#Claves de la semana

Viriato, a liquidación

A empresa con sede en Ordes prevé acelerar os procesos para a eventual entrada doutros interesados na xestión da marca.


|

Viriato


Menos dun mes despois de que Caramelo anunciase a súa liquidación, outra empresa galega fai o mesmo. Viriato S.A., empresa fundada en 1959 e con sede en Ordes (A Coruña), dará instrucións aos seus asesores legais para que presenten a liquidación da empresa ante o Xulgado Mercantil Número 2 da Coruña.


Esta decisión, segundo informa a compañía nun comunicado, responde á notificación oficial por parte do seu principal cliente, --que representa o 40% da venda total da empresa--, de non comprar na próxima campaña de primavera verán de 2017.


Esta decisión, segundo apunta Viriato, "lamentablemente contemplábase", a pesar de tentar "reverter a situación" para que non sucedese, ao non poder Viriato servir a totalidade da campaña actual, de outono inverno de 2017.


De acordo cos seus datos, só serviu o 20% do pedido inicial --30.000 pezas--, e a firma de moda viuse ante a "imposibilidade de poder producir" a campaña de primavera verán de 2017, "pola falta de liquidez motivada en parte polos embargos sobre os dereitos de cobro e saldos bancarios trabados polas administracións públicas".


"O competitivo mercado exterior, canle de vendas fundamental onde a empresa se orientou nos últimos anos, representaba xa o 30% da totalidade da venda, e ao non poder cumprir cos tempos e prazos establecidos, que esixen e demandan datas de servizo moi precisos, fixo que axentes e representantes buscasen outras alternativas á marca para a próxima campaña", explica a compañía.


Viriato conta cun modelo de negocio, segundo destaca, no que o seu maior "potencial" está centrado na calidade do seu produto "estrela", o punto, "pero os altos custos de produción e o seu proceso de fabricación artesanal fan que a calidade e 'mix' de vendas non sexa o adecuado para xerar a rendibilidade necesaria e poder atender todas as obrigacións que xera a súa actividade industrial en Galicia".


ERE 


A empresa lembra que apostou en 2015, cunha axuda participada de Xesgalicia, Banco Pastor, accionistas e traballadores, por "tentar cambiar e mellorar a calidade e 'mix' de vendas, ampliando tamén parte da súa oferta a confección e camisetas", para dar así un portafolio máis amplo de produtos ante os novos requirimentos dos seus clientes.


Foi entón cando validou un ERE que afectou a 40 traballadores e renovou practicamente todos os mandos intermedios da dirección da empresa.


"O descoñecemento no manexo destes talleres externos contratados, basicamente localizados en Portugal, fixo que o resultado non fose o esperado", segundo expón.


Respecto diso, resalta que o punto se resentiu, e engade que isto se tratou de reverter ata o segundo trimestre do actual ano 2016, mediante unha achega adicional de fondos por parte dos accionistas de 1,5 millóns de euros, "para paliar as perdas xeradas pola diminución das vendas no ano 2015, derivadas en parte pola prolongada negociación en chegar a un acordo no citado ERE".


Outro motivo de diminución de vendas, segundo sinala, foi o clima do último trimestre do 2015 --o de maior venda do ano--, un dos máis cálidos da historia.


Por último, menciona como problemas adicionais a cancelación "de forma unilateral" das liñas de financiamento por parte do Banco Pastor, así como a "non renovación" por parte das aseguradoras do risco de cobertura para compra de materias primas.


"Todos estes factores foron determinantes para non ter outra alternativa que presentar o concurso voluntario de acredores", incide Viriato.


SEN OUTRA ALTERNATIVA


Unha vez analizada a situación no escenario concursal e non poder lograr o esperado, a dirección, indica, "non atopa outra alternativa que trasladarlle ao xulgado a solicitude de liquidación da empresa". Desta maneira, prevé acelerar os procesos para a eventual entrada doutros interesados na xestión da marca.


Segundo advirte, esta é unha decisión "difícil de tomar", por "o compromiso que sempre tiveron e demostraron os accionistas co pobo e comarca de Ordes, coñecedores do prexuízo que xerase en traballadores, talleres externos da comarca, axentes comerciais, distribuidores, provedores, clientes e todos cos que a empresa mantiña vinculo comercial".


Así as cousas, arrinca un novo proceso no que a dirección asegura que seguirá colaborando coa xustiza e a administración concursal "para atopar a mellor alternativa e poder manter a actividade industrial no pobo de Ordes".

relacionada Cierra la empresa textil Caramelo
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE