#Claves de la semana

​A oposición presentou máis dun milleiro de emendas ás contas de 2017

En total, pretenden reorientar máis de 2.000 millóns de euros. O PP di que as peticións agochan "unha suba de 200 euros" anuais nos impostos a cada galego.


|

Parlamentoxlexislatura


O pleno do Parlamento acollerá este luns o debate de totalidade dos orzamentos galegos de 2017 e da lei de medidas fiscais, administrativas e de ordenación que os acompaña. Á marxe das peticións de devolución, que rexeitarán os populares, os grupos da oposición presentaron máis dun milleiro de emendas coas que pretenden reorientar máis de 2.000 millóns de euros.


En concreto, En Marea rexistrou máis dun centenar de emendas ao estado de gastos dos orzamentos coas que aspira a mobilizar uns 500 millóns de euros. Entre as súas propostas, a dotación de 15 millóns de euros para un Plan Galego de Emerxencia contra a Precariedade Laboral, que retirarían de transferencias a empresas privadas.


En Marea propón tamén retirar 60 millóns de euros de concertos educativos en Infantil e Primaria para reinvestilos en varios medidas da área, como a mellora de centros educativos de Infantil e Primaria (15 millóns de euros) e outros 10 para centros educativos de Secundaria e Formación Profesional.


Algo similar ocorre na área sanitaria, onde tamén propón retirar 72 millóns de euros de concertos con entidades privadas e os salarios dos capeláns, entre outras cuestións, para impulsar varios plans sanitarios e destinar 15,5 millóns de euros para suplir "os repagos e a exclusión" motivada polo cambio do modelo de copago farmacéutico en 2012.


PROPOSTAS DO PSDEG


O PSdeG rexistrou un documento con 603 emendas coas que, segundo avanzou o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga, tras a reunión da Xunta de Portavoces desta semana, o seu Grupo aspira a mobilizar 700 millóns de euros do orzamento para "crear emprego, impulsar a economía e recuperar os servizos públicos".


Tras criticar o proxecto da Xunta, o dirixente socialista debuxou un proxecto alternativo centrado "na recuperación dos servizos públicos e no incremento das partidas para o emprego, o gasto en I+D ou o impulso á economía, "garantindo unha maior eficacia" na execución orzamentaria.


Para iso, explicou, o Goberno galego debe incrementar os ingresos en 370 millóns e reducir o gasto noutros 347. Para conseguilo, entre outras medidas, o PSdeG defenderá "reducir" os salarios do presidente e altos cargos da Xunta "en contías que supoñen un incremento salarial final similar ao previsto para os funcionarios das administracións públicas en España". Tamén expón baixar as partidas reservadas para publicidade.


En concreto, os socialistas galegos propoñen destinar 200 millóns de euros adicionais a un plan de emprego, 100 a sanidade, 65 ao ensino, 20 ás universidades ou 190 á atención ás familias con menos ingresos e fillos a cargo menores de 16 anos, xunto con outros 40 millóns adicionais para políticas sociais.


O BNG PIDE REORIENTAR MÁIS DE 900 MILLÓNS


Pola súa banda, o BNG, que presentou un documento de emendas no estado de gastos con 309 (habería que sumar outras 58 de dous anexos) exporá mobilizar máis de 900 millóns de euros para "reforzar a política social, blindar os servizos públicos e rescatar a sanidade da privatización". Tamén aspira a dar un salto "cuantitativo" na loita contra a violencia machista --pasando de 5 a 95 millóns de euros-- e a duplicar o investimento en I+D+i.


O seu portavoz, Ana Pontón, concretou que se reorientarán 115 millóns para o "rescate" do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, 105 para reducir as listas de espera, 54 para a contratación de persoal sanitario e 60 para "mellorar" a Atención Primaria. No ensino, o BNG expón 22 millóns para contratación de persoal docente e 14 para bolsas, e no referente a política social, 12 millóns para unha renda de integración social e catro para abordar os casos máis urxentes.


REXEITAMENTO DAS EMENDAS DE DEVOLUCIÓN


Os populares tamén rexistraron o 30 de decembro un documento con dúas emendas ao estado de gastos nas que propoñen minorar dúas partidas de 115.000 e 50.000 euros, respectivamente, das axudas de cooperación no exterior.


O obxectivo dos populares é destinar os 115.000 euros a axudas a universidades galegas para actuacións de cooperación e os 50.000, a un convenio coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.


Á espera da negociación das peticións parciais, o PPdeG, a través do seu portavoz na Cámara, Pedro Puy, xa avanzou o seu rexeitamento ás emendas de devolución que defenderán os seus rivais políticos ao entender que non aprobar estas contas --a Xunta prorrogou as de 2016 ata que isto ocorra-- sería "prexudicial".


Ademais do debate de totalidade dos orzamentos e das emendas parciais, tamén se abordará a lei de medidas fiscais e administrativas, coñecida como lei de acompañamento.


Precisamente, os grupos tamén avanzaron que defenderán reformas fiscais para "mellorar" a situación actual na comunidade, mentres que o PP acusoulles de pedir, coas súas medidas, "unha subida de 200 euros anuais" nos impostos a cada contribuínte galego.

relacionada Feijóo critica la falta de presupuestos en las ciudades de las mareas y se olvida de Ourense
relacionada ​Prorrogados os orzamentos galegos ata que se aproben os de 2017 en febreiro
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE