#Claves de la semana

O parlamento aproba a lei á carta para Citroën

Luz verde para o texto que permitirá construir proxectos públicos de especial "urxencia ou interese", esquivando o bloqueo urbanístico de Vigo


|


O Parlamento galego aprobou este martes a lei de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de especial interese, ou o que é o mesmo, un texto dun único artigo que permitirá a ampliación da factoría viguesa de Citroën obviando a ilegalización do PXOM vigués de 2008. 


A lei superou o seu trámite parlamentario cunha gran maioría. A maioría absoluta dos populares tería sido máis que suficiente, pero finalmente os socialistas tamén decidiron apoiar o texto, que tamén desbloqueará a estación intermodal de Vigo. Votando en contra estivo AGE, moi crítica co proxecto dende o principio e o Grupo Mixto. O BNG decidiu absterse. 


O texto proposto pola Xunta foi modificado por unha enmenda á totalidade tramitada polos populares, que introducía aspectos como que os concellos sometan os proxectos a un prazo de información pública de 20 días. 


Esta enmenda foi un dos puntos utilizados polos grupos de AGE, BNG e Grupo Mixto para tachar de "chapuza" o texto, no que ven falta de garantías xurídicas, tras ser feito  "sen rigor técnico", nun "cúmulo de despropósitos e improvisacións" que deron lugar ao "caos".



"Como é posible que un texto do Goberno non se incluíse a información pública?", clamou Antón Sánchez (AGE) sobre a redacción orixinal agora emendada polo PP. Sobre este extremo, a deputada do BNG Ana Pontón reprochou que o PP "corrixe" o texto do Executivo galego por unha "falta de rigor" da lei.



En contraposición, Jaime Castiñeira (PPdeG) apuntou que "parece que o PP non ten dereito a presentar emendas", e xustificou que nun trámite de lectura única só con que haxa que "introducir unha pequena modificación" hai que recorrer a unha emenda á totalidade.



BEATRIZ MATO GARANTE A SEGURIDADE XURÍDICA



Antes de producirse o debate sobre o propio texto realizouse unha votación acerca da pertinencia da proposta de lectura única da lei, que se atopou cos votos favorables de PPdeG e PSdeG, pero co rexeitamento AGE, BNG e Grupo Mixto.



Así, a conselleira de Medio Ambiente e de Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, defendeu o procedemento de lectura única e de urxencia desta lei, porque "o tempo corre en contra" trala " irresponsabilidade" de "unhas minorías" durante a tramitación da recentemente aprobada lei do solo, na que AGE rexeitou introducir os cambios que agora introduce esta lei.




PSOE: "ACEPTAMOS POLBO COMO ANIMAL DE COMPAÑÍA"



O deputado socialista Xosé Antonio Sánchez Bugallo xustificou o voto do seu grupo a favor da emenda á totalidade do PPdeG, pero explicou que se fai co fin de mostrar a defensa dos intereses dos cidadáns de Vigo, a pesar de que recoñece "carencias". "Estamos a aceptar polbo como animal de compañía", admitiu.



En concreto, Sánchez Bugallo explicou que o voto a favor dos socialistas desta lei é debido á "urxencia e necesidade" para garantir proxectos en Vigo, pois "a falta de competencia" e a "confrontación" por parte dos políticos "non é algo que deban pagar os cidadáns".



Con todo, mostrou a súa desaprobación en especial ao "acto de maldade" que inclúen os populares na lei respecto das expropiacións, nas que "terá condición de expropiador e beneficiario o concello", o que se traduce en que "todos os recursos e reclamacións" recaerán sobre os municipios.



MODIFICACIÓN "ENCUBERTA" DA LEI DO SOLO



Un punto no que tiveron consenso todos os grupos da oposición é que esta nova lei exprés para desbloquear o urbanismo de Vigo supón unha modificación "encuberta" da recentemente aprobada lei do solo, "a máis efémera na historia de Galicia", unha visión que nega o PPdeG.



Antón Sánchez (AGE) identificou esta norma cunha "operación propagandística" de Feijóo "para tentar quedar como salvador da cidade de Vigo" e acusar de "irresponsables" a AGE, á que "desgraciadamente o señor Caballero sumouse" porque "lle interesaba desviar a atención" das responsabilidades na anulación do PXOM, mentres "se segue co antiviguismo" como "nivel de argumentos".



Antón Sánchez volveu a indicar que a normativa vixente de supramunicipalidad pode solucionar "no mesmo tempo ou menos" a situación en Vigo, á vez que recrimina que a lei aprobada este martes fai que os informes non teñan que "pasar polo pleno municipal", senón que abonda con que os realicen os "servizos municipais". Tamén defendeu que o labor do seu grupo serviu para que a lei quede "bastante mellorada da que quería introducir o PP orixinalmente".



Fronte a eles, Jaime Castiñeira (PPdeG) volveu a acusar a AGE de que "segue estando en contra dos veciños de Vigo", e recriminou que "quen impediu o debate" sobre este texto "non foi o PP", senón a oposición.




relacionada Feijóo aproba o seu 'plan B' para desbloquear a ampliación de Citroën
relacionada O PP aproba en solitario a nova Lei do Solo
relacionada Citroën poderá ampliarse... ¿Pero qué pasa cos pequenos propietarios?
relacionada Citroën optará a fabricar un novo vehículo en Vigo
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE