#Claves de la semana
BELAS ARTES, EN PONTEVEDRA, CELEBRA OS 25 ANOS DO SEU COMENZO, COMO FACULTADE

Belas Artes abre as súas portas á cidade de Pontevedra para facer balance de 25 anos, con múltiples actividades

A facultade celebra o 30 de outubro o seu cuarto de século de historia con diferentes actos


|


(De izqda. a dereita) De Laiglesia, García, Chavete, Meana, Barcia, Hernández e Roselló, en primeiro termo, son os sete decanos cos que contou a facultade


“Somos a única facultade do campus que se atopa no centro da cidade e queremos que a nosa presenza non sexa só arquitectónica, un dos nosos propósitos é que haxa un maior contacto coa nosa contorna”, sinala neste senso a decana da facultade, Silvia García, quen entende que esta xornada de celebración constitúe unha “excelente oportunidade para que a cidadanía acuda á facultade e vexa o que facemos”.


Unha viaxe ás “entrañas” do antigo cuartel

No outono de 1990, a que fora a sede do antigo Fogar Provincial de Pontevedra, na rúa Sierra recibía aos primeiros alumnos de Belas Artes, unha titulación que botaba a andar ao mesmo tempo que a propia Universidade de Vigo. 25 anos despois, tanto a institución académica como a Facultade de Belas Artes, emprazada desde hai xa dúas décadas no antigo cuartel de San Fernando, conmemoran este 2015 o seu primeiro cuarto de século de historia.


Unha efeméride que este centro do campus pontevedrés celebra este venres abrindo as súas portas á cidadanía e aos artistas e as artistas forxados no seu interior ao longo de 25 anos. “A nosa idea fundamental é visibilizar o que fai a facultade entre a sociedade”, salienta a actual decana, Silvia García, dun programa de actos no que ás lembranzas do percorrido realizado e ao debate sobre o futuro súmanse visitas guiadas ás instalacións, un mercadiño de creacións artísticas ou a estrea dunhas novas vitrinas expositivas na entrada do centro.


25 ANOS NARRADOS EN PRIMEIRA PERSOA


Co propósito de botar a vista cara atrás e “documentar a historia destes 25 anos”, como salienta García, Belas Artes acolleu este mediodía unha mesa redonda na que estiveron presentes os diferentes decanos cos que contou o centro neste cuarto de século. Unha mesa que permitiu lembrar os inicios no antigo Fogar Provincial dun “proxecto que era tan forte que superaba calquera escaseza, que foron moitas”, como lembrou o primeiro decano, Juan Fernando de Laiglesia, quen recordaba con humor que, naqueles primeiros días, “a nosa infraestrutura consistía nunha fotocopiadora e un fax”.


Do posterior traslado ao cuartel de San Fernando foi testemuña directa o seu sucesor no Decanato, José Chavete, quen nesta mesa de debate lembraba os anos de “crecemento e estabilización” dun centro “polo que pasaron xa milleiros de alumnos, milleiros de galegos que teñen unha sensibilidade distinta cara arte”.


“O máis importante é que a facultade converteu a Pontevedra nunha cidade universitaria”, engadiu José Roselló, lembrando aqueles inicios dunha titulación que ten no alumnado o seu principal valor. Así o puña de relevo o ex-decano Jesús Hernández, quen destacou os sete anos que permaneceu á fronte do centro como unha etapa que “comezamos coa facultade baleira e eles acabaron enchéndoa coa seu entusiasmo; os corredores estaban cheos de xente pintando, facíanse exposicións, o alumnado foi absolutamente fantástico”.


E o resultado foi “unha facultade mellor do que ás veces nós mesmos pensamos”, como engadiu Ignacio Barcia, que lembrou como principal reto da súa etapa no Decanato o proceso de adaptación a Boloña.


“Belas Artes foi ademais o primeiro centro da Universidade no que se implantaron os novos títulos de grao e iso supuxo un traballo enorme, no que había que inventar moitas cousas, xa que non había exemplos”, sinalou Barcia, que salientou como un dos logros deste primeiro cuarto de século “as relacións que se conseguiron establecer co exterior, tanto co ámbito artístico, como coa propia cidade”.


Nesa mesma liña pronunciouse tamén o seu sucesor, Juan Carlos Meana, que incidiu en que “abrir a facultade ao contexto social, sacala a rúa” foi un dos principais retos da súa etapa, que rematou a comezos do presente ano, non sen antes lembrar que no panorama artístico galego “hai un antes e un despois” da creación da Facultade de Belas Artes, que xunto coa posta en marcha do CGAC en Santiago, supuxeron “dous feitos fundamentais para cambiar a panorámica da arte contemporánea en Galicia”.

Asistentes á mesa redonda 'Pasado e futuro da facultade'


PROTAGONISMO PARA O ALUMNADO


Con ese propósito de facer achegar a facultade á sociedade, no programa de actos desta xornada cobraron especial protagonismo tanto o alumnado como os titulados.


40 deles son, de feito, os protagonistas da Feira de Creación que permanece instalada nos corredores da planta baixa e onde poñen á venda unha serie de obras de pequeno formato, como libros de artista, fanzines ou fotografías.

As obras de pequeno formato son así mesmo, as protagonistas do Proxecto Vitrinas, uns caixóns instalados na entrada da facultade, que serán inaugurados esta tarde conxuntamente coas obras producidas pola empresa Lab-In, nun concurso promovido con motivo deste 25 aniversario.


Julio Manuel Álvarez, Teresa Búa, Diego Germade, Ana Isabel Gil, Horacio González, Ana Isabel González, Tatiana Lameiro, Débora Mascaró, Rosa Neutro, Yolanda Ríos e Verónica Vicente foron os artistas seleccionados neste certame e as obras que nesta xornada se exhibiron no centro pasarán a formar parte da exposición itinerante coas que Belas Artes fará balance deste cuarto de século.


Así mesmo, a colaboración da Delegación do Alumnado na decoración do centro, a intervención artística realizada por un grupo de estudantes, baixo a coordinación da profesora Almudena Fariña, no salón de actos onde terá lugar o acto institucional ou a performance coa que se pechará a xornada constitúen outras das achegas realizadas polo alumnado do centro a esta celebración do 25 aniversario.


Do mesmo xeito, os egresados tamén son protagonistas da xornada con actos como o seminario sobre teatro de obxectos impartido por Ignacio Vilariño, impulsor da compañía Fantoches Baj, ou coa presentación da recentemente creada asociación de ex-alumnos Rede por Belas Artes, un colectivo impulsado por un grupo de 15 egresados de diferentes promocións.


“Tras estes 25 anos, pensamos que era necesario xerar unha rede que nos unira e agrupara para consolidar a nosa presenza na sociedade galega, pois vemos necesario impulsar a nosa profesión para que teña unha maior proxección social, sinala nese senso a súa presidenta, Marta Fariña.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE