#Claves de la semana

A Xunta nega a 'subida' de soldo de Feijóo e alega que cobraría máis de deputado

PSOE e BNG critican o aumento do 7,5% e PP deféndeo como "a recuperación" de parte da extra suprimida en 2013.


|

Manuelgaldoppdegsecretariaxeralpresidencia


O secretario xeral da Presidencia, Manuel Galdo, negou que os orzamentos da Xunta para 2017 recollan unha subida salarial do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao identificar o aumento do 7,5% na súa nómina co "levantamento" da "suspensión parcial" que se produciu en 2013.


Na comisión de economía do Parlamento, onde presentou ante os grupos as contas da Presidencia para o ano que vén, Galdo asegurou, a continuación, que, "mesmo, ao presidente da Xunta, economicamente, seríalle máis oportuno e rendible cobrar como deputado, en termos netos, que como presidente da Xunta".


Por iso, pediu "rigor" no tratamento destes datos, e destacou que o proxecto de orzamento autonómico para o exercicio próximo recolle "o mesmo salario que existía" en 2013, cando "se esixiu un esforzo" a "todos os traballadores da Xunta", desde o último grupo de empregados públicos "ata o presidente".


Ademais, reivindicou que o de Feijóo "admite a comparativa" co soldo de xefes de executivo de "calquera comunidade autónoma", e sitúase, segundo apuntou, "no posto 12".


É, así mesmo, segundo os seus números, un 15% inferior ao existente en 2009, co socialista Emilio Pérez Touriño á fronte do Goberno galego.


En canto ao custo global do Goberno, defendeu que será un 29,4% "máis barato" o ano que vén que ese ano, último do bipartito.


PERSOAL EVENTUAL


Nesta liña, cifrou "nun 128% máis cara" a Presidencia en 2009 que agora, e valorou que por "primeira vez na historia da Xunta" se publicase o número de eventuais: 53 asesores, 20 xefes de prensa e gabinete e 80 empregados de persoal de apoio, segundo indicou.


"Non se trata tanto dun número de efectivos como do importe de crédito orzamentario, que era un 55,25% máis alto en 2009 do que o vai a ser en 2017, incluída esa recuperación salarial", apostilou.


"OPCIÓN POLÍTICA"


PSdeG e BNG criticaran anteriormente, na súa primeira quenda, ese incremento no soldo dos membros do Goberno autonómico, mentres que o PPdeG o defendera ao argumentar que "a recuperación do complemento específico --da paga extra, que se suprimiu en 2013-- para todos os funcionarios afecta aos altos cargos e ao presidente".


Así, o deputado socialista Juan Manuel Díaz Villoslada cualificou de "absolutamente inapropiado" ese crecemento salarial, antes de denunciar unha "escandalosa falta de transparencia" na información relativa a persoal eventual e para pedir, tamén, "luz e taquígrafos" en cuestións como a convocatoria de 500.000 euros para excelencia da mocidade no exterior.


Xa na réplica, tras a exposición da tese do Executivo por parte do secretario xeral --que afirmou que ese incremento de soldo "non existe"--, Villoslada advertiu de que "recuperar o salario dos empregados públicos non ten por que ter unha relación absolutamente directa co incremento das retribucións do presidente e dos altos cargos".


"É unha opción política. Non é un acordo de negociación colectiva. Hai que diferenciar. Non enganemos á sociedade", subliñou.


"PREMIADO"


Pola súa banda, o nacionalista Luís Bará felicitou a Galdo polo cargo, ao ironizar con que "debeu de facer ben o seu traballo como responsable de propaganda" e censurar que "foi premiado coa correspondente subida salarial".


Na súa segunda quenda de palabra, Bará aseverou que "lle guste ou non lle guste" ao secretario xeral os altos cargos "ven incrementados os seus salarios", mentres os empregados públicos, a pesar de ver reposto o complemento específico que se suprimiu en 2013, "non recuperan o espolio" sufrido "todos estes anos de crises", cando o Goberno "entrou a saco nos seus petos".


"MANIPULAN"


Mentres, a popular Paula Prado acusou á oposición de "mentir" e "manipular" a información, ao sentenciar que "é absolutamente falso" que o proxecto de orzamentos recolla unha subida. "Saben perfectamente que se trata da recuperación do complemento específico", dixo.


A este respecto, admitiu que os integrantes do Executivo "non teñen extra", pero reivindicou que no seu momento "solidarizáronse cos funcionarios e baixaron o seu salario na mesma proporción" e agora "están a recuperar esa parte".


Neste punto, preguntouse "que solución" achega a oposición e se vai presentar unha emenda "para non subirlle esa parte que lle corresponde ao presidente".


CONTÍA GLOBAL DE 279 MILLÓNS


No que concerne ao seu departamento, o titular da Secretaría Xeral apuntou que sobe en 6,8 millóns de euros, un 2,53%, ata 279 millóns, "acorde co orzamento da Xunta e a evolución macroeconómica".


Desta contía, 99 millóns diríxense á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), 93,8 son de achega patrimonial á Corporación de Radio e Televisión de Galicia (dun orzamento total de 101 millóns na Secretaría Xeral de Medios), 46 destínanse a turismo e 19,2 van para o deporte.


Por áreas, enumerou incrementos en 2,3 millóns dos gastos de capital, de 1 máis en gasto social, 1,3 millóns máis para turismo e 1 máis para innovación.


LEI DE ACOMPAÑAMENTO E MONTERREI


Pola súa banda, o portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, censurou que, con medidas incorporadas na chamada lei de acompañamento ás contas, a Xunta "furte" o debate de cuestións como a prórroga na TDT.


Noutra orde de cousas, lamentou que ao Goberno galego "non lle gusta cumprir sentenzas", en relación ao castelo de Monterrei, en Ourense. "Tan sinxelo como que hai que eliminar unha habitación. Ese é o cumprimento da sentenza", respondeu o alto cargo.


ALBERGUES E XUSTIZA EN GALEGO


Tamén se mostrou crítico Villares coa adxudicación dos albergues do Camiño "ás grandes corporacións", pois recaeu recentemente nunha empresa de Florentino Pérez.


A este respecto, Manuel Galdo xustificou que "foi un procedemento público e adxudicado á entidade que con diferenza ofreceu a mellor proposta económica e con criterios técnicos".


Por último, o dirixente comprometeu, ante as demandas do portavoz de En Marea na Cámara, que "se tentará esta lexislatura" ter unha aplicación en galego para o ámbito da xustiza.

relacionada ​Feijóo sóbese o soldo un 7,5% e aumenta un 7% os dos seus dez conselleiros
relacionada ​Os deputados de En Marea achegarán case 16.000 euros mensuais ao partido
relacionada Os deputados do Pazo do Hórreo manteñen un soldo de 4.800 euros ao mes
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE