O QUE NON CORRE, VOA...

Manuel Fernando González Iglesias

Rafael Hernando dixit: "O PP gañou as eleccións e ten unha responsabilidade, que é a de tentar gobernar, en tanto que o PSOE perdeu e a pesar diso o seu candidato tenta formar Goberno mediante unha carambola. Non é razoable tentar conseguir nos despachos, con intrigas e con carambolas".


Unha vez máis, un dos dirixentes do partido de Rajoy átase os machos e converte aos cidadáns en parvos continentais, lanzando unha cortina de fume sobre un asunto que, ata os menos sabios en mesteres políticos, descubriron na Europa actual: os gobernos de coalición negócianse e logo páctanse entre as partes que deciden facelo para así configurar maiorías parlamentarias que llo permitan. E esa posibilidade democrática pódese levar a cabo na cafetería de El Corte Inglés, no reservado dun bo restaurante e ata na Abadía de Montserrat, que é un lugar santo, pero cuxas paredes viron que entre rezo e rezo tamén se pode mediar entre dúas partes en conflito obtendo resultados "divinos".


A épica, en política, conduce irremisiblemente ao sectarismo e este, ao desencontro frontal entre os que tratan de chegar a un acordo. Se os populares non entenden que para pactar fai falta soltar lastre e mesmo a presidencia do goberno nada conseguirán de toda a oposición á que durante a recentemente terminada lexislatura someteron ás súas arbitrariedades utilizando --mellor dito, abusando-- da súa gran maioría absoluta.


Toca, pois, dar non un, senón dous pasos atrás se queren, como din, que España teña un goberno estable amparado nun grupo de parlamentarios sólido e cohesionado, que non necesita, de ningunha das maneiras, amarse eternamente, senón tan só pactar un programa de reformas coherente e eficaz que tire cara adiante a economía, o ensino ou a sanidade e elimine, por exemplo, as grandes diferenzas entre os miles de españolitos pobres e as poucas decenas de españolazos ricos que coa crise viven --oh sorpresa!-- do Eurostat moito mellor que os míticos xeques das mil e unha noites.


Se o PP non quere que os socialistas pacten con Podemos, ofrézanlle aos sociatas a cabeza de Rajoy e a presidencia dun goberno no que estean tamén os peperos e os cidadáns de Rivera. Estou seguro de que Pedro Sánchez o pensará dúas veces antes de acordar outro executivo que estea máis á súa esquerda. Pero se non están dispostos a sacrificarse pola súa "España", apártense e permitan que sexa a xente a que xulgue durante ¿media lexislatura?, se quen lles goberna desde a sinistra poden sacarlles adiante ou non e cambiar radicalmente as cousas.


Madrid é un fervedoiro. Catalunya, un volcán. A que están a agardar os nosos políticos para pechar un acordo? A que veña un terremoto? Pois miren, en Melilla xa houbo dúas sacudidas. Así que voen, señorías, voen...

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE