#Claves de la semana
XULIO FERREIRO NO FORUM NUEVA ECONOMIA, EN MADRID

O alcalde da Coruña indica que “é necesario que muden as leis estatais para que os concellos poidan traballar pola xente”

Foi presentado pola alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, asegurou que “se abriu un novo tempo onde acabou o capitalismo de ‘amiguetes’ e toca falar de xerar talento e emprego de calidade”


|

Xulio Ferreiro, participou na mañá deste martes nun almorzo do Fórum Nueva Economía, celebrado no Hotel Ritz en Madrid, e no que foi presentado pola súa homóloga no Ayuntamiento de Madrid, Manuela Carmena.


Nese foro, o rexedor insistiu na necesidade de que muden determinadas políticas estatais que “impiden aos municipios facer o seu traballo ao servizo da xente”, nomeadamente as normas de estabilidade orzamentaria postas en marcha polo ministro Cristóbal Montoro. “O municipalismo non é suficiente cando hai problemas que non podemos superar dende os concellos, porque lexislativamente non nos deixan. Hai normativas que nos impiden facer o básico”, subliñou Ferreiro, que avogou por cambialas “para poder dar servizos adecuados á cidadanía”. “Cremos que esta situación non é razoable, entendemos que determinados municipios, que estean endebedados ata ás cellas, teñan restricións de gasto, pero non os demais, e neste saco entran incluso os municipios que teñen superávit”, engadiu. 


“A Universidade da Coruña ofreceunos participar na creación dunha fundación para o fomento do desenvolvemento. Para iso, tiñamos que aportar 2.500 euros, que tendo en conta o orzamento anual da cidade, parecíanos unha cifra asequible. Non obstante, quedamos sorprendidos ao constatar que as leis de estabilidade nos din que non podemos participar en ningunha nova empresa, nin fundación, nin entidade… Así que, grazas a estas normas, parece que o Concello da Coruña quedará sen poder axudar a súa Universidade, cunha presenza ademais que era máis simbólica que operativa. Esa é a situación na que nos atopamos os concellos”, exemplificou o primeiro edil coruñés. “Por esa mesma normativa, semella que só poderemos contratar o vindeiro ano oito novos funcionarias e funcionarios que se dedicarán á Renda Social Municipal. Son leis que nos lastran”, insistiu.


Tamén relatou, ante o foro que o escoitaba, as inquietudes que o levaron a presentarse ás eleccións municipais de maio e as liñas políticas principais do Goberno local. “Intentamos cambiar as cousas, mudar as regras de xogo que teñen que ver coa democracia. Temos que poñer ás institucións ao servizo da xente, pero hai que crelo de verdade. Temos que falar de transparencia, temos que deixar a oposición que participe (cunhas cotas que ningún dos Gobernos anteriores permitiu). Calquera nova normativa que se impulsa na cidade é consensuada co tecido social. Queremos máis democracia e decidir as cousas importantes coa participación de toda a cidadanía”, enumerou. “É unha cuestión de prioridades. Vimos dunha época onde as prioridades dos e das políticas tiñan que ver coas grandes inversións, con pasar á posteridade dalgún xeito. Agora, as nosas prioridades están na vida das persoas”, dixo Ferreiro, que recordou o proxecto do Executivo local de poñer en marcha a Renda Social Municipal, “que asegurará uns niveis mínimos de ingresos e de renda para todos e todas as veciñas da Coruña”. “Unha sociedade non pode estar satisfeita consigo mesma se non asegura uns niveis mínimos de renda para toda a poboación”, engadiu.


Por outro lado, o alcalde coruñés foi preguntado pola remodelación da avenida da Vedra e polas políticas de mobilidade que pretende poñer en marcha o Goberno local. “Podemos firmar mil documentos a favor das cidades sostibles, pero se non levamos a cabo accións reais será imposible… A gran avenida de entrada a nosa cidade está agora no centro do debate. Estamos falando de se queremos ter unha autopista que parte en dous a nosa cidade ou unha avenida que integre aos barrios e as e aos cidadáns que viven nas súas marxes. Non é unha mera oferta electoral, intentamos que a política se constrúa doutra forma, con outros obxectivos e outras linguaxes”, explicou. “Estamos ante un tempo novo no que acabou o ladrillo, os enchufes, os espolios, o capitalismo ‘de amiguetes’. O que toca agora é falar de talento, de capacidade para crear riqueza e emprego de calidade, de impulsar a universidade pública ou de desmercantilizar ámbitos cos que nunca se tería que ter feito negocio, como a sanidade”, destacou.


O alcalde tamén foi preguntado polo Porto Exterior da Coruña. “Aínda que nos pese, é unha infraestrutura na que se levan investidos máis de 600 millóns de euros e non é rendible por si mesma. Non obstante, chegados a este punto, temos que facer todo o posible para que xere emprego e riqueza. Parte da súa finalización preveuse hai máis de 10 anos con cargo á venda dos terreos do porto interior, así como a súa urbanización. Isto nos preocupa especialmente. Para pagar unha débeda da Autoridade Portuaria non podemos tapar a fachada marítima da cidade, non podemos poñer en perigo ao comercio local, nin podemos xerar barrios novos de certa ‘exclusividade’ que axuden a dividir á poboación. Temos que abrir un proceso de reflexión, cremos que este tema é o suficientemente importante para tomar as cosas con calma”, comentou. 


Por outro lado, a alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, dedicou ao rexedor coruñés unhas palabras na súa presentación. “Cando coñecín a Xulio crín que era unha persoa que tiña claro que o que quería era loitar pola xente e facer unha nova política que ía a ter unha liña de actuación moi clara, que era a da honestidade por riba de todo; esa liña ten que ver coa concepción propia da democracia”, dixo.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE