O pleno de Santiago aproba mover un millón para pagar sentenzas doutros mandatos

|

Martionoriegaalcaldiasantiago


O pleno do Concello de Santiago aprobou, cos votos a favor do grupo de goberno (Compostela Aberta) e a abstención do resto de membros da Corporación (PP, PSOE e BNG), un expediente de modificación de crédito que ascende a case un millón de euros para afrontar o pago de tres sentencias xudiciais derivadas de decisións de mandatos anteriores.


En concreto, o expediente de modificación de crédito ascende a 949.453,46 euros. A maior cantidade, 693.571,27 euros, será para afrontar unha parte do pago que o Concello lle ten que facer á empresa que iniciou a construción do parque comarcal de bombeiros de Salgueiriños.


O pago para esta sentenza é parcial, xa que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) obriga a abonar 1.018.000 euros, xunto cuns intereses que están estimados en case 500.000 euros.


A segunda sentenza que se vai a pagar con cargo ao expediente de modificación de crédito aprobada é a relativa á liquidación do transporte urbano do ano 2008, pola que o Concello lle ten que abonar 135.589,50 euros á UTE Autobuses Urbanos de Lugo e TRAP S.A. por un erro á hora de calcular o custo do combustible.


Esta sentenza é idéntica á que xa recibiu o Concello respecto das liquidacións de transporte nos anos 2007, 2009, 2010 e 2011, que suman 485.562 euros. A empresa tamén recorreu os acordos relativos ás liquidacións dos anos 2012, 2013 e 2014.


En terceiro lugar, a modificación de recursos permitirá pagar unha sentenza relacionada cunhas facturas do contrato de asesoría xurídica que quedaron sen abonar do anterior mandato, e polas que agora hai que abonar 112.381 euros.


Na mesma sesión, tamén co voto a favor dos edís de Compostela Aberta e o rexeitamento do resto, autorizouse unha amortización anticipada de débeda por importe de máis de 1,2 millóns de euros.


"UNHA REFLEXIÓN"


Encargada de expoñer a modificación de crédito, a concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, salientou a elevada contía que haberá que pagar para afrontar sentenzas (calcula que o seu global supera os 3 millóns de euros) e chamou a facer "unha reflexión" sobre os efectos de determinadas decisións nos "petos" dos veciños.


En fronte, populares, socialistas e nacionalistas incidiron en que gobernar leva decisións que ás veces confrontan despois coa "interpretación" xudicial, e auguraron que futuros gobernos herdarán pagos similares derivados da xestión actual.


O portavoz do PP no debate, Manuel Martínez, e o portavoz local do BNG, Rubén Cela, criticaron "a forma e o fondo" do expediente de crédito e alegaron que "se abusa da tramitación de urxencia", por "falta de planificación" e unha dotación "inadecuada" do fondo de continxencia que debe responder a "imprevistos" na administración. Na mesma liña pronunciouse o socialista Paco Reyes.


E é que neste pleno tamén se introduciu con carácter urxente e aprobouse, de novo coa abstención da oposición, unha terceira cuestión financeira: a transferencia ao Auditorio de Galicia de 124.146,62 euros, unha achega "complementaria" para manter a súa actividade, tendo en conta que, segundo o grupo de goberno, este ano recibiu "menos subvencións que en exercicios anteriores".


A oposición tamén ligou esta modificación a "falta de planificación" do goberno local.


XESTIÓN FINANCEIRA COMO A DE "CONDE ROA"


Un paso máis aló, o portavoz socialista, Paco Reyes, suxeriu que Compostela Aberta tenta centrar o debate nas sentenzas de mandatos anteriores para tapar "unha mala xestión" financeira, que comparou coa do exalcalde popular Gerardo Conde Roa. Tamén Rubén Cela (BNG) recorreu á mesma comparación antes de reprobar os mecanismos usados para a amortización de débeda.


"Para vostedes o pleno ía de que non poden xestionar porque os 30 anos doutros gobernos impídeno, pero a súa incapacidade para executar o orzamento non ten nada que ver coas sentenzas", advertiu Reyes, quen avisou ao rexedor, Martiño Noriega, e ao seu equipo, de que eles tamén terán "sentenzas contrarias".


A modo de exemplo, do mesmo xeito que outros portavoces, subliñou que a "interpretación para o prezo do gasóleo" (que se cuestiona na sentenza relativa á liquidación do transporte urbano do ano 2008) é "a mesma" que fai o actual goberno local.


Ademais, avisou de que un dos expedientes de modificación de crédito está cuestionado formalmente nun informe da Intervención Municipal. "Gustaríame que se pronunciasen os habilitados nacionais do pleno, o secretario e a intervención", demandou, aínda que o pronunciamiento non chegou a producirse.


"DOUS INFORMES FAVORABLES"


Antes da votación, tomou a palabra o alcalde, Martiño Noriega, quen censurou que se busque suscitar "sombras" sobre dous expedientes que informados "favorablemente" pola Intervención e, na liña de María Rozas, recoñeceu que, aínda que o procedemento puido "non ser o máis adecuado en tempo", hai que poñer o foco "no relevante".


E "o relevante", continuou Noriega, é que as sentenzas xudiciais custarán ás arcas do concello unha elevada "cantidade". "Vostedes entenden que as sentenzas son unha coartada política, pero non deixan de ser unha carga financeira, e a contía non é unha broma; se é unha cortina de fume, deberiamos buscar outra", ironizou.


En canto á postura de Reyes, que urxiu a pagar a totalidade da sentenza do parque de bombeiros e suxeriu que se autoriza un abono "parcial" para contar con "outra coartada" ante unha eventual nova modificación de crédito, o alcalde censurou que ao PSOE lle entre agora "a présa por pagalo todo".


"Pero non lles entrou en 2008, de cando procede. E isto non o paga Compostela Aberta, págao a xente", advertiu.


Tras o pleno, Paco Reyes censurou que Noriega non dese a palabra aos funcionarios de secretaría e intervención para pronunciarse sobre os "problemas de forma" dun dos expedientes. "É a primeira vez que un portavoz dun grupo da oposición pide unha aclaración aos habilitados nacionais e o alcalde non lles dá a palabra", afeou.

relacionada Santiago terá que pedir un crédito dun millón de euros para afrontar sentenzas de mandatos anteriores
relacionada ​A zona vella de Santiago non abrirá novos aloxamentos en dous anos
relacionada Noriega acusa á Xunta de aplicar o 'método Trump' no caso do paraguaio deportado

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Este periódico fue seleccionado por Google News Initiative para su Journalism Emergency Relief Fund

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress