#Claves de la semana

Campus do Mar acada o selo de excelencia internacional definitivo


|

O Campus do Mar da Universidade de Vigo continuará sendo excelente, pero a partires de agora, de xeito definitivo. A agregación mariña da institución académica viguesa, que agrupa a máis de 3000 investigadores dunha vintena de institucións de Galicia e Portugal, vén de reconfirmar o selo de excelencia que outorga unha comisión internacional designada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, que se encarga de avaliar e analizar a consecución dos obxectivos definidos polos campus de excelencia internacional das universidades españolas. Tralas avaliacións parciais dos anos 2012 e 2013, Campus do Mar acada agora esta de carácter definitivo, que coincide ademais no tempo coa confirmación dunha achega do Ministerio de Educación de 166.845 euros para o financiamento de actividades de internacionalización e empregabilidade do campus de excelencia internacional mariño da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. 


Esta inxección económica chega tras tres anos de paralización efectiva das convocatorias de axudas por parte do Ministerio, o que obrigou a introducir importantes modificacións nos prazos de distribución do orzamento de Campus de Mar, que tivo que reprogramar o préstamo concedido inicialmente para os anos 2011 e 2012, estendéndoo inicialmente aos exercicios dos anos 2013 e 2014 e recentemente aos próximos de 2016 e 2017. Dos máis de 166.000 euros captados por Campus do Mar na convocatoria competitiva do Ministerio para a consolidación de proxectos de excelencia nas universidades españolas, 63.625 destinaranse a impulsar a internacionalización do programa de doutoramento DOMAR, 42.500 ao reforzo da rede Ceimarnet e 60.720 ao fomento da empregabilidade mediante prácticas profesionais.

Unha avaliación que recoñece a internacionalización e lamenta a carencia de infraestruturas

A confirmación do selo de excelencia do Campus do Mar derívase da avaliación realizada por un comité de expertos internacionais que poñen en valor como fortalezas do campus mariño da Universidade de Vigo aspectos como a súa elevada implicación coa sociedade; a promoción do emprendemento, a transferencia de tecnoloxía e o emprego e a internacionalización, cun importante número de estudantes e persoal estranxeiros nos estudos de doutoramento. A creación de clústers e bases de datos de investigación, o fomento da mobilidade e a participación activa no consorcio de campus de excelencia mariños, Ceimarnet, son outras cuestións que a comisión internacional valorou de xeito positivo.

A avaliación dos expertos internacionais, que comeza poñendo de manifesto que o programa sufriu modificacións por mor da crise que afectaron especialmente ao desenvolvemento das infraestruturas, incide nesta eiva ao referirse ás debilidades do campus de excelencia mariño, que agarda desde hai catro anos para poñer en marcha nas instalacións da ETEA, propiedade da Xunta, a súa sede corporativa. “A práctica suspensión do financiamento dos campus de excelencia por parte do Ministerio obrigounos a reprogramar ás actividades previstas, reducindo e mesmo retrasando algunhas delas, como o programa de infraestructuras ou a creación dunha base de datos do mar. É, cando menos, sorprendente que o mesmo Ministerio que suspendeu o financiamento e que denostaba aos campus de excelencia hai tres anos a través da voz do seu anterior máximo dirixente, sinalando que tiñan investido moito en ladrillo, penalicen aos CEIs que decidiron modificar a súa orientación cara ao capital humano”, explica Emilio Fernández, director do Campus do Mar.

A existencia dun programa de doutoramento conxunto, DOMAR, o maior en ciencias e tecnoloxías mariñas de Galicia “con preto de 200 estudantes matriculados nas seis universidades de Galicia e Portugal que o conforman xunto co CSIC e o IEO”, e a participación de Campus do Mar nos últimos cinco anos nun total de 183 proxectos internacionais de investigación, son dúas fortalezas que desde o campus de excelencia mariño consideran que o comité internacional debería ter valorado na súa xusta dimensión á hora de realizar a avaliación final do proxecto.


Actuacións estratéxicas para consolidar o campus


Garantido o seu financiamento ata o ano 2017, Campus do Mar encara o futuro co obxectivo de consolidarse con actuacións estratéxicas, como o reforzo do programa de emprendemento, o impulso de prácticas profesionais en empresas e a consolidación da conexión co polo portugués do CEI. Xunto a estas actuacións nos ámbitos do emprendemento, o fomento do emprego e a internacionalización, Campus do Mar traballará na implementación e consolidación de mestrados interuniversitarios no ámbito da rede Ceimarnet, así como na incorporación de investigadores postdourais con experiencia ao abeiro do programa de captación de talento Fellowsea e na conectividade entre axentes de investigación e sectores económicos.


“A consecución do selo de excelencia é unha boa noticia que nos anima a seguir traballando na liña emprendida hai catro anos. Se algo aprendemos neste tempo é que o Campus do Mar ten enerxía suficiente para funcionar mesmo sen o apoio institucional do Ministerio de Educación ”, explica o director de Campus do Mar, que se amosa convencido de que "podemos crear un polo de excelencia no ámbito mariño e marítimo na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e estou convencido de que acadaremos este obxectivo”, iso si, advirte de que, que isto aconteza antes o despois dependerá da implicación dos gobernos tanto estatais como autonómicos. 

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE