sorprendente a falta de tacto e de elegancia; eu dixen con bo ton e contundencia o que pasaba: o portavoz do PP non faltaba á verdade, senón que mentía", sinalou, convencida de que o que "preocupa" ao PP é que "buscou algo" que a poida poñer en "cuestión", pero non o conseguiron dada a súa "ética total e absoluta".


"As miñas mans están igual de limpas que o día que entrei en política e non todos poden dicir o mesmo. A lista de imputados do PP é interminable", sentenciou, para concluír que, en todo caso, non lle "afecta" o ocorrido e vaise "encantada" do Parlamento de Galicia, despois de presentar "un orzamento extraordinario".


O premio, segundo defendeu ante os xornalistas, é que cando vai pola rúa "a xente sorrille, empatiza e agradece os cambios de política" na Deputación. "E eu son moi feliz na política. Hai xente que non, eu tamén o entendo. Non se pode ser igual de feliz cando se traballa para a xente que cando se traballa para os intereses partidistas", resolveu.


REPROCHES POLO AVE


Ademais, Carmela Silva, denunciou o "abandono" ao que a Xunta e o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, "someten" á provincia e tamén á cidade de Vigo. Acompañou a crítica dunha ladaíña de esixencias de atención á provincia en diversos ámbitos, entre elas que Pontevedra "non quede descolgada do AVE" e o fin da "inxustiza" das "elevadas peaxes" da AP-9.


"Abandono que obriga á Deputación de Pontevedra a asumir competencias que non lle corresponden e asumir gastos aos que tería que facer fronte a Administración autonómica. Gastos en políticas sociais, cultura, emprego, promoción económica , gandería, pesca, na loita contra as violencias machistas, en infraestruturas e no deporte", resumiu, na súa comparecencia na Comisión de Economía da Cámara.

relacionada Carmela Silva pide a Cancela que "deixe de enredar" e "dea un paso atrás"
relacionada ​Carmela Silva critica que Rajoy formase un Executivo sen galegos e non paritario
relacionada Empresarios de Vigo piden 'pelexar' polo AVE por Cerdedo
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE