#Claves de la semana

​Achan unha escultura da fachada medieval do Pórtico da Gloria

Estaba oculta e enterrada nunha pequena sala tapiada da base da torre sur da Catedral de Santiago.



|


Esculturaporticogloriacatedral


As obras de restauración que se están levando a cabo na torre sur da Catedral de Santiago permitiron localizar unha escultura da escola do Mestre Mateo procedente da fachada medieval do Pórtico da Gloria, que se atopaba oculta e enterrada nun pequeno habitáculo da base.

O achado foi anunciado este venres polo director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, que destacou que a escultura, de 1,85 metros de alto e que representa probablemente un profeta, puido ser depositada neste emprazamento no século XVI, cando se desmontou a fachada medieval que cubría entón o Pórtico da Gloria. Neste lugar foi cuberta de terra e cascallos e permaneceu perdida ata agora.

A peza é unha das oito que se conservan da fachada medieval da Catedral, aínda que ten a particularidade de ser a única que non foi intervida e, por tanto, conserva a columna á que estaba encostada. Este elemento identifícaa como procedente da fachada medieval do Pórtico, mentres que a maneira de labrar a pedra --especialmente a técnica á hora de esculpir os pliegues da roupa-- apuntan con seguridade ao taller do Mestre Mateo.

A profesora Rocío Sánchez Ameijeiras, unha dos expertos que tiveron a posibilidade de analizar a peza, asegurou que se trata dunha figura "sorprendente" e que a súa datación é lixeiramente posterior ás esculturas do Pórtico, en torno ao ano 1.200.

En canto á iconografía, destacou que a escultura, unha figura masculina, ten nimbo pero non ás, porta ademais unha cartela de gran tamaño e está descalzo, polo que cre que podería tratarse dun profeta.


A peza presenta un bo estado de conservación e está completa fóra da cabeza, que falta, dado que era habitual que cando as figuras se desbotaban se lles retirase a cabeza e as marcas indican que a ruptura foi mecánica.

NUNHA PEQUENA SALA

A figura foi localizada de forma fortuíta mentres se retiraba a terra e cascallos que tapiaban unha pequena sala anexa ao Pórtico da Gloria. O recheo, con todo, fora depositado alí fai uns 100 anos, segundo os expertos, aínda que a estatua estaría alí con anterioridade.

A escultura, que estaba sobre o pavimento orixinal da torre, foi deixada alí nun período anterior a que se cimentase a torre sur, dado que o muro construído con este propósito fixo máis angosta a entrada ao pequeno habitáculo e, de feito, a estatua non cabe a día de hoxe polo oco resultante.


No chan desa mesma sala, os investigadores acharon tamén unha moeda de aspecto medieval que está aínda pendente de ser catalogada.

PRESENTACIÓN EN SOCIEDADE

A intención dos responsables da Fundación Catedral é que esta peza poida facer a súa presentación en sociedade na exposición sobre o Mestre Mateo que se inaugurará no Museo do Prado de Madrid o próximo 28 de novembro.

Con iso, o responsable desta exposición e do Museo da Catedral, Ramón Izquierdo, destacou que a mostra contará coas oito esculturas que se conservan da fachada medieval da basílica compostelá a modo de "agasallo final". Unha vez finalizada a mostra, a peza depositarase no Museo da Catedral.

Polo momento disponse de oito esculturas desta fachada primitiva da Catedral, tres parellas e dúas esculturas individuais --entre elas a recentemente descuberta--, aínda que non se descarta que os recintos aínda por limpar nas obras de restauración poidan deparar novas sorpresas.

FRESCOS DA CAPELA MAIOR

Por outra banda, a Catedral de Santiago iniciou os traballos previos de estudo dos frescos da cúpula da capela maior e do baldaquino do altar coa idea de "consolidar" a policromía e poder iniciar a súa restauración para partir do ano 2020.

Así o confirmou este venres o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, que indicou que na basílica compostelá "queda moitísimo por facer" en materia de obras.


As próximas intervencións, apuntou, serán as das cubertas da capela maior e das capelas da ábsida, cuxo proxecto está practicamente finalizado e espérase poder someter a estudo e ditame a finais deste mes.

Do mesmo xeito, está a comezarse coa redacción dos proxectos para a restauración das restantes cubertas, as que van desde o cimborrio ata a cabeceira, as do cimborrio cara á fachada occidental e as cubertas do transepto.

Ademais das obras de restauración no cimborrio, que xa se están levando a cabo, a Catedral iniciou tamén a "fase de estudos previos" da rehabilitación da capela maior, os seus frescos e o baldaquino, do que tamén se analizarán os seus "niveis de estabilidade".

CONSOLIDACIÓN DA POLICROMÍA

Unha vez terminen estes estudos, dixo Daniel Lorenzo, comezará unha fase de "consolidación" da policromía dos frescos da cúpula, co obxectivo de que non se vexa "afectada" por posibles filtracións que se produzan durante as obras de restauración das cubertas da capela maior.

A restauración dos frescos, que será o punto final destes traballos de estudo, non está polo momento no cronograma inmediato e "trasladarase ao ano 20", segundo dixo Lorenzo.

Daniel Lorenzo mostrouse satisfeito coa evolución xeral das obras, que se están desenvolvendo con "algún pequeno desfasamento" nos prazos. Con todo, lembrou que "queda unha enorme cantidade de obra para os anos 17, 18 e 19", polo que animou a "aprender a convivir coas estadas" polo momento.


relacionada ​Cinco mozos, cazados escalando a Catedral
relacionada ​La Catedral no se libra de los andamios hasta 2020
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE