​A unión de cooperativas liderada por Feiraco chamarase CLUN

|

Cooperativasgalegasgrupolacteofeiracoosirmandinosmelisanto


A unión das cooperativas Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, que busca ser un grupo lácteo de referencia en Galicia, chamarase Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN).


Este proxecto, do que se desvinculou a cooperativa Xallas --tras decidilo en asemblea-- rexistrarase en decembro como cooperativa de segundo grao e mantense a data do 1 de xaneiro para comezar o seu funcionamento, nun proxecto que supoñerá ao redor do 15% da produción láctea galega.


Diso informou en declaracións aos medios o presidente dos Irmandiños, José Ángel Blanco, tras unha reunión en Santiago destas cooperativas co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e os conselleiros de Medio Rural e Economía, Ángeles Vázquez e Francisco Conde.


Así, os seus produtos comercializaranse baixo as marcas Feiraco, Feiraco Únicla e Clesa, "desenvolvendo isto que se ten". "Logo, a medida que vaiamos crecendo, incrementando máis negocios, sempre o que pretendemos é unha empresa máis forte que defenda mellor os intereses dos nosos gandeiros", agregou.


Respecto diso, destaca que se está traballando para "integrar todo o que teñen as cooperativas", de forma que se poidan unir sinerxias como servizos a gandeiros.


APOIO "TOTAL" DA XUNTA


A preguntas da prensa sobre se cren necesaria a axuda económica da Xunta para o seu proxecto, Blanco indica que calquera apoio é "interesante". "Pero agora mesmo non estamos a pensar niso", senón en comezar a funcionar, e "cando se teñan proxectos a desenvolver" presentaranllos ao Goberno galego para optar a eles.


Ademais, deixa claro que reciben un apoio "total" por parte da Consellería do Medio Rural para levar a cabo o seu proxecto e, "por suposto", que ven comprometido con iso ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.


Nesta liña, a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, lembrou que "non é a primeira reunión" da cooperativas co presidente, á vez que valorou que esta unión "é simplemente o comezo" para "un futuro" de "vertebración do sector", con "mellores servizos a mellor prezo" para os produtores.


"Non veñen pedir axuda, se non a presentar o seu proxecto", apostilou Ángeles Vázquez, antes de lembrar que esta unión "non a impulsa a administración", senón os gandeiros que "decidiron que teñen que unirse para ser máis competitivos".


MÁIS DE 3.500 GANDEIROS


A continuación, a conselleira indicou que o importante "non é só a canto" se vende o leite, senón "canto costa", e como se poden reducir os custos de produción para incrementar os beneficios, como busca este proxecto que agrupa a "máis de 3.500 gandeiros".


Finalmente, subliñou a "sensatez" que avala esta posta en marcha de Cooperativas Lácteas Unidas, tras dous anos de estudos de mercado, á vez que apelou a "seguir traballando".

relacionada "Hai outras cooperativas galegas interesadas en formar parte do grupo lácteo"
relacionada ​Xallas descólgase do gran grupo lácteo galego

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress