A oposición critica as dúas caras de Feijóo co galego
PSdeG e BNG móstranse "asombrados" de que aproben medidas de promoción do galego entre os mozos e non derrogue o decreto do plurilingüismo.

O Parlamento de Galicia instou á Xunta a buscar "a implicación do conxunto da sociedade e de diferentes axentes" no fomento o uso do galego entre a mocidade, para o que "se iniciará un proceso de deseño e planificación de políticas de dinamización lingüística".
Este acordo foi aprobado este xoves durante a Comisión de Educación e Cultura por mor dunha iniciativa defendida polo deputado popular César Fernández Gil, que contou cos votos a favor do seu grupo, a abstención do PSdeG e o rexeitamento de En Marea e o BNG.
Na defensa da súa iniciativa, Fernández Gil explicou que o PPdeG entende a lingua galega como "unha ferramenta útil e capaz de afrontar os desafíos que Galicia" ten por diante pero, para iso, considerou "fundamental" involucrar á sociedade no seu uso e, especialmente á "mocidade".
Con todo, na sesión na que tamén foi debatida outra iniciativa sobre o uso do galego presentada por En Marea e rexeitada polo grupo popular, a deputada do partido instrumental, Ánxeles Cuña, lamentou que o PPdeG propoña "por unha banda fomentar o uso do galego, e por outra, co mantemento do decreto do plurilingüismo, o acurrale".
Por iso, pediu ao Partido Popular que deixe ver "que interese real" ten en fomentar que os máis novos falen galego e censurou que as súas "actuacións hostís" teñan "un efecto claro sobre" este idioma que é, como lamentou, "que as persoas que o falan son cada vez menos e maiores".
DERROGACIÓN DO DECRETO DO PLURILINGUISMO
Nesta liña tamén se pronunciou a deputada nacionalista Olaia Rodil, quen asegurou que durante a pasada lexislatura a Xunta "non fixo nada" para "fomentar o uso do galego entre a mocidade".
"Se queremos reforzar positivamente o uso do galego e transmitir unha mensaxe positiva, haberá que derrogar o decreto do plurilingüismo, porque estamos a lanzar mensaxes contraditorias aos mozos", asegurou a parlamentaria do Bloque.
Esta idea tamén foi apoiada pola deputada socialista, quen asegurou "compartir" o asombro de Olaia Rodil ante a iniciativa presentada polo Grupo Popular despois de dúas lexislaturas "nas que o Goberno galego non fixo absolutamente nada en dinamización lingüística".
OUTRAS INICIATIVAS
Na comisión deste xoves tamén foron rexeitadas cos votos en contra do PPdeG dúas iniciativas presentadas por En Marea e o PSdeG. En concreto, non viu luz verde unha defendida pola deputada Luca Chao sobre as avaliacións finais de ESO e Bacharelato, así como outra formulada polo portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, para dotar dun ximnasio cuberto ao CPI Camiño de Santiago do Pino (A Coruña).
Os avogados de Santiago apostan por normalizar o galego na Xustiza
Escribe tu comentario