#Claves de la semana

​Investigadores da USC patentan unha instalación para revalorizar o sangue

O sangue, despois da súa transformación, é un produto ben cotizado na industria, pero o seu tratamento, ata agora, era custoso e non daba bos resultados.


|

MagideeHiram

Investigadores da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC patentan un dispositivo que permite revalorizar o sangue e outros subprodutos da industria cárnica. A instalación inventada polo profesor da área de Máquinas e Motores Térmicos da USC José Manuel Magide Ameijide e polo enxeñeiro de Industrias Alimentarias Hiram Varela Rodríguez, posibilita a transformación de sangue cru en fariña de sangue, un produto ben cotizado e con múltiples aplicacións industriais.


A nova instalación e dispositivo que veñen de patentar estes investigadores da USC presenta importantes vantaxes respecto doutros sistemas xa operativos no mercado, informa a USC nun comunicado. A transformación do sangue en fariña de sangue é unha técnica moi pouco espallada na industria cárnica, segundo indica José Manuel Magide, xa que “os mecanismos actuais que transforman sangue líquido en fariña de sangue implican procesos máis custosos e reportan un produto final dunha calidade sensiblemente inferior á que posibilita a instalación patentada en maio pola USC”, sinala.


O dispositivo inventado na EPS posibilita que proceso de conversión do sangue en fariña se faga co mínimo deterioro proteico, mantendo así un valor ou cotización moi alta no mercado. Outra das vantaxes que presenta a nova instalación patentada atinxe a cuestións de aforro ou optimización enerxética. Magide explicou neste senso que “a fonte de enerxía para o secado que se emprega no sistema que vimos de patentar provén dos propios efluentes residuais da industria cárnica, o que garante un custo máis baixo”.


Apenas un mes despois de acadar a patente do seu invento e logo de que o seu proxecto xa recibira premios outorgados polos Colexios de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e tamén pola USC, José Manuel Magide e Hiram Varela, avalían na actualidade diversos escenarios para, primeiro, executar o seu invento e, logo, proceder á súa implantación nun matadoiro e industria, a fin de poder testar o seu rendemento e, de ser o caso, introducir modificacións ou melloras orientadas á optimizar o proceso. Outra das opcións contempladas pasa pola venda da patente, indicaron.


O prezo da execución do dispositivo e a instalación proposta é elevado, sinala Magide, quen cifra entre 180.000 e 400.000 euros o seu custe, en función da cantidade de sangue procesado. Esta necesaria inversión inicial en menos de cinco anos xa estaría a xerar beneficio, dixo Magide, quen tamén sinalou como vantaxes do seu invento o seu deseño “modular e flexible” e a aplicación de “procesos respectuosos co medio ambiente” para converter un residuo altamente contaminante, como é o sangue , nun produto valioso e cotizado.


A xestión do sangue como residuo orgánico foi durante anos a solución máis estendida nas industrias cárnicas e implica custosos tratamentos de depuración que non permiten a revalorización dos seus compoñentes, algúns moi ben cotizados no mercado, tales como o son os aminoácidos esenciais, albumina, fibrina..., e con múltiples aplicacións industriais.


O novo invento patentado por José Manuel Magide Ameijide e Hiram Varela posibilita solucionar a xestión do sangue como residuo e valorizalo a través da súa transformación en fariña. Este novo produto, cuxa cotización oscila entre 500 e 1.300 euros por tonelada, presenta moitas aplicacións. De feito, a fariña de sangue é apta para a elaboración de pensos, pero tamén na industria química e farmacéutica (cosméticos, reactivos, colorantes...) na alimentación humana (emulsións, panadería, xeles, embutidos...) ou mesmo ten aplicacións para filtros, antigás, extintores, emulsións asfálticas, antídotos...

relacionada ​Envellecer mellor ou peor é, en parte, xenético
relacionada Campus do Mar acada o selo de excelencia internacional definitivo
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE