Resulta bochornoso

Manoel Barbeitos
Economista

Puigdemont belgica


Resulta bochornoso verlos fanfarronear: a ver quién la tiene más grande” (J.M. Serrat)


Resulta totalmente acaída esta letra dunha canción do meu querido e admirado Joan Manuel Serrat para reflectir o pulso político que veñen mantendo por unha parte os partidos independentistas cataláns –Partido Democrático de Catalunya, antiga Converxencia Democrática de Catalunya, e Esquerda Republicana de Catalunya que contan co apoio da CUP, Candidatura de Unidade de Popular- e pola outra o Partido Popular –que está a fronte do goberno español- que, dato moi relevante, conta nesta pugna co grande apoio tanto de Ciudadanos (Cs) como do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) formando entre eles unha sorte de troica. Totalmente acaída e oportuna, xa que os citados parecen que “no conocen ni a su padre cuando pierden el control”.


Resulta indiscutible que o principal responsable da crise política en Catalunya é o Partido Popular –liderado por un político dunha enorme incompetencia e frivolidade como é Mariano Rajoy, que conta cunha equipa non menos incompetente e frívola-. Responsabilidade que se reflicte na súa negativa a un diálogo que non só resulta necesario, nunha democracia as diferenzas deben resolverse dialogando, senón xusto, xa que os partidos independentistas contan cun indiscutible apoio entre os cidadáns de Catalunya (50% dos votos en termos redondos) que comparten as súas demandas políticas. Unhas demandas políticas, por outra parte, totalmente lexítimas nun sistema democrático. Unha irresponsabilidade que só pode explicarse como un desesperado intento de agochar a grande corrupción sistémica que cobre totalmente a este partido (PP) co pantasma do independentismo catalán.


Pero esta responsabilidade máxima –que deriva da súa condición de partido gobernante en España- na crise catalá por parte do Partido Popular (PP) non pode esconder a propia responsabilidade dos partidos independentistas cataláns (PDdeCat, ERC, CUP) na susodita crise. Unha responsabilidade que deriva, por caso, de non ter en conta algo que en política é fundamental: a correlación de forzas. Así, como cabe cualificar a uns políticos que non renuncian a un choque de trens sabendo que, hoxe por hoxe, a correlación de forzas lles é enormemente desigual, polo que o resultado máis que probable é o total descarrilamento do seu tren, quen asemade provocará numerosas vítimas entre os seus viaxeiros? Unha responsabilidade que se acrecenta cando eses partidos empregan formas de xogadores tramposos –o procés non resiste un mínimo exame democrático-, se negan por razóns partidistas á máis mínima rebaixa nas fomulacións tal que permitiran incrementar os apoios políticos en Catalunya –por caso os de Catalunya en Comú e incluso do PSC e unha parte relevante do movemento sindical- ao tempo que desprezan a opinión dos cidadáns do resto de España –un enorme erro derivado dun mal cálculo político-. Por se isto non fose suficiente, os políticos independentistas, no cumio dos despropósitos, foron quen de enfrontarse directamente co poder xudicial español.


Unha irresponsabilidade que favoreceu ao contrario, neste caso ao Partido Popular, que se vai camiño de ser unha forza residual en Catalunya poida que non suceda o mesmo, nin moito menos, no conxunto do estado español. De momento estálle permitindo que os ecos dos numerosos procesos xudiciais por corrupción no que se atopa queden amortecidos polo barullo da crise catalá. Aínda mais, como se viu nas derradeiras eleccións catalás, o partido irmán na dereita española, Ciudadanos, tan conservador e centralista cando menos coma o Partido Popular, está saíndo enormemente favorecido desta crise: foi o partido mais votado. Producíndose así un fenómeno inédito en Catalunya: que un partido español gañe as eleccións autonómicas, incluso en barrios populares como o cinto industrial de Barcelona, antano feudo das esquerdas.


Este cúmulo de irresponsabilidades varias derivou nunha situación e nun contexto políticos tremendamente desfavorables para as forzas independentistas catalás e tamén, o que resulta mais grave, para o pobo de Catalunya. O día de hoxe, Catalunya, por primeira vez na súa recente historia, está sen goberno autonómico (pola aplicación do art. 155 da Constitución Española) sendo gobernada dende Madrid e polo Partido Popular (PP). Moitos dos seus máximos dirixentes políticos ben están fugados da xustiza no estranxeiro (o presidente de Generalitat Carles Puigdemont e varios dos seus conselleiros que están en Bélxica) ben están na cadea (Oriol Junquera Vicepresidente da Generalitat xunto a outros conselleiros e portavoces de entidades sociais). Por se isto non fose suficiente, todos eles e outros máis (ata un total de 20) están acusados, ben pola Audiencia Nacional ben polo Tribunal Supremo, dun delito de rebelión, acusación que lles pode carrexar, no peor dos casos, ata 30 anos de cadea. Unha situación que, aínda que poidamos considerar desmesurada e improcedente, politicamente tampouco se pode considerar equiparable á que sufriron por caso Mandela e/ou M. Ghandi. 


Asemade, e aínda que a eles non parecera importarlles, o que demostra un elevado grado do soberbia, estes políticos independentistas non parecen contar no resto do estado español cos apoios e a solidariedade que precisarían: velaí, por caso, a máis que morna actitude do PNV (Partido Nacionalista Vasco) quen parece moito máis preocupado polo financiamento da súa autonomía, para o que está disposto a pactar os orzamentos co Partido Popular (PP), que pola crise catalá. Mentres, no conxunto de España, aínda que a moitos nos doia, son maioría abrumadora as opinións contrarias aos independentistas cataláns, como proba o apoio maioritario con que contou a aplicación do artigo 155 e que tamén se reflicte nas escasas e moi febles mostras de solidariedade, fóra de Catalunya, cos políticos independentistas encadeados.


No tempo que escribo estas liñas, os medios de comunicación e opinión recollen novas sobre a crise catalá das que podería deducirse que non só aparecen fisuras entre as forzas independentistas catalás, especialmente visibles entre as dúas forzas maioritarias PDdeCat e ERC, senón que destacados representantes das mesmas tomaron conciencia de que este brutal choque de trens ten uns principais damnificados, os dirixentes das forzas independentistas, e uns grandes beneficiarios, as forzas políticas españolas sistémicas lideradas polo Partido Popular. 


Así, o dirixente republicano Joan Tardà, sen discusión unha das mentes mais lúcidas e brillantes do independentismo catalán, vén de declarar que -fronte ao que considera Puigdemont de que se non saen da cadea os que agora están sería un ridículo histórico- “o ridículo histórico sería que non houbera Govern” (en Catalunya) para a continuación afirmar que “a formación dun goberno é un ben superior” e insiste en que “hai cousas imprescindibles e outras que non o son….a clave é que haxa un goberno que sexa quen de facer unha folla de ruta que faga posible a colaboración co partido de Xavier Domènech, Catalunya en Comú…. este é o obxectivo”. “Hai” –segue Joan Tardà- “cousas imprescindibles e outras que non o son…. A única imprescindible é a formación dun goberno… Dificilmente Oriol Junqueras” –que lembremos segue en cadea e ten pendente unha acusación de sedición- “poderá ser vicepresident de Catalunya. Cadrar o círculo é moi difícil. Parto da base que se Junts per Catalunya, a CUP e ERC non son quen de formar goberno, o que deben facer as súas direccións e marchar todos a casa. Deberían deixalo”. Sabias palabras dun político vello e sabio. Sabias palabras nuns intres en que a sabedoría non parece cotizar moi alto na política catalá e española.


Pero a política da moitas viravoltas, polo que resulta impredicible o que pode pasar. Porén, consonte transcorre o tempo, parecera que esa posición de Joan Tardà gaña apoios relevantes no seu partido (ERC). Ao seu favor xoga a cada vez máis indefendible postura de enrocamento de Junts per Catalunya en torno á candidatura de Puigdemont, algo que incluso os propios socios de goberno (ERC) xa non parecen quen de entender en demasía. 


Así o veu confirmar Marta Rovira, secretaria xeral de ERC, para quen a investidura do vindeiro president debe ser efectiva o que significa que “ao minuto seguinte de votar ao presidente, poderase nomear as conselleiros, asinar decretos efectivos e publicalos no Diario Oficial da Generalitat”. A investidura, aínda que sexa por plasma, de Puigdemont, que, como se pode ver, parece contar con cada vez menos apoios entre os propios independentistas, resulta asemade inviable xurídica, e politicamente. Así o afirman xuristas tan respetables como Joaquim Bosch, portavoz de Xuízas e Xuíces pola Democracia, quen avisa de que “desobedecer a decisión do Constitucional e realiza r a votación” –a prol de Puigdemont- “levaría a novas actuacións penais” –art. 155 por caso o que suporía unha nova suspensión da autonomía-. Algo que, por certo, ao PP e aos seus socios da troica non lles desagradaría en demasía.


Como moi ben recollía o admirable Joan Coscubiela, nun recente artigo, “o independentismo fracturouse pola grande forza destrutora do procésesmo que actuou como un grande burato negro que, coa súa forza gravitatoria, engule todo o que se lle acerca para rematar estourando e destruíndose a si mesmo”.


Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE