#Claves de la semana

​Así preparan os candidatos á Xunta o debate electoral

Feijóo suspendeu os seus actos de campaña; Leiceaga terá unha xornada “lixeira”; Pontón usará a súa experiencia como portavoz no Parlamento e Villares mantén a intensidade da súa axenda.


|

Candidatoseleccionsgalegas


Os candidatos das principais forzas políticas --PPdeG, PSdeG, BNG, En Marea e Ciudadanos-- liberaron as súas axendas públicas hoxe para preparar o debate electoral que terá lugar este luns nos medios públicos e ao que o popular Alberto Núñez Feijóo chega coas enquisas a favor, mentres que o resto buscarán facer valer a súa alternativa.


Precisamente, é o actual presidente da Xunta e candidato á reelección uno dos aspirantes que máis tempo dedicará a preparar o debate nas horas previas. Segue a súa estratexia habitual para este tipo de citas, que lle gusta preparar con detalle e, tras o acto sectorial de pesca deste domingo, recluíuse durante o que resta de xornada e tamén este luns.


Fontes da súa contorna afirman que pretende dedicar a tarde deste domingo para "estudar" (termo que el mesmo utiliza habitualmente para a preparación, por exemplo, dos debates de política xeral e citas similares) as cifras e datos sobre a situación da comunidade.


Ante os espectadores tentará evidenciar que é o que “mellor coñece Galicia”, así como a súa "solvencia" que na súa contorna vén avalada pola xestión realizada nas dúas últimas lexislaturas. O seu obxectivo principal é, deste xeito, "dar a coñecer" aos galegos "o que fixo" en ámbitos como o económico (en sectores como o naval) e o de política social.


A pesar de ser un dos aspirantes máis rodados neste tipo de bretes, unha das características do líder popular é que non adoita confiarse e a súa intención é preparar a cita televisiva con precisión, aínda sendo consciente de que, á marxe de calquera orientación previa, o debate pode esixir improvisación.


XOAQUÍN FERNÁNDEZ LEICEAGA (PSDEG)


Mentres, o candidato socialista á Presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, tamén alixeirou a súa axenda este domingo e este luns, aínda que mantivo actos públicos, ao obxecto de dispoñer de tempo para preparar o debate xunto co seu equipo de campaña na sede do partido.


Esa preparación consistirá en repasar datos, que na súa maioría xa coñece, e que lle permitirán "desmontar con solvencia" a acción de goberno de Núñez Feijóo, á fronte da Xunta o últimos oito anos.


Así mesmo, utilizará o debate para presentar á cidadanía de Galicia o seu proxecto, que conta con medidas que ten "claras" e que están "cuantificadas" tamén economicamente. Unha delas presentouna este fin de semana, a eliminación do copago sanitario para os xubilados con pensións inferiores a 18.000 euros.


Sobre todo porque, como comentaron fontes do seu equipo, o formato desta cita televisiva "desgraciadamente" permite "poucas posibilidades de interacción" entre os participantes.


A pesar diso, Leiceaga buscará o 'cara a cara' con Feijóo como modo de poñer de manifesto que os socialistas, a diferenza do que ocorre con outras formacións, representan a "alternativa real" ao PP que lidera en Galicia Alberto Núñez Feijóo.


ANA PONTÓN (BNG)


A candidata que máis tempo empregará na preparación nos compases previos á contenda é a nacionalista Ana Pontón, que a finais da lexislatura que acaba de terminar xa asumiu (por segunda vez nas súas etapas como deputada) a portavocía do BNG no Parlamento galego, polo que xa ten experiencia na 'discusión' co presidente.


Así, Ana Pontón centrouse este domingo e volverao a facer o luns en preparar o debate, onde "tentará transmitir as principais propostas de fronte ao 25 de setembro e aproveitar a opción de abrir un tempo novo", explicaron a Europa Press fontes do seu equipo de campaña.


Deste xeito, a candidata á Presidencia da Xunta do Bloque defenderá os eixos do seu programa: "xerar emprego, blindar os servizos públicos e garantir o benestar dos galegos". "E dar por finalizados este últimos oito anos (de Feijóo) que deixan unha Galicia máis pobre e máis desigual", manifestaron estas mesmas fontes.


LUÍS VILLARES (EN MAREA)


Fronte ao resto de candidatos, Luís Villares (En Marea) mantivo a intensidade da axenda electoral e é o único aspirante á Presidencia que este domingo seguiu con dous mitins programados. "Nós seguimos preparando o debate, non improvisamos as cousas dun día para outro e non nos fai falta suspender os actos dun día de campaña cando podemos estar en contacto a xente e facendo país", defendeu, en declaracións a Europa Press.


Con "ilusión e moitas ganas de explicar á cidadanía de Galicia cal é a alternativa" de En Marea, Villares non sente "novato". Así, asegurou que "non" é "novato na defensa da xustiza, na defensa dos dereitos fundamentais e en coñecer unha administración pública por dentro" e que, aínda que o formato político si que é unha novidade na súa carreira, xa participou noutros debates no ámbito xudicial, do que procede.


O aspirante de En Marea cre que na 'discusión' a cinco "alguén terá que dar conta do que fixo e o que non fixo e advertiu, en alusión ao presidente, que "a mochila duns e outros vai ser diferente".


CRISTINA LOSADA (CIUDADANOS)


A candidata Cristina Losada, número uno de Ciudadanos pola Coruña, tamén dedica as últimas horas anteriores a preparar o debate electoral nos medios públicos galegos, aínda que compartiu este tempo previo cun mitin celebrado en Vigo xunto ao líder da formación laranxa, Albert Rivera.


Losada prepara co seu equipo de comunicación "a mellor maneira" de trasladar as principais medidas do proxecto de Ciudadanos para Galicia. A intención é aproveitar o debate para mostrar aos galegos que C's representa "a opción de mellora que pode ter Galicia o 25S".


O DEBATE


O debate será emitido esta noite en directo e simultaneamente na Televisión de Galicia (TVG) e na Radio Galega (RG) en horario de máxima audiencia, ás 21:30 horas.


Os chamados a participar neste encontro con "igualdade de tempo" son os aspirantes polo PPdeG, PSdeG, BNG, En Marea e Cidadáns.


A CRTVG xustifica esta elección por tratarse das organizacións que xa obtiveron representación nas anteriores eleccións autonómicas e volven presentarse ou que segundo o criterio da Xunta Electoral teñen carácter de "forzas políticas significativas".

relacionada ​Haberá debate a cinco na CRTVG
relacionada ​El PSdeG acusa a Feijóo de "no dar la cara" en los debates
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE