A oposición galega critica a "porta xiratoria" de Fernández Currás
A oposición galega cuestionou que a ex secretaria de Estado de Orzamentos, Marta Fernández Currás, fichase por unha empresa consultora privada tras deixar o seu cargo no Ministerio de Facenda, e o PPdeG defendeu que a que foi conselleira de Facenda "cumpre a lei de incompatibilidades".
En concreto, a que fora titular de Facenda durante a primeira lexislatura de Feijóo á fronte da Xunta, e que ata o pasado venres ocupaba o cargo de secretaria de Estado de Orzamentos, decidiu incorporarse á auditora e consultora EY, antiga Ernest & Young.
"A mágoa é que Fernández Currás non soubese de auditorías cando foi a fusión das caixas galegas porque talvez nos podería facer un informe moito máis detallado e teriamos información sobre cal era a realidade das entidades no momento no que o Goberno galego tomou a decisión", asegurou o portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares.
Villares criticou "o aproveitamento do público para o privado" por parte dos cargos públicos, cuestión que tamén foi censurada polo portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga. Así, o socialista asegurou que "unha persoa que estivo ao cargo dunha secretaría de Estado como a súa, cunha proxección tan importante sobre todos os ámbitos da administración pública debería ter, xa no plano persoal, unha certa contención á hora de dar o paso ao ámbito privado".
Pola súa banda, a nacionalista Ana Pontón mostrouse "escandalizada" ante as "portas giratorias" que, na súa opinión, "seguen existindo para altos cargos e para o Partido Popular". "O grave é que isto sexa legal", manifestou.
Fronte a iso, o portavoz do PPdeG na Cámara galega, Pedro Puy, asegurou que Marta Fernández Currás "cumpre a lei de incompatibilidades". "Mentres se cumpra a lei máis nada que dicir que desexarlle o mellor e agradecerlle os servizos prestados para o público", indicou.
Escribe tu comentario