A elección de Concepción Pombo para dirixir a CRTVG irá a segunda votación ao non apoiala a oposición

O PP defende a traxectoria da aspirante e a oposición acusa o grupo maioritario de converter á CRTVG no seu "gabinete de propagada"

|

Concepción Pombo

O PP defende a traxectoria da aspirante e a oposición acusa o grupo maioritario de converter á CRTVG no seu "gabinete de propagada"

A elección de Concepción Pombo como directora da que será a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, S.A. (CSAG), a até agora CRTVG, irá a segunda votación ao contar só cos votos a favor do Partido Popular. A oposición, que reiterou as súas críticas, decidiu non apoiar á aspirante.

A designación de Concepción Pombo como candidata a dirixir a CRTVG chegou este martes ao pleno da Cámara galega após ser aprobada a súa candidatura en solitario polo PP na Comisión de control dos medios públicos.

Nunha votación secreta e mediante papeletas, os deputados do PPdeG situáronse a favor, mentres que a oposición optou pola papeleta en branco --a única opción contraria permitida--. Ao non alcanzar a maioría de dous terzos da Cámara (50 votos), a votación repetirase no pleno no prazo dun mes, cando a aspirante poderá resultar elixida con maioría de tres quintos da Cámara (45 votos). De non alcanzarse tampouco esta maioría de tres quintos, incluirase a elección no seguinte pleno, no que poderá ser elixida por maioría absoluta.

No debate, no que o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, declinou comparecer, os grupos da Cámara volveron a reiterar as súas posicións. Así, a primeira en intervir foi a parlamentaria socialista Silvia Longueira, quen cualificou a elección da nova dirección da CRTVC como un "thriller sen suspense nin xiro dramático" no que, "pase o que pase", "a señora Pombo será a máxima responsable das próximas campañas de propaganda do PP".

Na súa nova etapa como directora xeral, Silvia Longueira sostivo que Concepción Pombo só terá que facer "o que fixo até agora" e que, segundo indicou, pasa por "seguir disciplinadamente as normas" e "acatar as decisións tomadas no despacho do presidente da Xunta" despois de asegurarse de que é "máis beneficioso para a máquina de publicidade do PP".

Despois da intervención da socialista, a parlamentaria do BNG Olalla Rodil, iniciou o seu discurso deixando claro que a súa formación non apoiará este nomeamento ao considerar que supón forma parte dun proceso, a nova lei de medios públicos, que implica "un enorme retroceso democrático" ao permitir que se poida designar "única e exclusivamente cos votos do PP".

Despois de censurar que o PP faga en Galicia o que en Madrid tacha de "asalto ás institucións", avanzou que o único que deixará Concepción Pombo na CRTVG será "máis propaganda e menos pluralismo". "Unha candidata que leva oito anos exercendo con man de ferro o control político na radio e a televisión pública de Galicia para convertela no gabinete de propaganda do PP", afirmou.

"Xa é absolutamente imposible diferenciar o argumento do partido da escaleta do Telexornal", censurou para pór como exemplo diso a denuncia por agresión sexual contra o conselleiro do Mar. "É un exemplo absolutamente palmario disto", sostivo para censurar que a cobertura informativa deste asunto reducísese "ao titular dun día" e "á toma de posesión dunha nova conselleira".

Fronte a iso, Rodil subliñou que o traballo do BNG "seguirá encamiñado a devolver a CRTVG ás súas lexítimas propietarias e propietarios, que é a xente deste país". "Porque ademais dun dereito de todas as galegas e galegos, rescatar a CRTVG é xa unha cuestión de hixiene democrática", dixo.

Pola súa banda, a deputada do PPdeG Carmen Pomar sostivo que con esta votación iníciase o peche dun ciclo "de máis dun ano de duración" cunha lei "necesaria para adaptar o marco normativo á regulación estatal e europea". "Pero tamén para facelo á nova realidade derivada dos imparables e acelerados cambios tecnolóxicos dos últimos anos", indicou.

Pomar, que aproveitou para trasladar o seu "recoñecemento" á "xestión exemplar" realizada polo director xeral saínte Alfonso Sánchez Izquierdo, acusou á oposición de "ir de farol" cando se lle "enche a boca falando da necesidade de consenso". "Nin queren consenso nin cren no consenso", afirmou para criticar tamén que non propuxesen candidatos a esta responsabilidade.

A parlamentaria do PP tamén puxo en valor a capacidade da aspirante para a responsabilidade, con "experiencia e notable coñecemento da corporación". "A candidata é, sen dúbida, unha aposta decidido polo talento e pola canteira propia", dixo.

Ademais, sostivo que, "a diferenza" da oposición, o PP "non pide carné da os profesionais". "Vostedes carecen de credibilidade cando falan de independencia dos medios de comunicación públicos", subliñou para apelar aos grupos a "votar en conciencia" para elixir "sen máis demora" á nova directora.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE