Outra vez o tren, outra vez Galicia

Manuel Fernando González Iglesias


Se xa era pouco que Galicia estea a arder polos catro custados, especialmente en Ourense, caeulle encima, como unha laxa, devolvéndoa ao pesadelo da curva de Angrois, un novo accidente ferroviario, inexplicable polo lugar e absurdo pola hora en que se produciu.


Non podía comezar con peores presaxios a campaña electoral á que o CIS tinguiu de cor azul Feijóo, sen que esta dese o primeiro paso. Para os galegos que vivimos na diáspora é coma se o tempo se tivese detido e mesmo involucionado, xa que a terra de Breogán segue sen marcarse un ritmo propio que a afaste dos avatares alleos e a sitúe na vangarda da sociedade global na que lle tocou, neste caso, sobrevivir.


Que os ferrocarrís en Galicia circulan a unha velocidade distinta aos dos valencianos, por exemplo, todo o mundo o sabe, pero tamén o sabían os nosos bisavós aos que xa lles pasaba o mesmo. Aquí nada cambia e segue morrendo a xente dunha forma estúpida sen que quen mantén este estado de cousas respondan das súas felonías, e sexan os maquinistas os que paguen as consecuencias.


Nos próximos días teremos os detalles do que "volveu a suceder". Teñan a completa seguridade de que "os xefes" que adoitan folgazanear nalgún despacho de Madrid porque se saben protexidos por algúns políticos de aquí, só aparecerán para poñer "cara de circunstancias" e atribuír ao erro humano ou ao fallo técnico a morte dos pasaxeiros que atoparon no Porriño o seu destino final. Despois, comisión investigadora dilatoria, pequenas indemnizacións e punto final.


Se, polo menos, os votantes galegos fixesen xustiza, pois un quedaría tranquilo. Pero moito me temo que nos quedamos ancorados naquela parte do himno que fala "do prácido luar....".

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE