#Claves de la semana

Os centros que segregan por sexo seguen a ser a mazá da discordia no Parlamento

Outro punto de total desavenencia é o decreto do plurilingüismo, que os populares defenden fronte ás críticas de PSOE, BNG e En Marea.


|

Angelescunhabovedaenmarea


A oposición no Parlamento galego --En Marea, PSdeG e BNG-- pediu que a Xunta non financie con diñeiro público ningún centro que segregue ao alumnado por razón de sexo en 2017, ano no que se renovarán os concertos.


Con todo, esta proposición non de lei non sairá adiante no pleno da Cámara autonómica debido ao rexeitamento anunciado polo PPdeG, en defensa do "dereito a escoller para todos" e recalcando que estes centros están amparados pola lexislación e diferentes sentenzas.


En concreto, este martes, o deputado do grupo maioritario César Manuel Fernández destacou que esta é "unha opción educativa perfectamente axustada ao ordenamento xurídico" e que "en si mesma non é constitutiva de discriminación".


A encargada de defender a iniciativa, María dos Ángeles Cuña Bóveda, de En Marea, recriminou a postura do Partido Popular ao vincular estes centros co sexismo e a xeración de estereotipos.


Ademais, recalcou que o feito de que a lei os ampare non implica que sexan a mellor opción. Co texto, En Marea tamén buscaba reclamar que se cumpra a lexislación en materia de igualdade.


INICIATIVA "RAZOABLE E XUSTA"


Por parte do PSdeG, Luís Manuel Álvarez Martínez chamou a atención sobre que se trataba, ao seu xuízo, dunha iniciativa "razoable e xusta", polo que avanzou o apoio dos socialistas.


Igualmente, Olalla Rodil, polo BNG, lembrou que esta é unha demanda que "tradicionalmente" veñen facendo os nacionalistas e, no relativo ao segundo apartado da proposta, avisou de que o problema é que "faltan recursos, materiais e orzamento".


"Non pode ser que aprobemos medidas e non as dotemos de orzamentos, e tentemos cargar sobre o profesorado a responsabilidade de ter que ser quen se forme e de maneira case altruísta eduquen ao noso alumnado en igualdade sen currículos académicos adaptados", incidiu.


DECRETO PLURILINGÜISMO


Noutra orde de cousas, neste pleno o grupo popular avanzou tamén o seu voto en contra dunha iniciativa do BNG --que contou co respaldo do resto da oposición-- que reclamaba a derrogación do "decretazo" do plurilingüismo.


Respecto diso, a deputada nacionalista Olalla Rodil demandou ao PPdeG que "cumpra a lei", ante a "evidencia de que a lingua galega segue expulsada das aulas" debido ao "cóctel molotov" que supoñen o decreto do plurilingüismo e a Lomce.


Neste sentido, critica que un alumno de secundaria recibe menos do 15% das materias en lingua galega, "incumprindo a lei", mentres "apenas se usa o galego como lingua vehicular no ensino".


Por iso, demanda que se derrogue o decreto que "impide" impartir no idioma propio de Galicia en materias como Matemáticas ou Física, así como garantir que haxa a mesma carga lectiva co castelán.


Neste liña, Concepción Burgo (PSdeG) recriminou a "clara regresión" en políticas de normalización lingüística e a "ruptura do consenso" que supuxo o decreto do plurilingüismo.


Respecto diso, Luca Chao (En Marea) alertou da degradación "cuantitativa e cualitativa" da lingua galega, mentres o PP transmite que o galego "é inútil e non serve para nada".


NEGATIVA DO PP


César Fernández (PPdeG) xustificou a negativa do seu grupo a esta iniciativa, porque defende que o decreto do plurilingüismo supón o "máximo equilibrio entre linguas cooficiais", á vez que sostén que o Goberno galego "está a cumprir escrupulosamente coa lei".


Tamén avisou á oposición de que "a lingua non debe ser materia de confrontación".

relacionada O 'decreto do plurilingüismo' e a Lomce disparan a redución da carga lectiva en galego
relacionada ​Leiceaga propón retirar o concerto aos colexios que segregan por sexo
relacionada A RAG alerta de que só se lle transmite o galego a un terzo dos nenos nados no século XXI
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE