#Claves de la semana
III FORO DA COMUNICACIÓN DE GALICIA

O Foro da Comunicación de Galicia 2015, defende a contratación de profesionais como un investimento

Unha quincena de expertos analizaron o presente e o futuro da comunicación, o marketing e a publicidade poñendo en valor que sexan realizados por profesionais




|

Só o 20% das pequeñas e medianas empresas de Galicia teñen profesionalizada a súa comunicación. O 54% dos empresarios galegos non valoran a función da comunicación na empresa e só un 29% estarían dispostos a investir en comunicación realizada por profesionais. Webs corporativas realizadas polo persoal de informática ou de Recursos Humanos…


Con este panorama sobre a mesa, celebrouse hoxe en Expourense a terceira edición do Foro da Comunicación de Galicia onde unha quincena de profesionais da comunicación, a publicidade e o marketing, defenderon a posta en valor da comunicación como un investimento e non coma un gasto.


Insistiron ademais na necesidade de que estes servizos estean realizados por profesionais e que para competir nun mundo globalizado e ser responsables cos clientes e usuarios, as empresas deben incluír á comunicación no seu orzamento, ben a través da contratación en plantilla ou a través dos servizos contratados a unha consultora externa.


A conferencia inaugural estivo impartida polo profesor Miquel de Moragas Spà, Catedrático da Facultade de Comunicación da Universidade Autónoma de Barcelona, a quen presentou: Xosé Ramón Pousa. Decano de la Facultad de Ciencias de la Comunicación de Santiago de Compostela, o profesor mostrou detalladamente un estudo realizado por el mesmo sobre a semiótica e os símbolos nas cidades, onde defendeu o espazo público como símbolo de democracia e dunha sociedade evolucionada, “un dos grandes logros da nosa sociedade é que unha persoa poida ir camiñando pola rúa soa. As rúas son un espazo público que debemos defender como noso, non podemos permitir que se comercialice con él”, indicou, facendo referencia á aparición de rúas ou liñas de servizos públicos que levan nomes de empresas (exemplo: liña de metro Vodafone 2, tranvía La Caixa Tibidabo…). Centrado o seu estudo na cidade de Barcelona, Moragas criticou a “represión icónica da muller en monumentos e rúas. Só un 6% dos monumentos da cidade están adicados a mulleres”



A mañá continuou coa ponencia de Manuel Gago, profesor da Facultade de Comunicación de Santiago, quen deixou ver que a comunicación científica é un nicho de audiencia e de emprego indicando ademais que a comunicación científica nos medios de comunicación galega é aínda moi deficiente. “Na comunicación científica o interesante non está nos resultados, está no proceso. Os medios quédanse cos resultados finais”.


David Martínez. CEO e Fundador de Openhost(c)


A xornada continuou cunha mesa redonda na que foron presentados novos proxectos vencellados coa comunicación en Galicia. 


Logo disto, tivo lugar a mesa na que dúas consultoras de comunicación explicaron a situación actual da comunicación profesional en Galicia e da necesidade de que esta sexa vista como algo estratéxico para unha empresa. Nesta mesa falouse do cambio de concepto que está a vivir a comunicación e o marketing. Se ata agora se falaba das “4 P’s” da comunicación (produto, promoción, praza e prezo), agora fálase das “4 C’s” (consumidor, comunicación, convivencia e custo-beneficio).


A sesión de mañá rematou co obradoiro de Co-Marketing impartido polo presidente de MARKEA, José Luis Reza, quen explicou que esta estratexia empresarial conleva a cooperación entre dúas empresas para o beneficio de ambas xurdida de sectores complementarios ou completamente diferentes. Con numerosos exemplos prácticos, Reza deixou claro que “a calidade non existe, está na mente do consumidor”.


A sesión de tarde comezou coa mesa redonda sobre comunicación para a cooperación e a solidariedade na que participou a subdirectora xeral para a Cooperación da Xunta de Galicia, Pilar Romero, o presidente de AGARESO (reporteiros galegos solidarios) quen declarou que “o xornalismo de cooperación é un servizo público” e denunciou casos como o do goberno de Nicaragua que está a queimar libros de xornalistas onde se tratan conceptos como a liberdade de expresión.


Despois disto foi presentado o proxecto de termalismo solidario “Smiley Water” promovido pola Deputación de Ourense, no que colaboran Cruz Vermella, Expourense e o Colexio Padre Feijóo de Ourense e que ten o obxectivo de axudar aos nenos e nenas de países en conflito de Oriente Medio.


Logo disto, tivo lugar a clase maxistral de Alberto Dafonte, profesor da Facultade de Comunicación de Pontevedra, sobre a viralidade da información e por qué compartimos contidos a través das redes.


A conferencia de clausura foi impartida polo director de ABC, Bieito Rubido, quen analizou o panorama español ante as próximas eleccións xerais do 20D. “Yihadismo, a integración dos inmigrantes e a baixa taxa de natalidade” foron sinalados polo xornalista como os tres pincipais problemas de España e apuntou como posibles vías de solución.


Entrega III Premios á Comunicación Innovadora de Galicia


O programa deste 3º Foro concluíu coa entrega da terceira edición dos Premios á Comunicación Innovadora de Galicia que xurdiron co obxectivo de recoñecer publicamente iniciativas profesionais e empresariais que tiveran destacado por revalorizar o campo da comunicación, fomentando con elo o desenvolvemento socioeconómico da comunidade galega.    

Nesta ocasión recaeron nas seguintes empresas:


Premio a Estratexia de Comunicación Empresarial desenvolta por unha PEME


Recaeu na axencia de publicidade Quattro IDCP (A Coruña), responsable da campaña “Sex Invaders”, un proxecto para Facebook da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia para divulgar información preventiva sobre as infeccións de transmisión sexual (ITS) aos cidadáns galegos. 


Foi unha iniciativa pioneira en España, xa que ningunha administración autonómica utilizara a rede social nese momento para contactar co target xuvenil (18-25 anos), divulgar información sobre esta temática e atender consultas privadas personalizadas e de carácter confidencial mediante o servizo de mensaxería de Facebook. Aplicouse unha estratexia de “GAMIFICACIÓN” creando un xogo no que cada nivel representada unha das 9 infeccións máis frecuentes. O resultado, un maior coñecemento dos costumes sexuais dun público obxectivo que se ten en conta á hora de deseñar estratexias e campañas informativas no ámbito da prevención das enfermidades de transmisión sexual.


Premio á Iniciativa Emprendedora no eido da comunicación


Este premio é para o proxecto “FollowUs TV” promovido polo Grupo Galego de Televisión e Comunicación (Ourense). 


Preséntanse co lema “la televisión del mañana, hoy!”. Canle de televisión dixital temática en HD que ofrece contidos audiovisuais á carta, xa que cada usuario pode acceder aos que queira e visionalos cómodamente ademais de poder comentalos e valorar os contidos.


Premio á Comunicación dixital no sector do xornalismo


Este premio recaeu na revista online “GCiencia” creada por Ciencia Galega Industrias Creativas S.L.(Vigo). Hoxe mesmo cumpren dous anos de existencia convertidos no medio de comunicación de referencia da ciencia e a tecnoloxía de Galicia. 


A filosofía de GCiencia consiste en divulgar entre o público xeral a ciencia e a tecnoloxía que se desenvolven en Galicia.


Entre as súas firmas atópanse as de científicos galegos de primeira orde como Anxo Carracedo, Mar Capeáns, Antonio Figueras, Jorge Mira, entre outros. A filosofía de GCiencia non conclúe na súa propia web. Como parte do seu labor divulgativa e de fomento do pensamento crítico, a cabeceira organiza distintas actividades, das que destacamos dúas: os premios de xornalismo científico “Contar a Ciencia”, destinado a alumnos de Comunicación das universidades galegas, que celebrou xa a súa segunda edición, e os galardóns “Galicia Spin-Off” que recoñecen ás mellores empresas galegas nadas no ámbito universitario, e que se entregarán o 30 de novembro na súa primeira edición.


Distinción especial “Novos Talentos” no sector da comunicación


O gañador foi o “Proxecto Pilgrim” (O Burgo, A Coruña) da empresa Pilgrim Solutions. Trátase dun proxecto tecnolóxico para facer chegar o Camiño de Santiago e o Turismo de Galicia a todos os rincóns do mundo, facéndoo accesible a todas as nacionalidades que nos visitan puidendo acceder a todo tipo de información a través de dipositivos móbiles ou aplicacións webs. Cubrense así todas as necesidades do peregrino ó longo da súa experiencia turística. 


A innovación ven dada polo seu motor GIS, totalmente novidoso en Europa, que permite seleccionar a información en base áxeolocalización do usuario, calcular distancias, obter información en tempo e ubicación real, ademais de poder ser compartida e accesible en comunidade grazas á plataforma de social media. A través da tecnoloxía, ofrecen servizos pioneiros aos peregrinos como tarxetas ou pulseiras coas que abonar nos establecementos sen ter que levar cartos encima ata unha reconfortante ducha quente ao final do camiño. Todo xestionado a través do móbil.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE