Don Tancredo y la democracia

Manoel Barbeitos
Economista

Mordaza hologramas

"No he de callar

por más que con el dedo,

ya tocando la boca, o ya la frente

silencio avises o amenaces miedo".

(Francisco de Quevedo)


Unha democracia forte aséntase no DIÁLOGO. Diálogo entre os distintos gobernos e a sociedade civil, ben directamente, ben ao través dos seus lexítimos representantes. Diálogo que fortalece e enriquece o sistema sempre e cando os gobernos saiban escoitar a atender as xustas reivindicacións dos cidadáns. Pero, en Galiza e en España atopámonos cuns gobernos, ámbolos dous en mans do PP (Partido Popular), que non saben nin queren dialogar. Algo que non debera estrañar dada a súa raíz franquista. Non só non dialogan ,senón que se atreven incluso a atacar, cando non a insultar as voces opositoras –gobernos autonómicos, partidos políticos, sindicatos, entidades asociativas- e a mentir cun descaro inaudito e un concepto despótico do poder.


En Galiza vimos de ter unha evidencia do sinalado no comportamento da Xunta de Galiza (PP), e moi especialmente do Presidente (A. Núñez Feijóo), diante das xustas reivindicacións dos traballadores e dunha maioría de cidadáns polo deterioro de servizos públicos tan relevantes como a atención sanitaria e a xustiza. A resposta daqueles, insultando aos partidos da oposición, desprezando os representantes sociais, mentindo sobre a realidade, non é máis que unha evidencia de que o DIÁLOGO non entra na praxe política dos dirixentes do PP (Partido Popular).


Unha democracia forte apóiase tamén nunha garantía absoluta dos DEREITOS E LIBERDADES DEMOCRÁTICAS. Dereitos e liberdades que hoxe corren serio perigo en España, e en Galiza, por mor do concepto tan limitado da democracia que ten o partido gobernante (PP). Un partido que, aproveitándose, por caso, da crise catalá é quen de utilizar tódolos medios ao seu alcance para tapar as súas vergoñas –intensa e extensa corrupción, políticas que fomentan a desigualdade e a exclusión social, manifesta incompetencia gobernamental- e deteriorar a democracia. Así, ao tempo que se asiste ao barullo da crise catalá, estase producindo en España un moi preocupante retroceso nos dereitos e liberdades democráticas.


Si podemos situar o inicio deste retroceso cando a aprobación, pola porta de atrás, da reforma do artigo 135 da Constitución (2011) que veu lexitimar, co apoio dos dous grandes partidos sistémicos (PSOE, PP), pór os intereses da grande banca (unha minoría privilexiada) por riba dos intereses da maioría da poboación. A confirmación definitiva deste retroceso viría con posterioridade, cando o goberno do PP (Partido Popular) foi quen de aprobar unha serie de leis que van todas na dirección de recortar os dereitos e as liberdades democráticas. Velaí por caso a chamada Lei Mordaza (Lei Orgánica de protección da seguridade cidadá, 2015), unha lei que ata o propio New York Times criticaría por considerar que “trae lembranzas dos peores días do réxime de Franco e non procede nunha nación democrática”. Unha lei que incluso se está utilizando para castigar opinións negativas sobre a ditadura franquista e os seus dirixentes, aínda cando se trate de auténticos criminais e xenocidas como por caso o propio Franco ou Carrero Blanco. Aí esta a recente resolución da Audiencia Nacional pola que condena a un ano de prisión a unha tuiteira (Cassandra Vera) por facer chistes sobre Carrero Blanco (!). 


Unha evidencia máis que se suma a un crecente número de sancións de todo tipo –penas de prisión, multas… que se aproximan as 200.000 ao día de hoxe-, posibles grazas a unha lei que, como moi ben sinala AI (Amnistía Internacional) supón unha limitación "ilexítima, innecesaria e desproporcionada do exercicio da liberdade de expresión, xuntanza e información", ademais de ampliar sen ningún tipo de control "os poderes e a discrecionalidade dos corpos e forzas de seguridade do Estado nas súas intervencións relativas a seguridade cidadá". Unha lei que, como subliñan distintas fontes democráticas, nos retrotrae en materia de dereitos e liberdades democráticas á sinistra época de Arias Navarro. Unha lei que viu para confirmar que en España, e en Galiza, goberna hoxe unha das dereitas máis reaccionarias de Europa (PP). Unha dereita que, por certo, conta co apoio dunha monarquía (Felipe VI) igual de reaccionaria: velaí por caso a desproporcionada reacción da Coroa diante da crise catalá.


Como sinalaba, a Lei Mordaza –entre cuxas vítimas hai desde periodistas ata prostitutas pasando por estudantes, internautas, cómicos, manifestantes...- marcou tamén un punto de inflexión na involución democrática en España. Unha involución que non para, e aí temos o indecente intento do goberno español (PP), co apoio entusiasta do goberno galego (PP), de aproveitar a lóxica indignación cidadá diante dalgúns crimes execrables para iniciar unha ofensiva institucional a tódolos niveis na procura de apoios a prol da prisión permanente revisable e da ampliación dos delitos aos que se lles pode aplicar a pena. Unha acción que, como moi ben sinalou o líder da oposición galega (Luís Villares), parece ignorar cal debe ser a finalidade das penas de prisión e ter como único obxectivo procurar o enfrontamento partidario e o beneficio electoral xogando coa dor das vítimas. En relación a esta decisión política quero recoller aquí as oportunas declaracións do portavoz en Galiza de Xuíces pola Democracia (Xermán Varela), quen manifestaba que con esta acción o Partido Popular presenta "a cadea perpetua como a outra cara da pena de morte, porque a súa filosofía é a mesma: considerar unha determinada persoa como un alleo á sociedade á que hai que eliminar da vida social de forma completa e para sempre. Desde o momento en que iso se acepta, ábrese a porta ao seguinte paso, que é matalo, e iso é terrible".


Neste repaso a algunhas das principais medidas involucionistas do goberno español (PP), cómpre subliñar como este procura aproveitar as torpezas políticas dos dirixentes independentistas cataláns para lexislar pensando en sancionalos duramente. Así, vén de presentar unha emenda a un proxecto de lei do PSOE, dirixido a evitar o indulto a condenados por corrupción e malos tratos, que busca ampliar a sanción a condenados por delitos de rebelión e sedición que non poderán ser indultados. Unha iniciativa que, se ten como diana os dirixentes independentistas cataláns, ten tamén como obxectivo dar un forte golpe centralizador ao estado das autonomías. En relación a estas actuacións non deixa de ser rechamante que mentres Oriol Junqueras e os Jordi seguen en prisión –por “risco de reiteración delitiva”- outros políticos tamén imputados, estes do Partido Popular (PP), como por caso Francisco Camps –emporcado en numerosos casos de corrupción- non so están ceibes senón que manteñen, por iniciativa do goberno español (PP) os seus privilexios –salario (57.000 euros anuais), coche oficial, chofer e secretaria-.


Todas estas actuacións que implican un enorme retroceso nos dereitos e liberdades democráticas hai que encadralas no contexto en que actualmente se move España, e Galiza. Un contexto de grande recesión económica e imparable crecemento das desigualdades froito de políticas, austeridade fiscal e rebaixa salarial, que para unha maior eficacia precisan dunha menor democracia. Moito menor se aquelas se acompañan dunha abraiante corrupción política.


Actuacións as que non é allea a crecente rivalidade entre os dous grandes partidos da dereita española (PP e Cs) por ver quen consegue gañar o electorado máis conservador de España, e Galiza. 


Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress