#Claves de la semana
NO MOSTEIRO DE SAN PEDRO DE ROCHAS

Ourense e Lugo entregan á Xunta os informes técnicos para a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial

As Deputacións de Ourense e Lugo entregábanllos nun acto celebrado o 18 de xullo en San Pedro de rochas (Ourense)


|

O mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos) acolleu o acto de entrega dos informes técnicos por parte das deputacións de Ourense e Lugo á Consellería de Cultura en relación á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial. No acto participaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o valedor do Pobo, José Julio Fernández, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto, en representación da Deputación de Lugo, e o alcalde de Esgos, Mario Rodríguez.


Manuel Baltar agradeceu a presenza de todas as institucións hoxe en San Pedro de Rocas "para dar entre todos un paso máis, coherente co que puxemos en marcha en setembro de 2013, cando tiven oportunidade de convocar aos alcaldes dos municipios ourensáns da Ribeira Sacra para anunciarlles que íamos relanzar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial". Baltar subliñou que esa coherencia tamén a amosou a Deputación de Lugo ao aprobar a mesma moción ca Deputación de Ourense coa unanimidade de todos os grupos políticos, e despois coa sintonía do goberno autonómico e do Valedor do Pobo ao coñecer que tiñamos interese en que este coordinara os traballos técnicos que xustificaran cientificamente a presentación da candidatura".

O presidente da Deputación pediu "máxima celeridade" á Xunta de Galicia "para que pronto poidamos celebrar esa distinción, que será un recoñecemento internacional de algo que para nós xa é patrimonio mundial, esta fermosa Ribeira Sacra. Hoxe estamos aquí, no mosteiro de San Pedro de Rocas, onde hai máis de 1.500 anos xa había vida intelixente e onde cada ano son máis de 40.000 os turistas que visitan este monumento, berce da Ribeira Sacra". Baltar remarcou que entre Ourense e Lugo non hai limites provinciais, "é un todo, un conxunto, e paga a pena todos os esforzos que empreguemos para acadar ese recoñecemento".

O presidente do goberno provincial agradeceu a implicación de todas as institucións e o labor do equipo multidisciplinar, "que puxo á nosa disposición o Valedor do Pobo, porque nesta tarefa estamos implicados ata o final", e lembrou que a vindeira semana reunirase a comisión entre concellos e deputacións para seguir coa Xunta de Galicia nesa andaina a prol do obxectivo último, e rematou pedindo que sigamos todos "con esa mesma coherencia e consenso porque esa unanimidade fará que chegue o recoñecemento para que a Ribeira Sacra sexa o que xa é: Patrimonio Mundial".

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura confirmou que o goberno autonómico "iniciará agora o camiño administrativo para conseguir o recoñecemento da Ribeira Sacra como ben da humanidade", "pois –dixo- estamos nunha contorna singular, tanto pola súa paisaxe como pola riqueza patrimonial, e que ten tamén unha fonda tradición de ocupación humana cunha das paisaxes construtivas máis diferenciadas do mundo, como é o traballo que fixeron os habitantes da Ribeira Sacra para adaptarse á natureza e cultivar a vide nas pendentes, construíndo un sistema de bancais que é practicamente único no mundo para colleitar un produto como o viño da Ribeira Sacra que conta con denominación de Orixe".

O Valedor do Pobo remarcou que é de xustiza "que a humanidade recoñeza o valor da Ribeira Sacra e tamén que o goce, porque a singularidade desta contorna así o merece". No mesmo senso, Juan Carlos Armesto dixo que a Ribeira Sacra "máis aló do seu patrimonio, a súa paisaxe e o seu viño ten un valor máis que engadir: a unidade, pois 21 concellos, dúas deputacións, empresarios e a cidadanía da contorna estamos xuntos neste proxecto para que a Unesco e o mundo nos outorguen ese galardón".

Solicitude de BIC

Trala entrega da memoria científica, o paso seguinte será a solicitude de expediente de Ben de Interese Cultural (BIC) por parte da Consellería de Cultura. Os traballos técnicos foron desenvolvidos por expertos nas áreas temáticas de: Produción agrícola e formas de cultivo; Xeografía física; Edafoloxía; Botánica; Patrimonio cultural (Historia, Historia da Arte, Arqueoloxía, Arquitectura e Antropoloxía); Economía aplicada e Produción vitivinícola. O documento enviarase agora ao Ministerio de Cultura para a súa presentación polo Reino de España -unha vez aprobada polo Consello do Patrimonio Histórico Español- ante o Centro de Patrimonio Mundial para que sexa avaliada polo Comité do Patrimonio Mundial.

A candidatura define, describe e delimita o ben proposto, ademais de delinear a súa historia e acreditar un valor universal excepcional, especificando neste caso como dito valor vaise manter e salvagardar por medio da protección legal e da xestión dos recursos que testemuñan o dito valor; cal será o proceso de xestión e o sistema a desenvolver, así como quen vai participar no mesmo.

Chega agora o momento de que a Xunta inicie o proceso para a declaración de BIC, trámite fundamental para que a solicitude se eleve ao Goberno do Estado para que sexa debatida na Unesco cando corresponda. 

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE