​Europa advirte á Xunta que aplica unha directiva "equivocada" coas verteduras de Ence

|

Ence 15


A portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda e os directivos da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Antón Masa e Benito Andrade, deron a coñecer este martes unha resposta da Comisión Europea na que advirte á Xunta e ao Goberno central que están a aplicar unha directiva "equivocada" que é máis permisiva coas verteduras da empresa Ence á ría de Pontevedra.


Tras denunciar esta situación ante o comisario europeo de Medio Ambiente, Karmenu Vella, Ana Miranda asegurou que se trata dun "pau ao Estado español" que "abre a porta ás vías xudiciais".


Segundo indicaron, en sucesivas ocasións e desde diversas instancias, o BNG e colectivos como a APDR trasladaron o "incumprimento" desta directiva desde o ano 1999 por parte da Xunta e do Estado, "xa non só en Pontevedra, tamén na ría do Burgo e na de Vigo".


Por mor da concesión da prórroga á empresa Ence para que continúe en Lourizán en terreos de propiedade pública ata o ano 2073, o BNG e a APDR insistiron nesta vía xa que "unha das causas da caducidade da concesión é que se supera o volume da demanda bioquímica de osíxeno nas augas residuais vertidas á ría".


"ENTRE 2 E 3 VECES MÁIS PERMISIVA"


A "gran sorpresa", indicou Antón Masa, foi que en marzo de 2016 o comisario respondeu que as augas residuais da pasteira, ao verterse a través dunha instalación de tratamento de augas residuais urbanas, como é o emisario submarino, aplicaranse as condicións da directiva correspondente, que non é a que se está aplicando que é "entre 2 e 3 veces máis permisiva" e na que se ampara a concesión das últimas Autorizacións Ambientais Integradas a ENCE.


"A comisión é clara con este argumento", subliñou Ana Miranda, que cualifica a resposta como "un gran pau que se lle está dando a todas estas eminencias da Xunta e do Goberno central que están a se amparar noutra directiva".


A portavoz do Bloque en Bruxelas considera que a resposta do comisario europeo "deixa unha vía aberta" para a denuncia xudicial, xa que indica que os órganos administrativos ou xudiciais nacionais encargados da execución das directivas mencionadas "son os principais responsables de comprobar a situacións de incumprimento e os que dispoñen dos medios necesarios para resolver o problema se as preocupacións son xustificadas".


"Estamos ante un incumprimento de dereito e un engano á cidadanía durante todos estes anos", insistiu Miranda, que avanzou que o BNG dirixirá unha repregunta ao Executivo comunitario para interesarse por como se dirixirá ás autoridades españolas par que esixan o cumprimento das normativas.

relacionada Silva "convida" á Xunta a dialogar sobre os plans con Ence para o Pazo de Lourizán
relacionada Ence donará 180 millóns para fins sociais durante os 60 anos que siga na ría

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress