#Claves de la semana
ESPECIALMENTE NO QUE AFECTA A CONTRATACIÓNS E CUSTOS

Os concellos galegos "suspenden en transparencia"

O ITA sitúa a Santiago e Pontevedra nos peores postos urbanos de transparencia en Galicia e a contratación como o índice máis baixo


|

REDLOCALIS2

A Rede Local de Administración Pública (Rede Localis) presentou este mércores en Santiago un estudio no que pon de manifesto que a transparencia segue sendo unha materia pendente para os concellos galegos, que “suspenden” na aplicación de diferentes íncides, especialmente no ámbito do persoal especializado.


O colectivo, integrado por investigadores das universidades galegas e profesional municipal, realizou nos últimos meses unha enquisa entre 53 concellos galegos sobre distintos índices de transparencia administrativa.


Segundo explicaron os seus autores, Concepción Campos e José Caamaño, a puntuación media obtida polos municipios galegos neste ámbito sitúase en 2,18 puntos, por debaixo do 3 que suporía o “aprobado”. “Equivale a un suspenso en materia de transparencia”, destacou Caamaño.


En concreto, os municipios galegos só aproban de media un dos 15 ítems analizados por Rede Localis, o relativo á publicación polo concello da información de relevancia xurídica requirida pola Lei de Transparencia, tal como ordenanzas, regulamentos, decretos, estatutos ou bandos municipais. Este apartado obtén unha nota media de 3,23 puntos.


Pola contra, os peores datos rexístranse no campo da existencia de persoal municipal especializado -cunha nota media de 1,53- , a interoperabilidade con cidadáns e empresas -1,75 puntos-, a satisfacción dos cidadáns e a incorporación de suxestións cidadás -1,79 puntos-, a tramitación electrónica das solicitudes de acceso -1,8 puntos- e a política de datos abertos -1,81 puntos-.


En puntuación global, o informe indica que algúns concellos se atopan nunha mellor situación, aínda que a puntuación media máxima se sitúa en 3,6 puntos, o que implica que mesmo os municipios con mellores datos están no límite do aprobado e teñen aínda “marxe de mellora” ata os cinco puntos de máxima.


José Caamaño apuntou que, por tamaño do municipio, os de menos de 5.000 habitantes teñen desvantaxe en cumprimento de transparencia con respecto aos de maior tamaño. Especialmente, os pequenos presentan peores puntuacións en uso de tecnoloxías da información e a comunicación, en información de relevancia xurídica e en compromiso político.


INFORME ITA 2014


No seu estudio, os investigadores de Rede Localis fixeron referencia ao informe ITA 2014, que analiza a transparencia nos grandes concellos de España, incluídas as sete cidades galegas.


Segundo este informe, a transparencia nas grandes cidades galegas está por enriba da media española -de 85,2 puntos- en Vigo -95 puntos- e Ourense -90 puntos-. Os datos, de 2014, sitúan na peor posición a Santiago de Compostela -66,3 puntos- e Pontevedra -43,8 puntos-. A media galega é inferior tamén á estatal e sitúase en 74,7 puntos.


Por indicadores, o peor resultado galego está na transparencia en contratacións e custos de servizo nas cidades galegas, que alcanza só 50 puntos, case 25 por debaixo da media estatal e menos que no estudio de 2012. Os valores máis baixos neste índice volven ser Santiago -25 puntos- e Pontevedra, que obtén un cero.


Os datos son tamén negativos no caso da transparencia económico financeira, que se sitúa nos 77,9 puntos na media das sete cidades galegas fronte aos 90 puntos da media estatal e presenta un “claro retroceso” con respecto ao informe anterior, cando era de 91,9 puntos.


José Caamaño sinalou, non obstante, que as puntuacións altas neste índice “non queren dicir necesariamente” que exista un alto nivel de transparencia. Neste sentido, o investigador sinalou que as puntuacións elevadas “son mellores que as baixas”, pero aclarou que o ITA unicamente comproba o “cumprimento de indicadores”, sen entrar a analizar cuestións “valorativas”, algo que intentaron clarificar co seu informe propio.


Non obstante, Caamaño chamou a atención sobre o feito de que as puntuacións máis baixas neste informe sexan as relativas á área de contratación, unha sección “especialmente vulnerable á corrupción”.


DEPUTACIÓNS


No relativo ás deputacións, os responsables de Rede Localis falaron dun recente estudio de STEM Comunicación sobre o grao de cumprimento da Lei de Transparencia en concellos e deputacións.


Neste estudio analizábase a existencia dun portal de transparencia, en bo funcionamento nas deputacións da Coruña e Ourense pero “mellorable” no caso de Lugo e Pontevedra; ou a dispoñibilidade de espazo de participación, existente na Deputación de Ourense, “a medias” na da Coruña, “sen publicidade” na de Pontevedra e unicamente para consultas na de Lugo.


Ademais, só a deputación de Ourense inclúe, segundo este informe, a biografía dos representantes públicos, mentres que a da Coruña a ten “en desenvolvemento”. Finalmente, está presente tanto en Ourense como en Pontevedra unha sección de declaración de bens dos representantes públicos, que non aparece na de Lugo e está a “esperar datos” na da Coruña.


Segundo estes datos, José Caamaño explicou que a mellor situación é a da Deputación de Pontevedra, mentres que a peor é a de Lugo, aínda que recordou que estas análises se limitan a “comprobar o cumprimento de índices”. En canto aos concellos, este estudio bota datos moi baixos de cumprimento nestes apartados, que non alcanzan en ningunha provincia o 10 por cento dos municipios.


DECÁLOGO DE PROPOSTAS


Tras a análise, Rede Localis trasladou un decálogo de propostas para a implantación e mellora da transparencia nas entidades locais galegas.


Así, segundo sinalou Concepción Campos, é necesario crear redes de apoio interadministrativas que permitan “xerar sinerxías” entre Xunta, Fegamp ou deputacións, entre outros. Dada a dispersión dos núcleos de poboación galegos e o pequeno tamaño dalgúns concellos, Campos indicou que sería unha boa opción a creación conxunta dun portal de transparencia a nivel galego que agrupase voluntariamente os concellos, de modo que os recursos das administracións máis grandes “tirasen” das pequenas.


Por outra banda, incidiu na necesidade de mellorar a aplicación das TIC e a implantación da administración electrónica, así como de simplificar e reducir custos administrativos, de planificar de forma efectiva a rendición de contas e de mellorar a transparencia en áreas “sensibles” como a contratación, “especialmente vulnerable” á corrupción.


A maiores, Rede Localis aposta pola reutilización de datos -o proceso coñecido como open data-, a potenciación dos órganos de control tamén ‘a priori’ e o reforzo dos marcos de integridade e rexeneración democrática para paliar a “importante crise de confianza na administración pública”.


Finalmente, o decálogo fai referencia á necesidade de desenvolver un goberno aberto e de participación cidadá e de fuxir da coñecida como “transparencia cosmética”. “Está ben parecer, pero sobre todo hai que ser”, resumiu Concepción Campos.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE