Os retratos de Francisco Vázquez e Javier Losada súmanse á galería de alcaldes da Coruña
Imaxe do retrato de Paco Vázquez // @carlosmoraisgz
Os corredores do Pazo Municipal de María Pita estrean hoxe dous novos cadros, os dos alcaldes Francisco Vázquez e Javier Losada. Os dous ex rexedores socialistas da cidade herculina, seguindo a tradición do concello, encargaron sendos retratos a cadanseu pintor, ambos moi diferentes, e que inaugurarán hoxe, pero en actos separados con Xulio Ferreiro como anfitrión.
O cadro de Francisco Vázquez, que custou ao erario público uns 18.000 euros segundo informan diversos medios como La Opinión ou Galicia Confidencial, é obra de Rafael Cidoncha. Nel, o ex alcalde socialista, que gobernou A Coruña durante máis de dous decenios, posa engalanado co traxe de embaixador do Reino de España ante a Santa Sede, un título que ostenta desde o ano 2006.
O napoleónico retrato tornou viral nas redes sociais e chamou a atención de moitos, dada a pomposidade das galas e medallas que inmortalizan a figura de Vázquez, un alcalde socialista da democracia que amosa unha vez máis a súa xa famosa ‘ambigüidade política’. Son de sobras coñecidas as súas amizades nos círculos do PP, e as enemizades e confrontacións dentro do que fora o seu propio partido, entre elas co seu sucesor no cargo, o outro retratado, Javier Losada.
O retrato de Losada, que gobernou catro anos en coalición co BNG – de aí a falta de entendemento con Vázquez que, na liña de Abel Caballero, é abertamente crítico co nacionalismo-- parécese pouco ó do seu mentor e antecesor no cargo, moi similar tamén a aquel co que Arsenio Fernández de Mesa, o agora exdirector da Garda Civil, decidira pasar á historia.
Para inmortalizar a súa figura, Losada escolleu ao pintor local Javier Muñoz, de estilo hiperrealista, e a frase “todas as persoas seremos iguais na nosa sociedade" ao fondo. A peza custou a metade cá encargada por Vázquez, uns 9.450 euros segundo apuntan os mesmos medios.
Ambos cadros decorarán desde hoxe a corredoira do pazo de María Pita, onde peden os retratos de todos os edís salvo os de José Fouciños e Hernán Martín, cuxos retratos se descolgaron en virtude do cumprimento da Lei da Memoria Histórica.
Os dous actos de inauguración celebraranse por separado. O de Francisco Vázquez terá lugar ás 13.30 horas. Entre os invitados figura o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que aproveitará para manter unha entrevista co actual rexedor coruñés, Xulio Ferreiro.
O de Javier Losada colgarase ás 18.30 horas, como no caso de Vázquez está previsto que acudan representantes do PSOE, colaboradores, amigos e concelleiros das corporacións durante as que ostentaron a alcaldía.
ACTO DE VÁZQUEZ
O exrexedor socialista Francisco Vázquez apelou ao sentimento "coruñesista" durante un acto no que se descubriu o seu retrato que, desde agora, permanecerá nos corredores do Palacio Municipal de María Pita.
No transcurso dese evento, Francisco Vázquez eloxiou ao actual primeiro edil da cidade herculina ao expresar o seu convencemento de que pretende ser "o alcalde de todos os coruñeses".
Díxoo a modo de "agradecemento" pola "expresión de xenerosidade e tolerancia" que supón este acto, pois levaba pintado --como lembrou-- desde fai oito anos.
Nesta ocasión, Francisco Vázquez estivo arroupado pola súa familia e tamén por exdirixentes políticos como o exvicepresidente do Goberno Alfonso Guerra.
Así mesmo, acudiron outros membros do que fora o seu partido, como o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o exregidor de Lugo Xosé López Orozco; e o expresidente da Xunta Fernando González Laxe.
Pola súa banda, Xulio Ferreiro enmarcou este acto na necesaria "lealdade institucional", mentres que enxalzou algunhas das actuacións postas en marcha durante a etapa do goberno de quen tamén liderou a Federación Española de Municipios e Provincias, como a creación da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) e o impulso á Universidade da Coruña (UDC).
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, reivindicou a figura de Francisco Vázquez, de quen dixo que, ademais de ser "un bo amigo", é "un modelo na forma de entender as alcaldías e a administración local".
"Seguramente o mellor alcalde que houbo en España na democracia", apostilou, non sen manifestar que aprendeu "moito" do seu labor. "Aprendín tanto que son mellor alcalde que el", aseverou.
Escribe tu comentario