#Claves de la semana
SEGUNDO UN INFORME DE HACIENDA

Galicia recibe un 7,21% do seu PIB doutras comunidades, cun saldo fiscal favorable de 3.946 millóns

A Comunidade de Madrid achega un 9,5%, fronte ao 5% de Baleares e o 3,75% de Cataluña


|

Galicia ten un saldo fiscal favorable co resto do territorio estatal por valor de 3.946 millóns de euros o que equivale ao 7,21% do seu Produto Interior Bruto (PIB), segundo datos correspondentes a 2012 do informe 'Sistema de Contas Públicas Territorializadas' difundido este martes polo Ministerio de Hacienda. En termos per cápita, a comunidade recibe 1.423 euros por persoa.


Do outro lado, a Comunidade de Madrid ten un saldo fiscal negativo co resto do territorio por valor de 19.015 millóns de euros o que equivale ao 9,57% do seu PIB, mentres que en Baleares a contribución ascende a 1.330 millóns, un 5,08% do seu PIB, e en Cataluña a 7.439 millóns, un 3,75% do seu PIB.

O informe de Facenda foi elaborado a partir dunha metodoloxía deseñada por Ángel de la Fuente, Ramón Barberán e Ezequiel Uriel e avalía a relación entre cargas e beneficios como consecuencia da incidencia en cada territorio dos presupostos públicos.

Así, mostra que Madrid, Baleares e Cataluña, xunto a Valencia, que achega 1.453 millóns (1,48% do PIB), son as catro comunidades contribuíntes netas, cuns fluxos de saída equivalentes a unha media do 5,6% do PIB.

RECEPTORAS NETAS

No caso das receptoras netas, os fluxos de entrada equivaleron a unha media do 5,5% do seu PIB. En total, os fluxos redistributivos entre diferentes comunidades ascenderon en 2012 a 26.000 millóns de euros, un 2,8% do PIB de España.

Dentro das rexións receptoras por orde de peso sobre o produto interior, Ceuta e Melilla recibiron 721 millóns, un 24,5% do seu PIB, por diante de Extremadura, que tivo un saldo positivo de 2.655 millóns, un 15,6% do seu PIB. O saldo de Canarias foi favorable por valor de 3.479 millóns (8,58% do PIB), fronte aos 1.828 millóns de Asturias (8,4%) e os 3.946 millóns de Galicia (7,21%).

A sexta autonomía cun saldo fiscal positivo máis elevado en termos de PIB é Andalucía (6,02%, 8.531 millóns), por diante de Castilla-La Mancha (6%, 2.291 millóns), Castilla e León (5,42%, 2.933 millóns), País Vasco (2,43%, 1.562 millóns), Cantabria (2,19%, 270 millóns), Navarra (2,09%, 371 millóns), Aragón (1,54%, 509 millóns), La Rioja (0,54%, 42 millóns) e Murcia (0,36%, 98 millóns).

PÉR CÁPITA

En termos per cápita, a comunidade autónoma que máis achega é Madrid, con 2.927 euros por persoa, por diante dos 1.192 euros de Baleares, os 984 euros de Cataluña e os 284 euros de Valencia.

Os cidadáns que máis reciben son os de Ceuta e Melilla (4.336 euros per cápita), fronte aos 2.401 euros de Extremadura, os 1.704 de Asturias, os 1.642 de Canarias, os 1.423 de Canarias e os 1.158 de Castilla e León.

A continuación atopan os 1.085 euros de Castilla-La Mancha, os 1.010 euros de Andalucía, os 713 euros de País Vasco, os 576 euros de Navarra, os 377 euros de Aragón, os 456 euros de Cantabria, os 131 euros de La Rioja e os 66 euros de Murcia.

OS "MÁIS RICOS" ACHEGAN MÁIS

Entre as conclusións do estudio, Facenda destaca que, "como cabería esperar, o saldo fiscal tende a empeorar segundo aumenta a renda per cápita, de forma que os territorios máis ricos xeralmente presentan déficit fiscais mentres que os de menor renda adoitan gozar de superávits".

Facenda, que defende o "esforzo notable de transparencia" deste traballo, que non se publica en ningún outro país, asegura que "os impostos soportados polos residentes dos distintos territorios aumentan co nivel de renda, aínda que con altibaixos significativos que revelan diferenzas en niveis de presión fiscal entre territorios, mentres que os gastos non mostran unha relación sistemática con esta variable".

Tamén sinala que case o 70% dos saldos fiscais rexionais se debe a que nos territorios con maior renda se pagan máis impostos que nos máis pobres, mentres que o 30% restante é "máis problemático" e procede de "políticas de gasto, nalgunhas das cales podería haber unha maior discrecionalidade". 

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE