¡Por fin temos oposición!

Manuel Fernando González Iglesias

Anda media procesión de tertulianos discutindo coa outra metade de opinadores de cámara sobre como deben acordarse as cousas a fin de que teñamos goberno nas próximas semanas e non sexamos a segunda parte do ‘Brexit’ co que teremos que pelexarnos os europeos durante os dous próximos anos. A primeira vista, o asunto parece moi complexo, aínda que visto coa obxectividade do que non chega a fin de mes, o tema é moito máis simple do que parece. Vexamos por que.


Antes, é dicir, hai dous días, xa saben, durante a penúltima lexislatura, que se cumpriu ao completo, lembren que Rajoy convocou a duras penas as eleccións que logo nos levarían inmediatamente a outras, por primeira vez na historia recente de España. Pois ben, antes, a maioría absoluta gañáraa o Partido Popular e con ela fixo o que entendeu mellor, sen ter en conta a opinión da oposición e adoptando medidas moi duras que liquidaron a prosperidade para un par de xeracións e, sobre todo, reduciron á mínima expresión á clase media que sempre foi na Europa comunitaria o dinamizador do consumo que move a economía. Todo moi legal e se, tamén o queren os dirixentes populares da madrileña rúa Génova, claramente democrático. Para ti a cadela gorda, que dicían os meus avós.


Hoxe, tras ir dúas veces ás urnas, esa maioría absoluta cambiou de beira e foise ao lado dunha oposición moi plural e por suposto en moitos casos case antagónica. E como iso é así porque a cidadanía tamén o quixo, con esas vimbias agora hai que formar goberno. Ou sexa: o que máis deputados ten ha de gobernar e converterse nun executivo solvente e eficaz, e os demais desde a oposición han de axudarlle a que poida conseguilo mediante unha investidura legal e rápida. Aquí non se trata de amarse ata que a lexislatura nos separe, senón de compartir a paternidade dunha criatura chamada Goberno de España segundo máis lle conveña ao neno ao que hai que tutelar. Gobernar, pois, ha de gobernar o PP. Lexislar, o que se di e faise desde o Parlamento, debe facelo a cámara respectando a nova maioría absoluta que os españois quixeron que lles represente.


¡Por fin temos oposición!, din uns poucos. ¡Así non hai quen goberne!, aseguran os demais. Pero isto é o que hai, e nesa singradura han de moverse os partidos se non queren que os votantes os expulsen das súas vidas por non saber facer ben o seu traballo. Pacten, señorías, pacten! Discutan moito, traballen máis, viaxen menos e sexan capaces de ensinar a Europa que os españois non somos os fillos da Gran Bretaña, senón xente sensata e traballadora cuns representantes xuizosos e intelixentes que ademais de falar máis da conta saben facer fronte cando as dificultades lles angustian.



E, miren, se o que se lles ocorre para saír do paso son só solucións como as do alcalde da aldea onde vivo, Viladecans por máis datos, que cortou cinco bananeiros con máis de 60 anos de vida coa escusa de que unha residencia privada di que por un anaco de rúa non pasaba unha cadeira de rodas --¡como vai pasar se hai máis de 30 postes de madeira da luz ancorados nas beirarrúas da rúa! ¡Hai que ser imbécil ou sociata imbécil para non darse conta do problema!-- mellor dedíquense á cría do porco ibérico na moi bela dehesa estremeña. Iso si, sen acabar cos carballos que producen as landras, aínda que o rico do lugar dígalles que aos pobres gorrinos as árbores estórbanlles para pasar á súa leira.


Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE