#Claves de la semana
O titular da Xunta respondeu hoxe ás preguntas dos grupos no Parlamento

O titular da Xunta respondeu ás preguntas dos grupos no Parlamento


Feijóo valora que todas as forzas políticas recoñezan o crecemento da economía galega e garante o compromiso da Xunta para seguir traballando neste obxectivo.

Incide en que Galicia, durante a recesión económica, “tivo unha fortaleza superior ao resto das comunidades e hoxe está nunha posición de optimismo” en relación coa economía deste ano 2015


|

Santiago, 11 marzo de 2015.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, valorou hoxe no pleno do Parlamento o feito de que “por fin” todas as forzas políticas recoñezan o crecemento da economía galega e garantiu o compromiso do Goberno autonómico para seguir traballando neste obxectivo.


“Hoxe pregúntanme por unha entidade financeira que xa non dá perdas e por unha economía galega que xa deixou de decrecer, algo inédito”, aseverou, en alusión ás preguntas dos grupos, logo de incidir en que por primeira vez a economía galega medrou desde o ano 2010.


Nesta liña, salientou que, “na Comunidade, hoxe, hai 22.500 persoas menos nas oficinas de desemprego e 15.000 afiliados máis á Seguridade Social. Temos menos paro que o ano pasado, que hai dous anos e que hai tres. O sector servizos subiu un punto e medio e o sector primario volveu subir un 1,1. E estase recuperando o consumo e as exportacións”.


Non obstante, durante a súa intervención, Feijóo explicou o comportamento do PIB no 2014 referíndose á situación do sector naval e da automoción. E, neste senso lembrou, a modo de exemplo, que mentres no sector do automóbil, España crece o 8,5%, Galicia decreceu un 1% e, no naval, os estaleiros non puideron durante dous anos producir barcos como consecuencia do tax-lease.


Feijóo salientou que a Xunta seguirá traballando nestes sectores. “Nunca negamos os problemas da automoción e do naval e por iso nos puxemos a traballar e imos seguir traballando e, neste momento, en Vigo hai un compromiso de PSA-Peugeot Citröen de facer novos modelos a partir de 2017 -un compromiso de 600 millóns de investimento-; e, na industria do naval hai 1.300 millóns de contratos en execución ou asinados”.


En resposta á pregunta sobre a entidade financeira Abanca, Feijóo salientou que, mentres outras comunidades quedaron sen entidades financeiras radicadas no seu ámbito territorial, Galicia mantén unha entidade financeira “radicada en Galicia, con emprego en Galicia, con oficinas en Galicia e producindo efectos positivos en Galicia”. “Desde sempre a postura deste Goberno foi clara. Nós pretendiamos manter en Galicia unha entidade financeira estable, vinculada con Galicia, solvente e socialmente comprometida. Manter o emprego, manter a maior parte da rede de oficinas e manter a obra social. Ese era o compromiso e a oferta que gañou a poxa cumpría eses requisitos”, abundou.


Concluíu resaltando que o consumo das administracións públicas subiu seis veces máis que a media de España -0,1% en España e 0,6% en Galicia-. “É dicir, a Xunta e as administracións públicas investiron moito máis en Galicia que no resto do país; pagamos aos provedores un mes antes que no resto das comunidades; os galegos debemos moito menos diñeiro que a media dos españois e mantivemos os nosos servizos públicos sen acudir aos 90.000 millóns que España puxo para as administracións públicas”, lembrou, insistindo en que Galicia, durante a recesión económica, “tivo unha fortaleza superior ao resto das comunidades e hoxe está nunha posición de optimismo” en relación coa economía deste ano 2015.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE