Que teñen en común Annie Alfred, Máxima Acuña e Eren Kesin?

|

Anniealfredmalawiamnistiainternacionalderechoshumanos

Annie Alfred, vítima da superstición e a maxia en Malawi polo mero feito de ser albina. Ilustración de Ai Wei Wei // Amnistía Internacional


Amnistía Internacional lanzou este sábado en Vigo cun espectáculo de maxia na rúa e recollida de firmas a campaña #PersonasPorPersonas para a defensa dos dereitos humanos.


A portavoz da ONG en Vigo, Antía Pérez Lorenzo, explicou que a campaña se puxo en marcha este sábado con motivo do Día Internacional dos Dereitos Humanos e "a xente está a responder moi ben".


Ademais da recollida este sábado de firmas na rúa, ata as vacacións de Nadal tamén se poderá asinar na Escola Oficial de Idiomas en Vigo e na web de Amnistía Internacional no marco deste campaña que prevén prolongar ata mediados de xaneiro.


En toda España, a campaña céntrase nos casos de Annie Alfred, unha nena albina de Malawi "vítima da superstición e maxia"; Máxima Acuña, "atacada por defender a terra e o medioambiente" en Perú; e Eren Kesin, xornalista turca procesada por informacións contrarias ao Goberno do seu país.


ANNIE ALFRED


Annie Alfred é unha nena como calquera outra de Malawi. Os seus amigos e a súa familia quérena. Ten 10 anos e de maior quere ser enfermeira. Pero tal vez non viva o suficiente para cumprir os seus soños porque hai xente que cre que o seu corpo ten poderes máxicos, e pensa que non é humana.


Annie naceu con albinismo, trastorno hereditario que impide ao seu corpo producir a cor, ou a melanina, necesarias para protexer a súa pel do sol. En Malawi, entre 7.000 e 10.000 habitantes comparten este trastorno. Todos eles corren o perigo de ser perseguidos e asasinados por xente que cre que se fará rica coas partes do corpo dunha persoa albina. As agresións contra persoas con albinismo aumentaron drasticamente desde novembro de 2014. Só en 2015, denunciáronse 45 casos de asasinato ou intento de asasinato e secuestro.


As persoas como Annie non teñen ningún lugar onde estar a salvo. Non só as poden secuestrar os delincuentes, senón tamén membros da súa propia familia. Amnistía Internacional esixe ás autoridades de Malawi que protexa dos asasinatos ás persoas con albinismo.


MÁXIMA ACUÑA


Máxima Acuña non dará marcha atrás. Esta campesiña do norte de Perú fixo fronte a violentos ataques da policía local por negarse a abandonar a terra na que vive coa súa familia. Máxima estableceu unha batalla legal pola propiedade da terra contra a empresa Yanacocha, que controla unha das maiores minas de ouro e cobre do mundo. Cre que o acoso que sofre por parte da policía é unha manobra para afastala do seu fogar, pero non se vai render.


Grazas á súa coraxe, en 2016 foi galardoada co Premio Goldman, considerado como o Nobel ambiental. Amnistía Internacional quere asegurar que ela e a súa familia poidan vivir en paz nas súas terras, ata que os tribunais tomen unha decisión definitiva. Para iso pide ás autoridades de Perú que os protexan da violencia e a intimidación.


EREN KESKIN


Eren Keskin, avogada e antes directora dun xornal, leva máis dunha década criticando abertamente o Estado turco. Hai 11 anos pronunciou un discurso co que as autoridades se enfureceron porque as acusaba de “ter matado un neno de 12 anos”: Ugur Kaymaz. Para Eren, a morte deste neno en 2004, a mans do exército, é unha das moitas infamias da historia de Turquía.


Por este e outros artigos publicados no xornal kurdo que dirixía, foi acusada en repetidas ocasións de insultar o Estado turco e o presidente. Eren foi levada ante os tribunais máis de 100 veces por facer oír a súa opinión sobre a grave situación da minoría kurda en Turquía. O enorme número de causas abertas na súa contra constitúe, claramente, un caso de acoso. E a Eren esgótaselle o tempo: se se celebran novos xuízos, podería ser encarcerada en calquera momento e por moito tempo. Amnistía Internacional pide ás autoridades de Turquía que non a encarceren.

relacionada ​“2016 foi un ano desastroso para os Dereitos Humanos”

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Este periódico fue seleccionado por Google News Initiative para su Journalism Emergency Relief Fund

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress