ADEGA propón implantar na Cidade da Cultura un centro de recuperación da fauna mariña
A asociación ecoloxista avoga este día dos Inocentes por "facer da necesidade, virtude" e aproveitar as piscinas das obras abandonadas.

O megalómano proxecto inacabado da Cidade da Cultura aínda pode ser aproveitable, ou así o pensa a asociación ecoloxista ADEGA, que acaba de propoñer neste día dos Inocentes o aproveitamento do Gaiás para cubrir unha necesidade de Galicia: "un grande centro de referencia para a recuperación da fauna mariña".
Nun comunicado, ADEGA chancea con "facer da necesidade, virtude" e usar as instalacións xa construídas no monte compostelán, ademáis de "darlle un novo uso ás piscinas existentes nas fochancas das obras abandonadas e á lagoa do denominado Xardín Literario".

A asociación ecoloxista tamén cre que outros espazos "infrautilizados poderían acoller os laboratorios (quirófanos, salas de necropsia, conxeladores, etc.)".
É COMPATIBLE COA VOCACIÓN DA CDC
ADEGA defende que "a vocación científica e divulgativa deste centro de recuperación de fauna mariña incardínase perfectamente co obxectivo da Cidade da Cultura: servir de 'receptáculo' das artes e da música". E cuestiona: "Por que non tamén da cultura científica?". Ao tempo, mantén que "a visión arquitectónica de Eisenman dunha paisaxe de lombos suaves e valgadas, que lembran aos lombos dos grandes cetáceos, cadra perfectamente coa estética e a ética deste práctico obxectivo".
ASUMIBLE ECONOMICAMENTE
No tema económico, coherentemente, ADEGA di que tanto os investimentos coma os prazos para poñer a funcionar este centro serían "moito menores" ca os de construír outras instalacións desde cero. Citan un proxecto pensado para Baiona, paralizado "precisamente por falta de cartos".
ADEGA alerta do aumento da contaminación das grandes industrias galegas
Escribe tu comentario