CCOO confía nun cambio de goberno en Galicia e en España
Mentres UXT demanda claridade nas propostas por parte dos partidos

As inminentes eleccións xerais do 26-J e a proximidade dos comicios autonómicos en Galicia estiveron moi presentes na ponencia conxunta dos secretarios xerais de CCOO-Galicia, José Manuel Sánchez Aguión, e de UGT-Galicia, José Antonio Gómez Gómez, no marco do Fórum Nueva Economía.
O líder de CCOO foi o máis directo. Sánchez Aguión ve "posible, necesario e urxente" un cambio de políticas tanto en Galicia como en España, por eso confía en que "a cidadanía opte por un cambio" que impida que sigamos "profundizando" nunha tendencia que considera negativa. Ademais, reclama que tralas eleccións se chegue a un "pacto polo crecemento económico" no que deberían participar a Xunta, a oposición, a CEG e os sindicatos.
José Antonio Gómez, pola súa banda, amósase máis cauto ao ser preguntado polos próximos comicios. Tamén reclama "un cambio de orientación" nas políticas actuais, pero de cara ás eleccións céntrase en esixir que os partidos sexan "claros nas súas propostas" para que os cidadáns poidan analizar claramente o que lles ofrezan.
No que coinciden sen matices ambos líderes sindicais é que en Galicia hai un "discurso triunfalista" que se "esvaece" cando se analiza polo miúdo a realidade das familias, na que "as fochancas seguen aí".
O secretario xeral de CCOO-Galicia advirte contra a precariedade e a temporalidade dos contratos que se firman na actualidade, que ten creado a figura dos "traballadores pobres". Sinala que agora que estamos saíndo da recesión é importante "recuperar" os dereitos perdidos, impulsando a recuperación cun novo modelo productivo que integre a cohesión social.
O líder de UGT-Galicia, destaca que en Galicia a crise foi pagada con baixada de salarios, precariedade e destrucción de 72.000 empregos, incidindo en que na actualidade "un posto de traballo non garante a saída da pobreza". Ademais, asegura que aínda que Galicia cumpriu co déficit público tamén "duplicamos a débeda en catro anos".
Escribe tu comentario