​O coñecemento constitúe o 90% do valor total das empresas

|

Conocimiento



O presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Miguel Ángel Ríos, afirmou hoxe que "o coñecemento, é dicir, a ciencia e a tecnoloxía, son indispensables para soster e aumentar a competitividade das empresas porque constitúen claramente o factor de produción de maior peso". Durante a entrega dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, Ríos cifrou nun 90% o peso do capital intanxible sobre o valor total das empresas nos países avanzados.



Os galardóns, que este ano alcanzaron a súa segunda edición, recoñecen as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo. O certame está promovido pola RAGC, coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta.



O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, subliñou que este certame é unha oportunidade para “dar a coñecer o traballo ben feito das empresas galegas” que contribúen a “impulsar un modelo industrial con futuro e con emprego estable e de calidade” baseado na innovación e o coñecemento.


Premiosinnovacion



Conde animou a RAGC a seguir convocando os premios e agradeceu a colaboración da institución coa Xunta para impulsar a cultura innovadora, poñer en valor o labor da comunidade científica e difundir os logros dos científicos galegos. Neste sentido, o presidente da Real Academia confirmou a vontade de darlle continuidade ao certame para "recoñecer o esforzo de todos aqueles que, como os premiados, fixeron contribucións significativas á transferencia de tecnoloxía, pero tamén estimular a investigadores e empresarios para que progresen nesta senda e crear conciencia social sobre a importancia do coñecemento e a súa transferencia ao sector produtivo".



Asistiron tamén á entrega o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño; o vicerreitor de Política Científica da Universidade da Coruña, Salvador Naya; o coordinador do CSIC en Galicia, Eduardo Pardo de Guevara; e a xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), Sonia Martínez Arca.


PREMIO PEMES



Na categoría de pemes, o premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, dotado con 12.000 euros, correspondeulle a Evasa. Esta empresa situada en As Pontes (A Coruña) desenvolveu, coa colaboración do Instituto Tecnolóxico de Materiais de Asturias (ITMA), dous novos encapsulantes para a fabricación de vidro laminado, tamén coñecido como vidro de seguridade, que permiten un significativo aforro enerxético para esta industria.



PREMIO GRANDES EMPRESAS 



O premio ao mellor caso de éxito de transferencia de tecnoloxía na categoría de grandes empresas recaeu en Reganosa, dedicada ao transporte e regasificación de gas natural e con sede en Mugardos (A Coruña). A contratación do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) permitiulle á empresa incorporar unha innovadora ferramenta que permite a xestión integral das redes de gas baixo criterios de máxima eficiencia. O premio para a empresa ten carácter honorífico, mentres que o grupo de investigación percibirá 6.000 euros netos.



PREMIO GRUPOS DE INVESTIGACIÓN




O premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada, dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 euros para a formación dun dos investigadores, recaeu nun equipo multidisciplinar da USC. No proxecto colaboraron dez científicos dos departamentos de Microbioloxía e Parasitoloxía e da área de Estomatoloxía e Cirurxía Oral, coa colaboración da empresa catalá Dentaid. O seu traballo logrou aplicar no campo da saúde bucodental unha estratexia alternativa aos antibióticos e antisépticos: actuar sobre os procesos de comunicación que establecen as bacterias entre elas para formar a placa dental.

relacionada Gairesa, Premio a la Excelencia Empresarial Química de Galicia 2016
relacionada ​Dos de cada tres profesores se reciclan para mejorar la enseñanza

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Este periódico fue seleccionado por Google News Initiative para su Journalism Emergency Relief Fund

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress