#Claves de la semana

O Parlamento retomará a comisión das caixas tras tres anos de paralización

Puy declarouse "culpable" de arrefriar o debate das caixas galegas posto que non quería "interferir" no proceso de recapitalización do novo banco. 


|

Plenofeijoopuysantalicespaulacastro


O Parlamento galego reabrirá a comisión de investigación da caixas de aforro galegas máis de tres anos despois da súa paralización, aínda que o fará con discrepancias entre o PP e a oposición sobre os temas para tratar, como a petición do PSdeG e BNG de que se indague na venda de Novagalicia Banco, que os populares rexeitaron.


No pleno deste martes no que se abordou retomar esta comisión, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, recoñeceu que "houbo unha decisión de arrefriar o debate". "Son eu o responsable", asegurou o popular, que revelou que esa decisión "é das certas cousas" que Alberto Núñez Feijóo "lle recriminou" a nivel "privado".


Segundo explicou Puy, esa decisión de "arrefriar o debate" sobre as caixas galegas debeuse á intención de "non interferir" no proceso de recapitalización do novo banco e que o proceso de posta en marcha de Abanca se puidese facer "sen ruído".


Estas afirmacións de Pedro Puy provocaron que a oposición saíse ao unísono para criticar ao portavoz parlamentario popular. Así, Ana Pontón (BNG) chegou a falar de "democracia puyana", "que está por encima do Parlamento" e as "normas". Pola súa banda, Abel Losada (PSdeG) censurou que a intervención do deputado do PP lle lembrou "a Mr. Ripley", polo "cambio de prisma sobre o discurso dos feitos".


Nesta liña, Antón Sánchez (En Marea) mostrouse en estado de "shock", porque Puy decidiu paralizar a investigación parlamentaria "por encima" do presidente da Xunta e da comisión das caixas. Así, espetou que "se poñen o polígrafo" ao señor Puy "rebenta hoxe".


A continuación, Sánchez acusou a Puy de que "lle estivo tomando o pelo a este Parlamento", á vez que dixo descoñecer "esa actitude " do popular "de ter bastantes tragadeiras". "Por que non dixo fai tres anos o que dixo hoxe? Quen é vostede para decidir que hai que arrefriar o debate?", reprochoulle.


SAE ADIANTE PROPOSTA DO PP, NON A DE PSOE E BNG


De tal forma neste debate realizáronse dúas votacións. Por unha banda, a proposta impulsada polo PP de retomar os traballos iniciados, que saíu adiante cos votos a favor dos populares e o BNG, e coa abstención do PSdeG e En Marea.


No segundo caso, a iniciativa de socialistas e nacionalistas --entre outras cuestións a maiores pedía investigar a venda de Novagalicia Banco--, que foi apoiada por toda a oposición, pero rexeitada polos populares.


O pleno xa comezara con polémica, posto que Ana Pontón (BNG) acusou ao presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, de "trato de favor para que o PP poida pechar este debate", xa que a nacionalista considera que debían ser os populares os que o iniciasen ao ser o primeiro grupo en rexistrar a iniciativa, e lembrou que así ocorreu en 2012.


Con todo, Santalices remarcou que "que se fixese na pasada lexislatura non quere dicir que estivese ben", polo que tras consultar aos servizos xurídicos sostén que corresponde realizar o debate de "de menor a maior" presenza parlamentaria. Ante isto, Pontón queixouse de que é "unha maneira moi triste de empezar os debates nesta Cámara", que identifica "cunha cacicada".


"UTILIZACIÓN ESPURIA DAS INSTITUCIÓNS"


Así, Abel Losada (PSdeG) acusou dunha "utilización espuria das institucións por parte do PP", cun comportamento "absolutamente inexplicable" dos populares nos últimos anos.


Sobre este extremo, Losada relatou que "fai seis anos" que se empezou coa reclamación da comisión de investigación, e durante "dous anos" os populares votaron en contra da súa apertura, ata que "un bo día" decidiu solicitar iniciar os traballos. Tras un mes de xullo de 2013 de comparecencias "mañá e tarde" se paralizou, e mesmo en xuño deste ano o PP "rexeitou" pedir documentación sobre a venda de NCG Banco.


De tal forma, Ana Pontón (BNG) acusou ao PP de que "fixo perder de maneira deliberada un tempo precioso para coñecer a verdade" sobre a "desaparición" das caixas e do sistema financeiro galego, pois "non se deixou investigar" nunha comisión "secuestrada pola maioría do PP".


A portavoz parlamentaria do Bloque denunciou que ningún responsable das caixas estivese a pagar por isto no cárcere", á vez que reclamou que "tamén hai que investigar por parte deste Parlamento" unha venda "ruinosa" de NCG Banco, pois se Feijóo "tivese a conciencia tranquila" deixaría facelo.


Pola súa banda, Antón Sánchez (En Marea) recriminou aos populares que se neguen a investigar que "se a venda a un señor venezolano, non chavista, por suposto", unha entidade financeira despois de inxectar nela 9.000 millóns de diñeiro público, que "non se vai recuperar", e que "no primeiro ano vai sacar case tanto como o que lle custou compralo".


Ademais, criticou a "continuación da historia dunha macroestafa", pois acusou aos xestores Abanca de "descapitalización da entidade", ao "vender activos para facer caixa" e "negocio rápido". Na súa intervención, Sánchez tamén acusou de forma velada de "suborno impropio" a Feijóo, sen citalo, polos "agasallos de Veiga Sicilia".


QUE SE INVESTIGUE O OCORRIDO ENTRE 2005 E 2009


En cambio, Pedro Puy defendeu continuar cos traballos da comisión iniciados a pasada lexislatura para "tentar chegar a unhas conclusións razoables e sensatas", que expliquen "o que pasou co sistema financeiro galego".


Aínda que se mostrou partidario de incorporar "a información e documentación" relativa á venda de NCG Banco que se crea necesaria, criticou que a oposición pida "outra comisión de investigación" diferente á que se iniciou na pasada lexislatura. Por iso, xustifica a "continuidade ao plan de traballo" para "saber que pasou entre 2005 e 2009".

relacionada ​Del rescate a la banca sólo se ha recuperado poco más del 8 por ciento
relacionada En Marea dille á Xunta que presente "toda a documentación" da fusión das caixas
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE