#Claves de la semana

A Xunta conta con reducir o paro ata o 10% para 2020

Este xoves presentouse o Plan Estratéxico 2015-2020, que conta con crear 100.000 empregos e conseguir baixar a taxa de desemprego ata o 10% para 2020, ademais de medrar a un ritmo do 2,5% anual




|


A Xunta de Galicia presentou durante este xoves o seu Plan Estratéxico para 2015-2020, que pretende segundo Alberto Núñez Feijóo implementar un "modelo de crecemento baseado na innovación e no capital humano", consolidando definitivamente a recuperación e iniciando un "crecemento sostible". 


Un dos obxectivos fundamentais do plan é a creación de 100.000 empregos ata 2020, pasando do 17,7% de paro que arroxa a EPA feita pública hoxe ata o 10% en 2020. Recoñecen que se trata dun obxectivo ambicioso, pero Feijóo asegura que se se mantén "a estabilidade nas políticas macro de España, polas políticas económicas de Galicia non vai quedar". De todos xeitos, e aínda que se acadase o obxectivo marcado, o paro galego seguiría en 2020 por enriba dos niveis de 2008, estaba por debaixo do 10% antes do comezo da crise. 


Outro dos obxectivos fundamentais deste Plan Estratéxico, presentado en detalle polo conselleiro de Facenda Valeriano Martínez, pasa por acadar un crecemento anual do PIB do 2,5% e acadar un gasto non financeiro de 9.500 millóns de euros.


Todo isto, segundo explicou Martínez, "mantendo a blindaxe do gasto social sen suba de impostos", mantendo ademais a "solvencia de Galicia". 


Agora o Plan Estratéxico pasará  ao Parlamento, antes de poder ser aprobado de forma definitiva. 



REVITALIZACIÓN DEMOGRÁFICA E MENOS POBREZA



Entre os obxectivos "bastante ambiciosos" e "profundamente realistas" articulados polo Executivo, Martínez aludiu tamén a implantación dun paquete de medidas integral para a "revitalización demográfica", de forma que Galicia poida achegarse "de forma progresiva á media de 1,59 fillos por muller que neste momento posúe a unión europea".



Igualmente, a Xunta confía en "seguir reducindo" a taxa de abandono escolar temperán noutros 3,5 puntos, ata chegar ao 13,5% do total; así como lograr que o 47% dos galegos entre 30 e 34 anos de idade teñan estudos superiores, e reducir a poboación en risco de pobreza ou exclusión social nunha contorna de 100.000 persoas.



O plan estratéxico, que será remitido ao Parlamento galego para o seu debate de acordo co espírito de "consenso" avanzado por Feijóo, tamén contempla a baixada das emisións de gases de efecto invernadoiro nun 35% en relación co nivel de 2005; así como aumentar o uso das enerxías renovables ata un 30% do consumo final e incrementar a eficiencia enerxética con respecto a 2005.



Así mesmo, contempla duplicar o gasto en I+D e subir ao 40 por cento do PIB a exportación nos sectores produtivos. Por último, a Xunta prevé converxer 8 puntos coa UE en PIB per cápita ata chegar ao 88% e avanzar case 5 puntos en 

relación a España ata alcanzar o 92,7 por cento.



"BLINDAR O GASTO SOCIAL"



Xunto cos dez obxectivos claves avanzados este xoves, Feijóo repasou tamén as prioridades que se fixa o plan: "blindar" o gasto social en educación e no ámbito sanitario, non subir impostos, seguir reducindo a débeda da comunidade e "manter a súa solvencia e estabilidade".



Do mesmo xeito, resaltou que este plan é froito de "un amplo proceso de participación", logrado mediante o envío do texto a medio milleiro de entidades e coa posta en marcha dunha web específica. Tamén, coa celebración de tres foros sectoriais nos que participaron máis de 200 expertos, e coa formación dun comité asesor de primeiro nivel con especialistas en todos os ámbitos.



Pola súa banda, Valeriano Martínez resaltou que a sociedade galega atópase "nun momento crucial" e reivindicou o valor da "estabilidade", á vez que defendeu o impulso deste plan coa convicción de que "ter estratexia supón dar certezas á cidadanía". "O Goberno que planifica non improvisa", resolveu.


relacionada Galicia creou máis de 32.000 empregos en 2015
relacionada O paro baixou en 678.200 persoas durante 2015, a maior caída da historia
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE