​O xuíz de Angrois dá dous días de prazo para recibir o plan de seguridade do tramo

|

Angrois 4


O titular do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, Andrés Lago Louro, deu o prazo de dous días a Adif para que presente o plan xeral de seguridade do tramo de alta velocidade que conecta Ourense coa capital galega, na que se produciu o accidente do tren Alvia no que morreron 80 persoas e máis de 100 resultaron feridas.


Lago Louro fai esta petición nun auto con data de 9 de xaneiro ao que tivo acceso Europa Press, e tras a demanda realizada o pasado 22 de decembro polo enxeñeiro de telecomunicacións César Mariñas, o único perito xudicial que foi insaculado.


Nin Mariñas nin os outros dous peritos xudiciais --Juan Carlos Carballeira e José Manuel Lamela-- entregaron o novo informe pericial (ou informes, á luz da súa falta de consenso) que lles demandou o xuíz o 1 de setembro. "A día de hoxe non consta achegado aos autos a pesar de que xa transcorreu o prazo fixado a tal fin", critica o instrutor no auto.


Explica que Mariñas solicitou o "auxilio" do xulgado a través dun escrito o pasado día 22, e é este documento o que motiva ao xuíz a pedir agora a Adif o plan xeral de seguridade da liña Ourense-Santiago, plan ao que, segundo destaca, "faise referencia no 'safety case' e noutros documentos do dossier de seguridade".


Como nova data límite para a achega da pericial ou periciais fixa o próximo día 27 de xaneiro, e afirma que "unha vez se dispoña de tales informes --en plural-- resolverase sobre a práctica de ulteriores dilixencias solicitadas polo Ministerio Fiscal e demais partes".


Refírense estas dilixencias á solicitude dun informe á Axencia Ferroviaria Europea sobre a súa opinión acerca de se Adif e Renfe avaliaron de maneira correcta o risco na curva da Grandeira --pedírono tanto as vítimas como o fiscal e o avogado defensor do maquinista-- e á citación dos técnicos da UTE e Ineco que realizaron "avaliacións desta índole" --solicitouno o Ministerio Público--.


Andrés Lago di que, "sen descartar a práctica" destas dilixencias, só poderá decidir sobre elas "no momento en que dispoña de tales informes" --os dos peritos--.


AVALIACIÓN INTEGRAL E "VARIABLES SABIDAS DE ANTEMÁN"


Tras a ratificación dos peritos de parte de QBE e Enrique Castelo Ron --que elaborou outro estudo por encargo de Carballeira--, o maxistrado sinala que "coincidiron en manifestar que, da documentación examinada, incluída os presentada días antes da amentada ratificación por parte de Adif, non se desprende a existencia dunha avaliación integral de risco da liña LAV 082".


"Discreparon os peritos sobre a necesidade da mesma e sobre os resultados da devandita avaliación, en caso de realizarse", agrega.


Para Lago, neste momento da investigación do sinistro ferroviario, "o que realmente interesa é saber se, en efecto, xa non só desde o punto de vista normativo, senón tamén desde o punto de vista técnico (...) e tendo en conta variables concorrente e sabidas de antemán (...) era necesario ou non realizar tal avaliación integral con carácter previo á posta en funcionamento da citada liña e con posterioridade á mesma en caso de sobrevir algún cambio sgnificativo". Contra esta resolución cabe recurso de reforma e apelación.


ADMITE AS APELACIÓNS DE VARIAS PARTES


Así mesmo, con data do 30 de decembro, o maxistrado deu por presentados varios escritos presentados pola defensa do condutor do convoi, Francisco José Garzón Amo --actualmente único imputado--, a plataforma e a asociación de vítimas e varios afectados particulares.


O xuíz admite a trámite e nun só efecto, entre outros, o recurso de apelación interposto polo avogado Manuel Prieto --defensa do maquinista-- contra a resolución do 14 de decembro que desestimaba, á súa vez, o recurso de reforma interposto contra unha providencia anterior, do 15 de setembro, coa que pedía varias dilixencias, como a ratificación dos peritos por el propostos.

relacionada ​Adif omitíu "por erro" documentación "relevante" sobre Angrois durante máis de 3 anos
relacionada ​"No existía consenso" sobre la instalación del sistema de frenado automático
relacionada Discrepancias entre os peritos xudiciais de Angrois sobre a seguridade da curva da Grandeira

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial
Powered by Bigpress