#Claves de la semana

Leiceaga a Feijóo: "Non reduza Galicia ao seu partido, porque perdemos todos"

O voceiro do PSdeG resumíu os oito anos de goberno do PPdeG en "demografía regresiva, economía débil, paisaxe social devastada e administración debilitada".


|


Leiceagamicro


O voceiro do grupo socialista cualificou a investidura de "especial" dado que "Feijóo xa dixo que está empezando a despedirse" para dar o paso á política estatal previsiblemente, subliñou o que fora candidato á presidencia da Xunta.



Leiceaga advertiu a Feijóo que "Galicia é algo máis ca o seu partido", en relación á consigna dos populares de facer do seu partido Galicia e verbalizada tamén nesas verbas "Galicia, Galicia, Galicia" que Feijóo empregou onte e tamén na súa campaña. O voceiro socialista recordoulle ao candidato popular que "non a reduza Galicia ao PP, porque perdemos todos", e subliñou que "Galicia é mais plural e máis diversa".



Ademais, Leiceaga recordoulle a Feijóo que "sen menosprezar a súa maioría absoluta", o PPdeG "perdeu 100.000 votos", para logo recoñecer que aínda que o PSdeG tamén o fixo, este feito "obriga a ser máis abertos, singularmente ao goberno".



O voceiro do PSdeG dixo que o discurso de Feijóo amosaba unha "crise de diagnóstico", e atribuíulle a Feijóo unha "cegueira voluntaria". Neste sentido, dixo que o grupo parlamentario quería "abrir a cortina para que entre a luz", e fixo un resumo do que, en opinión do seu grupo, sería o balance destes oito anos: "demografía regresiva, economía débil, paisaxe social devastada e a administración debilitada".



A respecto da demografía, Leiceaga destacou que "as familias queren dous fillos, pero teñen un", o cal cualificou de "fenda entre desexos e decisións efectivas" que cómpre "encher", actuando dixo, sobre "as condicións laborais, a conciliación, o reparto das tarefas domésticas, a dispoñibilidade de servizos ou a política de axuda á infancia". Ademais, invitou ao candidato á presidencia da Xunta a cambiar a 'caixa finlandesa por unha "política finlandesa".



Outro tema no que incidiu Leiceaga foi a emigración. Unha emigración que tachou de "diferente", pero só en forma, non en fondo. Neste senso Leiceaga dixo que a emigración ha de ser "voluntaria e transitoria", e propuxo unha política de retorno.



A crise foi outro dos ámbitos que tocou o socialista, remarcando unha recuperación "tímida" que "non é suficiente par a recomposición e a recuperación do mercado laboral".



Sobre o sector lácteo, Leiceaga recriminoulle a Feijóo que, malia dicir que esta será a lexislatura do sector primario, non fixera unha soa proposta para o sector lácteo no seu discurso.



Sobre os "camiños de Santiago", o socialista dixo que hai que evitar que "morran de éxito" cunha mellora continua.



MERCADO DO TRABALLO



Sobre as cifras de emprego, Leiceaga dixo que son "os índices que mellor resumen o seu goberno" posto que "imos peor ca no conxunto de España, desperdiciamos coñecemento e temos o problema adicional da calidade do emprego".



Leiceaga, no seu diagnóstico, dixo que en Galicia "traballan unha de cada tres persoas" e o resto "depende dos primeiros ou do sistema de subvencións, que non é suficiente". Ademais, destacou, pedindo desculpas pola "simplificación", que "os maiores son os que sosteñen aos fillos e netos coas súas pensións".



O socialista puxo especial énfase ao falar das desigualdades, un tema que lle afeou a Feijóo que non mencionara no seu discurso de investidura. Segundo a diagnose do socialista, as clases medias perden expectativas, os menos cualificados son os mais afectados e medio millón de persoas viven en fogares con carencias materiais, afirmou, sobre todo afectando "aos menores de idade, que viven unha pobreza infantil significativa no mesmo país de Inditex", e remachou que "isto non é tolerable".



No tocante ao financiamento autonómico, Leiceaga situou "as maiores incertezas". O socialista deixou claro que o criterio non debe ser a distribución igualitaria entre comunidades autónomas, senón que o criterio básico debería de ser "as necesidades de cobertura de gasto", e propúxolle a Feijóo unha comisión parlamentaria para definir unha posición unitaria en relación á reforma do financiamento autonómico, "sempre que nos poñamos de acordo en manter a posición relativa de Galicia", subliñou.




O socialista destacou que é necesario "entender que Galicia está nunha encrucillada política, económica e social", e citando ao Nobel Dylan dixo que "os tempos cambian", facendo fincapé na necesidade de "facer autogoberno".


RÉPLICA


Leiceaga, pola súa banda, pediulle ao candidato "defender entre todos que a financiamento de Galicia por habitante non retroceda" e propuxo a creación dunha comisión para traballar xuntos nesa dirección.


Leiceaga tamén se referiu ás impopulares reválidas, nas cales acusou a Feijóo de "seguir as directrices do partido", cando en realidade "están pensando que non ten sentido o modelo" e animou ao candidato popular a "ser militante de Galicia", como tamén fixo Pontón, defendendo "o que é bo para os galegos, e non para o seu partido".


Sobre os comentarios de Feijóo sobre que a demografía se escapa do ámbito político, preguntoulle, retoricamente, que se o goberno non ten influencia, "por que discutimos este tema na cámara" e incidiu: "que pintamos aquí? Esquezamos o plan, fagamos outra cousa".

Leiceaga recordoulle a Feijóo que a súa posición non cambiou, que van dicir non á súa investidura, pero aclarou que teñen a man tendida e comprometeuse a facer "unha oposición construtiva e leal".

relacionada ​Luís Villares: "As Irmandades da Fala foron a primeira marea galeguista"
relacionada Ana Pontón: "Sempre nos atoparán nos acordos que sirvan para defender Galiza"
relacionada ​O Presidente de Galicia
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE