#Claves de la semana

​O fillo da muller degolada en Narón tacha de "maltratador" a seu pai

Unha veciña declara que a vítima lle recoñeceu "ter medo" ao seu marido, e tanto os profesionais médicos coma unha veciña afirman que tras a morte, o marido non tivo "unha reacción lóxica"


|

Crimenfurgonpolicial

O fillo da muller degolada en Narón (A Coruña) tachou de "maltratador" ao seu proxenitor e recoñece que os seus pais mantiñan unha "relación tensa". Fronte a isto, a súa irmá defende a "complicidade" do matrimonio e asegura que o seu pai, "o que me criou", "non foi capaz" de cometer o crime.


"Polo malos tratos e pola vida que lle fixo á miña nai, era un maltratador", declarou o fillo que, como acusación particular, solicita unha pena de 20 anos de cárcere para o seu pai polo asasinato da súa nai en decembro de 2015.


Ante o tribunal, o fillo deste matrimonio septuaxenario relatou como foi a súa infancia, e centrou a súa exposición naqueles acontecementos que deixaban entrever as diferenzas do matrimonio.


Así, expuxo que nunha ocasión, con 17 anos, viu como o seu pai "agarrou" á súa nai para pegarlle, e que mesmo a el mesmo o seu pai púxolle "un coitelo diante".


O fillo, coñecedor do carácter violento do seu pai, sinalou que a súa nai nunha ocasión manifestou a intención de poñer fin ao matrimonio, pero nunca chego a separarse porque quería "manter o núcleo familiar", segundo di esta testemuña.


OUTRA RELACIÓN SENTIMENTAL


En canto á suposta relación sentimental que o seu pai mantiña con outro home, asegurou que era "pública" e que todo o mundo, mesmo a súa nai, era coñecedora da mesma.


Tras a morte da súa nai, ao fillo sorprendeulle a reacción do acusado, que mostrou sempre unha "tranquilidade absoluta" ante a morte da que fose a súa esposa durante máis de 40 anos. Asegura, ademais, que en ningún momento o seu pai se preguntou "que pasara" nin mostrou interese por saber quen cometera o crime.


"NON FOI CAPAZ DE FACELO"


Fronte a isto, e a diferenza da declaración do seu irmán, a outra filla do matrimonio negou que o seu pai maltratase á súa nai, e que esta tivese intención de poñer fin ao matrimonio.


"Os meus pais sempre discutiron como calquera matrimonio", dixo esta muller que en todo momento negou agresións físicas por parte do seu proxenitor.


A preguntas da acusación, sinalou que en varios ocasións interrogou a seu pai polo ocorrido: "Eu pregunteille que dixese a verdade e el sempre mantivo que era inocente".


"O meu pai, o que me criou, non foi capaz de facer iso; o que o fixo non estaba no seu san xuízo. Se o fixo o meu pai, ou calquera persoa, non era un ser humano nese momento", afirmou a filla do acusado.


Na sesión deste martes tamén declarou o amigo co que presuntamente o acusado mantiña unha relación sentimental, quen asegurou que o día dos feitos estivo a facer xestións pola mañá co procesado, ao que lle unía -segundo di- unha relación de amizade, e que este non manifestou "nada raro" no seu comportamento.


VECIÑOS


Pola súa banda, varios veciños relataron como era a relación do matrimonio e como se decataron dos feitos ocorridos. Unha testemuña asegurou que a vítima lle recoñeceu que tiña "medo" ao seu marido.


"Vino tan tranquilo saír da súa casa para pedir que chamase á policía e á ambulancia", declarou outra veciña, que considera que o acusado non tivo unha "reacción lóxica" tras o ocorrido.


Pola Audiencia Provincial da Coruña tamén pasaron os profesionais médicos que acudiron ao domicilio tras recibir unha chamada de emerxencia, e a quen, do mesmo xeito que aos veciños, lles sorprendeu a reacción do acusado, que parecía non estar afectado pola morte da súa muller.


O acusado, que negou os feitos e alegou que atopou á súa muller morta ao chegar a casa, enfróntase á petición da Fiscalía de 15 anos de prisión como autor dun delito de homicidio. Pola súa banda, a acusación particular, exercida polo fillo da vítima e do acusado, solicita para este unha pena de 20 anos de prisión, porque o considera autor dun delito de asasinato con aleivosía e ensañamento.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE