#Claves de la semana
NA SALA X, ATA O DÍA 15 DE ABRIL

Belas Artes, de Pontevedra, acolle unha nova exposición de Arte Contemporánea

Comisariada por Nerea Lores, dentro do seu traballo de fin de máster, reúne obras de docentes e egresados


|

Ga4

A estudante do máster de Arte Contemporánea: Creación e Investigación Nerea Lores inaugurou este xoves 25 na Sala X unha exposición que reúne obras do profesor Xoán Anleo e das egresadas Dana Díaz, Begoña García-Alén e Clara Sobrino, xunto coa proposta conxunta dos titulados Manuel Mata e Dennise Vaccarello.


A exposición leva por título un símbolo que remite ás barras de ecualización dunha cadea de música. A idea central é achegar ao espectador tanto a idea do son como o silencio que o acompaña. "O silencio é necesario aproveitalo á hora de comunicarse coa obra de arte", declara a autora.


“Poderíamos dicir que sería case paradoxal poñerlle título ao silencio”, sinala Lores do título sen palabras que outorgou a esta mostra colectiva co propósito “de xerar tamén un baleiro á hora de nos referir á exposición” que poderá verse na Sala X ata o 15 de abril.


O título é unha referencia visual ao son, pero tamén unha imaxe que inclúe os espazos baleiros e silenciosos que deben estar presentes para xerar unha composición", engade Lores, que este mediodía estivo acompañada polo coordinador da Sala X, Ignacio Barcia; o responsable de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho; e a vicedecana de Organización Académica e titora do seu traballo de fin de mestrado, Susana Cendán, así como polos artistas participantes, na inauguración do seu proxecto. Unha mostra que, como salientou Barcia, “une moitos fíos que teñen que ver con esta contorna”, xa que a mostra "enténdese dentro do seu traballo de fin de máster”, centrado precisamente en afondar nas posibilidades expresivas do silencio, ao tempo que reúne os traballos “dunha serie de artistas vinculados á facultade ou formados nela”. 


A polisemia que xera o baleiro


A intención da licenciada en Historia da Arte era vincular o seu traballo de fin de máster coas dúas especialidades que cursou nesta titulación, arte contemporánea e historia da música. Así é, que unha peza de John Cage de 4 minutos e 33 segundos de silencio, converteuse na referencia clave para "profundar nas posibilidades do silencio en función do espectador e do momento".


Non en van, salienta, “os baleiros e as pausas son fundamentais á hora de establecer unha linguaxe e engaden matices de significado en función da súa posición ou duración”. Deste xeito, as potencialidades do silencio “como recurso que acentúa as posibilidades expresivas da propia obra” convertéronse na base dunha exposición para a que seleccionou obras que “xiran arredor da capacidade polisémica que xera a ausencia de certo contido ou aluden a situacións nas que o son vese amplificado por unha maior atención do espectador, que permanece en silencio”. 


Obras realizadas por artistas que, salienta, “teñen ou tiveron algo que ver coa facultade”, como é o caso do profesor Xoán Anleo, quen achega a esta exposición unha peza de vídeo, Forma Temporal, para a que rexistrou varias sesións de ensaios no Conservatorio Superior de Música de Vigo, centrándose concretamente nos espazos dedicados a afinar instrumentos ou voces e que deste xeito se converten nun momento “con vida propia máis aló da composición musical que virá despois”, como lembra a comisaria. Por outra banda, o vídeo foi tamén a técnica escollida por Clara Sobrino para Trance, unha peza en proceso na que amosa un baile sen son, “o que leva ao espectador a centrarse na plasticidade dos movementos e nos aspectos visuais e estéticos do vídeo”.

Mata e Vaccarello, pola súa banda, crearon para esta exposición a obra específica que preside o espazo central da sala, unha creación na que mesturan as imaxes con textos redactados nun “idioma que eles só coñecen”, o que leva ao espectador “á posibilidade de inventar un significado ante unha comunicación semiausente”. Ao seu carón, García-Alén presenta dúas pezas que Lores define como "paisaxes suspendidas no tempo” que tamén “sabemos en silencio, ao non presenciar os elementos textuais habituais”, mentres que Dana Díaz propón unha reflexión arredor de conceptos “como a soidade, a indiferenza ou a memoria” cunha instalación realizada a partires dunha serie de cadeiras, coa que vincula os campos da arte e o deseño. 

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE