#Claves de la semana

Máis de 400 menores galegos foron atendidos no que vai de ano por intoxicacións etílicas

Urxencias Médicas chama a non deixar soa a persoa afectada e a non provocarlle o vómito. O Valedor pide máis vixilancia.


|

Botellonalcohol


O 061 atendeu no que vai de ano, concretamente entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro, a un total de 409 menores de idade con intoxicacións etílicas. A eles súmase o último caso rexistrado dunha menor que acudiu a pasada fin de semana a Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.


Segundo os datos do 061, a maioría dos 409 menores foron atendidos nas provincias de Pontevedra e A Coruña, con 172 e 160 casos respectivamente. Por detrás sitúase a provincia de Lugo, con 45 casos, e finalmente Ourense, con 32.


No relativo ao xénero dos menores, houbo máis casos de intoxicacións en homes que en mulleres, con 227 mozos e 180 mozas, ademais doutros dous menores sobre os que non se recolleron os datos.


Segundo confirmaron fontes sanitarias a Europa Press, precisamente esta última fin de semana unha menor acudiu cunha intoxicación etílica ao servizo de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro, onde foi dada de alta unhas horas despois.


Así mesmo, fontes sanitarias da área de Pontevedra indicaron a Europa Press que non houbo constancia de "ningún coma etílico" durante a pasada fin de semana no Hospital Montecelo de Pontevedra, pero si confirmaron que ingresou unha menor á que se lle deu o alta este luns ao rexistrar unha "boa evolución".


Este tema adquiriu especial relevancia nestes últimos días, despois de que o venres 28 de outubro unha menor de 12 anos da localidade madrileña de San Martín de la Vega falecese tras inxerir grandes cantidades de alcol durante un botellón.


RECOMENDACIÓNS


Ante unha persoa que mostra síntomas de sufrir unha intoxicación etílica grave --como incapacidade para a deambulación normal ou alteración do estado de consciencia--, Urxencias Sanitarias recomenda avisar ao 061 e seguir as instrucións, comunicar as sustancias e a cantidade inxeridas, poñer ao paciente tombado sobre un lado, afrouxar a roupa e abrigarlle se fai frío.


Ademais, aconsella liberar as vías aéreas en caso de vómitos, retirar estímulos estridentes da contorna, desaconsellar a deambulación e comprobar o estado da respiración. Así, no caso de que deixe de respirar insta a contactar urxentemente de novo co 061 e, se se saben realizar, iniciar as manobras de reanimación básica ata que cheguen os equipos sanitarios.


Da mesma maneira, Urxencias Médicas chamou a non deixar soa á persoa afectada, a non administrarlle ningunha bebida ou comida máis e a non inducirlle o vómito.


REFORZAR A VIXILANCIA


A institución do Valedor do Pobo cre "necesario reforzar" por parte das autoridades "o control, a vixilancia e a supervisión" nas concentracións con motivo dos botellóns que se celebran en moitos puntos da Comunidade galega.


A valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, insistiu na importancia de "reforzar a vixilancia dos botellóns" que se rexistran en Galicia "e, sobre todo, sobre a presenza de menores nestas concentracións".


Otero, a través dun comunicado, lembra que "non é a primeira vez que a institución actúa ante este problema". "A presenza de menores en botellóns propiciou en 2011 unha gran actuación de oficio ante as sete principais cidades de Galicia", concretou.


Así, ante a "vixencia da problemática" e o seu "incremento nas últimas semanas", a valedora lembra a "urxente necesidade" de que os "poderes públicos tomen conciencia deste problema e adopten medidas para a súa erradicación".


En especial, Otero apunta aos concellos, "como administración máis próxima", que son, ao seu xuízo, "os que deben mostrar unha especial sensibilidade ante este tipo de consumo".


LABORES DE SUPERVISÓN


Neste sentido, a valedora recalca que "o interese superior do menor esixe que os poderes públicos leven a cabo labores de supervisión para a protección da súa saúde física e mental".


Así mesmo, incide na "relevancia do aspecto educativo" que, segundo recalca, "deben desenvolver as familias como responsables directar de transmitir ás novas xeracións unha cultura de non tolerancia no consumo de alcol".


Por todo iso, a valedora do Pobo reitera a "necesidade de aplicar" diversas "medidas contempladas na Lei 11/2010 de prevención do consumo de bebidas alcohólicas" en menores de idade, tanto "as accións educativas e preventivas como as intervencións sancionadoras".


Deste xeito, considera que "deben facerse controis" de investigación e sanción "especiais" aos establecementos de venda de alcol ou ás persoas que provén aos menores destas bebidas.

relacionada ​Unha nena de 13 anos tivo que ser atendida por intoxicación etílica en Vigo
relacionada Os mozos galegos ven pouco risco no consumo de alcol
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE