#Claves de la semana

"O que lles preocupa é que se poida perturbar un pouco a paz social"

Os traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que non teñen convenio, queren "feitos antes das eleccións". "É o momento de presionar", afirman.


|

Residenciaancianos


Paso a paso, a situación laboral de case 2.000 traballadores galegos vai camiño de se normalizar. Son o persoal que coida, educa e atende os nosos maiores nos centros de día, os cativos nas escolas infantís e outros colectivos que precisan atención en servizos sociais relacionados coa dependencia ou a exclusión social. Máis concretamente, trátase dos traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e do Benestar, un ente integrado pola Xunta de Galicia, 273 concellos e 5 mancomunidades.


Estes empregados públicos loitan principalmente por dous fins: que se lles aplique o convenio colectivo que ampara o resto do persoal que traballa para a Administración autonómica (están sen ningún) e integrarse na Axencia Galega de Servizos Sociais. Son dúas promesas que xa recibiran, pero que quedaron ata o momento en "boas palabras".


"Queremos feitos antes das eleccións", reclaman. Vai ser difícil, pois o parón do verán obriga a levar as negociacións a setembro, coa incógnita de se haberá asinado algún acordo antes do 25S. Polo momento, os pasos semellan firmes. 


Guarderiafeijoo

E é que segundo Lino Díaz, responsable do sector autonómico de UGT, os representantes sindicais xa recibiron da Xunta o documento coa proposta de acordo para a adhesión ao V Convenio do Persoal Laboral da Xunta, tal e como comprometera o Director Xeral de Función Pública na mesa xeral de empregados públicos.


O documento contempla, tamén, que o persoal fixo e temporal que a día de hoxe traballa para o Consorcio sexan recoñecidos como empregados da Xunta. Os representantes sindicais recollerán a partir de agora as propostas e sensibilidades dos traballadores sobre o documento e negociarán tamén unha Oferta Pública de Emprego que dea "estabilidade".


A AXENCIA COMO OBXECTIVO


Convenio aparte, o ente que aglutine todos estes servizos públicos non é unha cuestión só de forma, senón tamén de fondo. O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e do Benestar naceu no 2006 para absorber e darlle cohesión a estas competencias sociais que ten transferidas a Comunidade Autónoma, pero que se prestaban aos cidadáns tamén en centros xestionados polos concellos e outros de orixe privada. Desta orixe diversa e a súa 'maduración' deriváronse os conflitos actuais de diferenzas de condicións laborais entre centros e falta de uniformidade nos servizos que presta cada un.


E se a orixe dos problemas é vella, a posible solución tamén. Anxo Quintana, durante o bipartito, nomeara o seu departamento como Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e sacara adiante a Lei de Servizos Sociais do 2008, que contemplaba a creación da Axencia Galega de Servizos Sociais. A idea era darlle o protagonismo e que se convertera nun ente instrumental como é o Sergas, pero no ámbito do Benestar.


Garderiafeijoomato

Poucos meses máis durou Quintana no cargo e, máis adiante, sendo Feijóo presidente e con Beatriz Mato á fronte da Consellería, a crise económica e/ou unha falta de vontade deixaron estas intencións conxeladas. A Axencia leva dous anos creada, pero non acaba de despegar e eliminar as duplicidades. Un exemplo que ilustra a parálise: forman parte do Consorcio aínda 137 escolas infantís en Galicia (as que naceran como 'Galescolas' e que pasaron a ser 'Galiñas azuis'), polas 25 da Axencia.


A día de hoxe o Consorcio aínda segue no camiño de ser "unha das patas da Axencia". Segundo Lino Díaz "iso segue encima da mesa e nós apostamos por esa solución; non hai avances claros nese sentido, pero nós entendemos que non está retirada esa posibilidade porque nunca nolo manifestaron".


LISTAS DE CONTRATACIÓN ESGOTADAS


Mentres, eses traballadores que axudan á conciliación laboral e familiar na maior parte dos concellos galegos, en moitos casos, non conseguen esa recompensa para si mesmos. É o caso, por exemplo, das escolas infantís, onde unha traballadora que vive na Coruña se ten que desprazar a Fisterra mentres a outra traballadora da Costa da Morte lle negan o traslado desde a mesma cidade. "Eles mándanche para onde lles pareza" e só ceden nos casos onde a persoa ten fillos. "Eu estou a 120 km da miña casa, pero outras persoas están noutra provincia", protestan, mentres reclaman que "xa que non somos nin mileuristas, polo menos, ter unha vida mellor en canto a conciliación".


Isto sucede polo limbo legal no que viven os empregados do Consorcio. A última vez que se abriron listas de contratación para as escolas infantís foi no 2011. "Foi unha apertura un pouco escura", recoñecen as traballadoras. "Nunca foron públicas. Hai que chamar ao Consorcio para saber en que posto estás e respóndenche que entre o 6 e o 13, por exemplo. Será o 6 ou será o 13! Dá lugar a pensar que igual vai a cousa un pouco a dedo", denuncian.


Garderiagaliaazul

Agora, despois de 5 anos esas listas están esgotadas e teñen que recorrer ás oficinas de emprego, un mecanismo aceptado como excepción, pero que "non respecta os principios de mérito, igualdade e capacidade" das contratacións públicas. "Pedimos que se volvan abrir esas listas, que sexan públicas, que nos recoñeza a puntuación de substitucións, que poidamos actualizar os nosos méritos e achegarnos ás nosas casas".


O caso dos centros de día é similar, só que esas listas levan máis tempo aínda esgotadas. As persoas anotadas hai máis de 5 anos, en moitos casos, non son persoal dispoñible real porque "igual están traballando no Sergas, na Xunta ou marcharon vivir a Valladolid". "Cando chega o verán e temos que cubrir as vacacións dos compañeiros hai tensión nos centros por falta de persoal, cando é algo perfectamente predicible, sábese meses antes que en agosto colle vacacións esa persoa", lamentan os traballadores.


AXUSTES DE PERSOAL


Nas escolas infantís, o problema do persoal é similar, pero con matices, pois existen uns ratios legais de nenos e educadoras, o cal asegura que se teñan que contratar xente para cubrir baixas e vacacións. Así e todo "só se está a cubrir o espazo de tempo necesario para cumprir cos ratios e se vén unha inspección non haxa problemas", tal e como recoñecen os traballadores, e así hai xente que traballa "dúas ou tres horas". Tamén se deron casos de "non deixar entrar máis nenos ou adiantar o peche da escola" porque falta persoal para cumprir eses ratios.


Centrodialecturaancianos

Algún traballador dos centros de día do Consorcio mesmo leva con "media xornada desde hai 9 anos". Unha situación que se suma a que o 90% do persoal é interino. "Estamos queimados", recoñecen. E, nesta situación, "o máis fácil é que, se sae algo noutra empresa, marches; co cal, toda esa experiencia e formación dese traballador pérdela de golpe".


PROBLEMA DE BASE


E á situación laboral súmase unha concepción errada do que supoñen este tipo de centros para as familias. Nos centros de día "as persoas maiores non van xogar ás cartas e que lles dean de comer", a pesar de estar concibidos como centros sociais. "Son centros socio-sanitarios", onde hai persoas, por exemplo, con doenzas crónicas, outros que precisan algún medicamento atencións de enfermería, etc.


Pois, en función do centro de día, "nuns hai enfermeiro e fisioterapeuta, noutros igual hai psicólogo, terapeuta ocupacional e traballador social, etc.". "É un problema de filosofía do Consorcio", que non cobre os perfís sanitarios que se van. "É un despilfarro de recursos ter que chamar a enfermeira do centro de saúde" e que os fisioterapeutas non poidan aplicar terapia individual, só ximnasia colectiva, cando o Sergas tampouco ofrece unha boa prestación nesa materia. "Sería unha gañancia de calidade de vida moi importante para as persoas maiores e as súas familias e pódese defender económicamente", pois desta forma evítanse outros gastos sanitarios.


Escolainfantil 1

Nas escolas infantís a situación é parecida co que se denomina 'parella educativa', que tende a se extinguir. Isto é, que a mesma aula conte con dúas educadoras, ou unha mestra e unha educadora. "Cos recortes o que se está facendo é quitar a parella educativa e encher escolas novas co persoal que quitan doutras; leva pasando dous ou tres anos, neste curso, como hai eleccións, non", denuncian as traballadoras.


A cuestión tamén é unha filosofía que non se corresponde coa realidade social, porque o período de 0 a 3 anos, "non é só asistencial, tamén é educativo", reclaman. "Son moi dependentes, pero tentamos ensinarlles a ser autónomos e procuramos que fagan actividades de tipo sensorial, que teñan relación co medio, culturais, etc.". E, así, "mentres lle cambias o pañal a un bebé, o resto quedan desatendidos". Por iso consideran "de vital importancia" a presenza de dúas persoas por aula.


"É O MOMENTO DE PRESIONAR"


Os traballadores, queimados, ven a situación política como unha oportunidade para negociar: "sabemos que todo isto vén pola proximidade ás eleccións, porque están a levarse ben con todo o mundo que poden. Por iso é o momento de presionar".


"Parece que a posibilidade de folga, que se poida perturbar un pouco a paz social aparentemente é o que lles preocupa un pouco". E están dispostos.


Para Lino Díaz, os prazos non se deberían dilatar e a cuestión debería quedar resolta este 'curso': "haberá que estar atentos para ver como se desenvolve. Nós imos estar aí para negociar e esixir que a partir do 1 de xaneiro de 2017 se implementen todas as medidas do acordo".


Dependencia 1


relacionada ​Os traballadores do Consorcio de Igualdade e Benestar reclaman a equiparación co resto de empregados públicos
relacionada ​O Consorcio de Igualdade e Benestar consegue retomar a negociación do seu convenio
relacionada Os traballadores do Consorcio de Igualdade e Benestar loitan por un convenio
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE