#Claves de la semana

​O éxodo dos refuxiados, visto desde os ollos de fotoxornalistas galegos

Vaise presentar en Vigo un libro que relata o camiño das persoas que foxen das guerras e atravesaron a chamada 'ruta dos Balcáns'.


|

Librorefugiados


Un grupo de catro fotoxornalistas (tres galegos e un vasco) asumiron hai uns meses o reto de "contar o que pasaba" cando miles de refuxiados de Siria, Irán, Afganistán, etc. chegaban ás portas de Europa, e embarcáronse nun proxecto que culminou coa publicación do libro 'A ruta dos refuxiados' (Catro Ventos).


O libro, que será presentado este martes no café UF de Vigo ás 20.00 horas, recolle decenas de fotografías en branco e negro que ilustran de forma directa, sen filtros amables nin intermediarios, a odisea de centos de refuxiados desde a súa entrada aos campos de Lesbos ou Idomeni, en Grecia, ata a súa chegada a Francia e Alemaña.


Os fotógrafos vigueses Felipe Carnotto, Adrián Irago e Juan Teixeira, e o vasco Unai Beróiz, poñen as imaxes (tomadas entre o verán de 2015 e os primeiros meses de 2016) a este relato, que conta coas palabras escritas do xornalista Cristian López, e que acompaña a eses refuxiados por varias etapas do seu penoso éxodo.


A idea do proxecto tivo o seu xerme, como non podía ser doutro xeito, nunha fotografía: a do pequeno Aylan, que morreu afogado no Mediterráneo e cuxo corpo sen vida puido ver todo o mundo a través dos medios, en setembro de 2015, nunha praia de Turquía. Esa imaxe tamén golpeou a Felipe Carnotto e levouno a "querer ir alí, ver que estaba a pasar, contalo de forma obxectiva, independente", segundo relatou, en declaracións a Europa Press.


Así empezou unha primeira viaxe para coñecer a chamada 'ruta dos Balcáns' que miles de persoas realizan para chegar a Europa e para, desgraciadamente, constatar que as dificultades do seu camiño aínda non terminan aí. "O que máis nos chamou a atención foi comprobar como esas persoas non eran máis que mercadoría, números, ao redor dos cales se constituíu un verdadeiro negocio para as mafias locais, para os transportistas, para algúns taxistas, ...", indicou Carnotto.


"VÍNCULOS"


'A ruta dos refuxiados' recrea, en varias etapas, un camiño cheo de obstáculos, e nel poden verse imaxes de refuxiados en Lesbos e Idomeni (Grecia), en Serbia e Macedonia, ou en Calais (Francia). "É que non se pode mirar para outro lado, porque están aquí. Hai campos de refuxiados en Europa", apuntou o fotógrafo vigués.


Carnotto recoñeceu a dureza dos primeiros días para quen, cámara ao ombreiro, trataban de desempeñar o seu traballo. "É algo que intimida moito, ao principio custaba facer as fotos pero logo... acabáronse creando vínculos con esas persoas, dábaste conta diso: son persoas, con familia, traballos que deixaron atrás, estudos...", engadiu.


Pero esas viaxes non só puxeron a estes fotoxornalistas fronte fronte aos refuxiados, senón tamén coas mafias. "Pois claro que estaban aí, non facían nada por disimular", contou, mentres lembraba o habitual que era "ver a taxistas e camioneiros pasándose feixes de billetes dos servizos prestados por trasladar a xente a prezos desorbitados".


UNHA BOA CAUSA


'A ruta dos refuxiados' é un dos primeiros libros publicados por Catro Ventos, unha pequena editorial viguesa nada recentemente e que ten como obxectivo principal traducir ao galego títulos relacionados coa economía social e solidaria, ecoloxía, medio ambiente, dereitos humanos, etc.


De feito, un euro de cada exemplar que se venda irá parar á ONG 'Do your part', coa que unha das responsables da editorial estivo a colaborar no campamento de refuxiados de Oinofyta (Grecia).


Ademais do libro, algunhas das imaxes tomadas por estes fotoxornalistas puideron verse na exposición itinerante 'Exodus', organizada pola Deputación de Pontevedra, e que percorreu varios municipios da provincia.


DATOS SOBRE OS REFUXIADOS


Segundo a Comisión Española de Axuda ao Refuxiado, na actualidade, Siria é o país con maior número de desprazados, debido a unha guerra que dura xa máis de cinco anos. Calcúlase que máis de 11 millóns de sirios tiveron que desprazarse internamente ou fuxir do seu país.


Só no ano 2016, informa esta Comisión, máis de 5.000 persoas perderon a vida no mar Mediterráneo tratando de chegar a Europa, e desde o ano 2000 esa macabra conta suma 37.000 vidas perdidas. Chegar con vida ás costas gregas tampouco é garantía de éxito: en Grecia viven 'atrapados' en campamentos máis de 60.000 refuxiados.

relacionada A Fundación Araguaney celebra un ciclo de cinema sobre os refuxiados
relacionada ​Ana Miranda denuncia a pasividade de Europa no conflito dos refuxiados
relacionada ​A USC convoca dúas bolsas para estudantes refuxiados
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE