#Claves de la semana

​Os alcaldes das mareas dan un paso á fronte para avivar a confluencia

Jorge Suárez, Xulio Ferreiro e Martiño Noriega reúnense en Ferrol, onde chamarán a acelerar o proceso de elaboración da candidatura de unidade para outubro.


|

NoriegaferreirosuarezmareasOs alcaldes das mareas nas cidades galegas -Jorge Suárez (Ferrol), Xulio Ferreiro (A Coruña) e Martiño Noriega (Santiago)- decidiron dar un paso á fronte este martes para impulsar a confluencia para as eleccións autonómicas e, deste xeito, este martes farán unha intervención conxunta para facer un chamamento neste camiño.


A cidade escollida é a de Ferrol, unha maneira de 'descentralizar' a confluencia e evitar a carga política que tería realizar este chamamento desde A Coruña ou Santiago, cuxos alcaldes están máis marcados polos seus posicionamentos públicos.


A apelación dos tres rexedores, que se vén fraguando con contactos anteriores dos referentes das mareas municipais, chega despois de que se reunisen o pasado domingo coa secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, a quen citaron para un intercambio de opinións sobre o proceso político actual. No encontro, os referentes municipais exploraron a posibilidade de desactivar a hipótese de que Podemos Galicia concorra en solitario ás eleccións autonómicas, como a propia dirixente da formación morada baralla.


Esta cita non foi casual, aínda que algúns dos participantes que falaron ao día seguinte publicamente restasen importancia á reunión, xa que, como confirmaron as fontes consultadas, os alcaldes cobraron paulatinamente protagonismo neste proceso como elemento de unión e co fin de "desbloquear" a situación coa que se chegou a uns meses das eleccións autonómicas.


Unha situación na que a coalición de En Marea vivía tensións internas polas diferenzas entre os seus socios e as diferenzas internas entre a dirección galega de Podemos e o sector dos deputados electos, e nunha etapa na que tamén xurdiu o espazo político Mareas en Común, que provocou tamén diferenzas internas en formacións como Podemos Galicia.


Os alcaldes tamén foron un elemento de unión nas pasadas eleccións xerais, xa que nun acto no que participaron eles na capital de Galicia conseguiron reunir, por primeira vez en campaña, aos candidatos das catro circunscricións de En Marea, que logrou cinco deputados nuns comicios nos que a coalición perdeu máis de 60.000 votos, un escano no Congreso e un senador.


Á marxe da fórmula de concorrencia, e co resto de principais opcións políticas con candidato xa elixido, a incógnita permanece en quen será a persoa que encabece a candidatura da confluencia, para o que terá tamén especial relevancia resolver a fórmula elixida. Neste extremo é no que traballan os alcaldes, de forma que se abra unha ponte entre a marca e o labor político xa realizada por En Marea co traballo de Mareas en Común no ámbito de sistema de traballo e no que este espazo denominou "democratización" das decisións, con documentos de código ético e primarias xa redactados.


MANIFESTO DE MAZARELOS

O protagonismo que cobran os alcaldes das mareas varía o esquema que se produciu para as eleccións xerais do 20 de decembro cando, entón, foron os rexedores, que accederan aos respectivos bastóns de mando recentemente, os que pediron aos partidos políticos que se puxesen de acordo para lograr unha candidatura de unidade que dese continuidade á confluencia iniciada nas municipais.


Esta demanda desembocou no chamado manifesto de Mazarelos, onde Podemos Galicia, entón con Breogán Riobóo á fronte, Anova e Esquerda Unida comprometéronse coa unidade política para as xerais, conseguindo atraer o apoio de Encontro Cidadán por unha Marea Galega e, despois o respaldo das mareas municipais (aínda que Marea Atlántica non se incorporou á coordinadora).


PRIMEIROS PASOS DA CONFLUENCIA

O primeiro ensaio da confluencia tivo lugar en 2012 cando Anova e Esquerda Unida (as principais patas da unidade de partidos), xunto cos Ecosocialistas e Equo, uníronse en Alternativa Galega de Esquerda (AGE), coalición electoral que irrompeu no Parlamento autonómico con nove deputados como terceira forza política e superando ao BNG no hemiciclo galego (que en xaneiro dese ano vivira a asemblea de Amio, tras a que se produciron as principais escisións da formación nacionalista, entre elas, a dos irmandiños de Xosé Manuel Beiras).


A seguinte cita electoral na que se repetiu a experiencia foi a das eleccións europeas, nas que Xosé Manuel Beiras situouse internamente a favor dunha confluencia con Esquerda Unida (EU) e que en Galicia tomou forma no paraugas Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), o que levou á labrega galega Lida Senra a Bruxelas. A aposta que fixo Beiras pola formación de Yolanda Díaz, coordinadora nacional de EU-IU, custoulle, internamente, a marcha de quen o acompañou historicamente como núcleo próximo (e que fóra de Anova constituíuse como Cerna).


Xa nas eleccións municipais, a formación liderada por Beiras e a de Yolanda Díaz implicáronse nas plataformas cidadás para a configuración de candidaturas cidadás, mentres que Podemos -que non concorreu como tal ao proceso- apoiou con diferente intensidade a confluencia que tivo a súa plasmación nos gobernos actuais de Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela (con Ferrol en Común, Marea Atlántica e Compostela Aberta, respectivamente), ademais doutras localidades por toda Galicia.


ELECCIÓNS 2015 E AUTONÓMICAS

Finalmente, os ensaios desde 2012 desembocaron en 2015 nas eleccións xerais coa candidatura En Marea, que se presentou en forma de coalición de Anova, Podemos Galicia e Esquerda Unida, e que contou co apoio de Encontro por unha Marea Galega e varias mareas cidadás, que forman parte actualmente da mesa de coordinación.


O acordo logrado a última hora veu precedido da firma do que se coñeceu como manifesto de Mazarelos, no que as tres formacións políticas selaron o compromiso de impulsar un proceso de confluencia para todos os niveis institucionais.


Coa nova convocatoria das eleccións, e tras non lograrse o comprometido grupo parlamentario, regresaron as tensións a En Marea sobre como acudir á cita electoral de xuño con cuestións como a forma xurídica da coalición. Con todo, finalmente En Marea acudiu á cita sen modificar o acordo subscrito para decembro, o que se traduciu en certas tensións durante a campaña electoral, mentres que a relación entre Yolanda Díaz e Xosé Manuel Beiras quedou danada polos últimos acontecementos.

relacionada ​Podemos Galicia no cierra la puerta a ir en solitario a las elecciones
relacionada ​Esquerda Unida mete prisa para elegir candidato
relacionada ​Mareas en Común pone por escrito su apuesta por las primarias
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE