Mentres os papeis de Panamá seguen o seu curso mediático, na Carrera de San Jerónimo, sede do Congreso dos Deputados, vívense momentos indelebles para a nosa memoria colectiva. Como Vds. ben saben, unha nova xeración de políticos entrou na casa de todos e deambula polos seus corredores en busca do elo perdido da democracia española. Ao seu lado camiñan, ás veces ao mesmo ritmo, vellos vampiros do bipartidismo en busca de acabar co escaso bafo que xa queda aos recentemente chegados quen, tras un par de debates-soufflé, perderon case toda a credibilidade que acababan de adquirir nas urnas.
A día de hoxe, ningún dos citados sabe, de certo, por que está aí e canto tempo queda de vida parlamentaria. Son deputados que flotan nun mundo de ideas confusas, que lles impide chegar a acordos tanxibles e tirar adiante un proxecto de Estado, a través dun goberno estable, que teña sentido para os seus concidadáns. Fóronse da nosa realidade e mirándose os uns aos outros apenas ven, coma se fosen os mortos viventes da película de George Romeu, dispostos a acabar con todo: a seguridade social, as prestacións sociais e ata coa crise dos refuxiados sirios.
Dinme os meus amigos madrileños que este estado de cousas pronto acabará co regreso do Mesías de Pontevedra, que volverá co maio florido e as flores a Mariano dunha nova maioría absoluta que esta vez será a dúas, aínda que este xornalista ese vodevil o ve igual de claro que o dos papeis de Panamá: con moito ruído e poucas noces.
Haberá que seguir o desenvolvemento dos acontecementos, sen demasiado entusiasmo e sobre todo, vencendo o fastío que nos consome. Por certo, se a palabra Panamá a traducen os panameños como lugar de peces e bolboretas, por que non considerar o nominativo Congreso como hábitat do inframundo político onde conviven algunhas pantasmas, bastantes vampiros e sobre todo moitos zombis de antigas ideoloxías?
Nota do autor: Señorías, non se me enfaden, é unha broma, consecuencia directa da febre que padecemos uns cantos impacientes por seguir aínda, a día de hoxe, sen un goberno que nos administre como ao resto dos nosos conxéneres europeos.
Escribe tu comentario