OS QUE NON DEBATIRON

Manuel Fernando González Iglesias

Parecían dúas noivas resentidas. Mentres, García Farreras botáballes máis leña na cheminea de Atresmedia para que o lume da ira non se apagase. Eran Alberto e Pablo, Rivera e Iglesias, os dous ao unísono, quen criticaban a gusto e sen límite de tempo na Sexta a "os outros dous" protagonistas do chamado Debate da Academia, ou sexa: a Mariano Rajoy e a Pedro Sánchez, moi encerellados eles en dicirse o que en catro anos gardaran para os seus adentros.


Ambas plañideras políticas, que pronto terán a oportunidade de "lucirse" no Parlamento español con senllos grupos parlamentarios razoablemente numerosos, sacaban partido da pelexa a matar dos seus dous rivais, deixando claro que aquilo que vían os españois, que non nos decatamos de nada, "formaba xa parte do pasado bipartidista", xa que eles, os novos profetas, anunciarían a boa nova despois do 20 de decembro e que ese decálogo, e só ese, sacaría ao "pobo elixido" do deserto no que grazas ao PP e ao PSOE estamos metidos. Mesmo Iglesias apelou á falta de moderación dos dous debatientes do bipartidismo, esquecéndose por pura inocencia ou distrimiento das barbaridades sobre a casta ou o esnifado de sustancias que chegaron a vociferar el mesmo ou algún dos seus durante a campaña.


Rivera foi máis cauto, quizáis pensando que se queda cuarto só un abrazo cos socialistas ou coa Vicepresidenta pódelle solucionar a vida no próximos catro anos. Hai xente que invertiu moito diñeiro nel, sobre todo para que garanta a gobernabilidade do Estado. E iso son palabras maiores.


Hoxe os medios afíns ao PP desmelenáronse machucando a Sánchez pola súa maneira de tratar a Rajoy. Non se me enfaden: son os mesmos que non se queixaron porque no 94 Aznar dixese aquilo do "váiase, señor González!", ou que o mesmo dirixente diante dos Duques de Luxemburgo de visita oficial en España engadise aquilo de "a este mándoo eu a Polonia", que os xornalistas presentes interpretaron entón como unha alusión clara e especialmente ofensiva ao reinante Juan Carlos I. Logo outros como El País ou El Plural compensaron esta andanada coa súa pechada defensa do sucesor de Rubalcaba. Son as lóxicas dúas varas de medir que fixeron que a nosa profesión de contadores de noticias sufra progresivo descrédito e desconfianza na opinión pública, á que, nesta eleccións en concreto, machucamos con enquisas trufadas de datos inveraces e sobre todo con "crónicas de campaña" demasiado compracentes cos nosos candidatos preferidos esquecéndonos dos seus defectos e despropósitos verbais.


O malo de todo esta potaxe é que, despois do día 20 de decembro, haberá que formar Goberno, e que tal e como pintan as expectativas de voto, a máis dun candidato, pesaralle moito dicir segundo que cousas porque é máis que probable que o destinatario das súas pullas se teña que sentar con el a negociar e logo, se chega a un acordo, a gobernar esta pobre burra, cega e colla, na que uns e outros converteron a economía española. Xa me dirán vostedes entón quen ten a autoridade moral suficiente para dicir: "Aquí estou eu, e ti ves comigo á Moncloa, que Catalunya quere irse de España".

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress