#Claves de la semana

Sen rastro do posible "bólido de materia cósmica" avistado en Galicia

O 112 recibiu avisos desde distintos puntos de Galicia. Expertos da USC indican que o fenómeno avistado "case seguro" correspondía a un "obxecto natural". 


|

Meteorito


O Centro de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia atendeu esta noite varias chamadas de persoas particulares que informaban da presenza dun corpo incandescente no ceo.


En concreto, o CAE 112 Galicia recibiu os primeiros avisos sobre as 20,00 horas do xoves desde varios puntos da xeografía galega, como Vigo, Oroso (A Coruña), Taboada (Lugo) ou Allariz (Ourense).


Na localidade ourensá de Allariz, Protección Civil explicou ao 112 Galicia que foron varios veciños os que aseguraron ver o suposto meteorito.


Mentres, no caso do municipio de Taboada unha muller aseguroulle ao 112 Galicia que vira caer un corpo incandescente nun prado da zona.


INSPECCIÓNS


Con todo, o Centro de Atención ás Emerxencias asegura que "non ten constancia" de que os corpos mobilizados atoparan os restos de "ese posible meteorito".


Malia todo, a Garda Civil non achou "ningún rastro" na parroquia de Toldaos, no municipio de Taboada (Lugo), segundo informaron fontes do Instituto Armado.


Pola súa banda, o alcalde de Taboada, Ramiro Moure, precisou que foi unha veciña de Toldaos a que comunicou que avistara "unha luz que se difuminaba e que caía preto dunha leira á beira da súa casa".


É entón, segundo relata Moure, cando a muller alertou ao 112 e, xa coa presenza da Garda Civil na parroquia, "como era de noite non localizaron nada". "Había na zona fume, como uns gases que atacaban á respiración", puntualizou.


"UN BÓLIDO DE MATERIA CÓSMICA"


O profesor e investigador do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago José Ángel Docobo explicou que o obxecto incandescente observado no ceo desde varios puntos de Galicia "ten pinta de ser un bólido" de materia "cósmica".


En declaracións a Europa Press, Docobo comentou que sobre as 19,40 horas do xoves "pasou un bólido" polo ceo da Comunidade galega, que tamén "se viu en León e Cantabria", polo que considera que "non caeu en Galicia".


Neste sentido, explicou que se trata dunha cuestión de percepción, xa que "a xente ten a sensación de cae preto" cando é un mero resto que deixa un "ronsel de fume".


Por iso, apuntou que a entrada dunha "pedra cósmica" na atmosfera como sucedeu na xornada do xoves "habitual non é", pero "tampouco é raro".


Así, lembrou que o pasado 17 de maio investigaron "outro bólido diúrno" ao sur de Galicia. "Tamén fixo explosión ao final e quedou un ronsel de fume ao termo, como o de onte (xoves)", relatou Docobo.


"OBXECTO NATURAL"


Por todo iso, puntualizou que "na maioría dos casos son materiais cósmicos" os obxectos incandescentes avistados no ceo, ao que engadiu que nalgunhas ocasións pódese tratar de "reentradas de material especial".


Con todo, insistiu que o fenómeno avistado desde puntos das catro provincias galegas o xoves "case seguro" correspondía a un "obxecto natural" polas características presentadas.



relacionada Defensa publica expedientes de ovnis avistados en Galicia
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE