A oposición critica que os "recortes" da Xunta provocan o "colapso" da sanidade galega

|

CHUOurxenciacolapso

O portavoz de Sanidade do PSdeG no Parlamento de Galicia, Xulio Torrado, denunciou que a "falta de previsión" da Xunta provoca o "colapso" da sanidade pública galega ante "calquera pequena tensión", como o pico da gripe rexistrado nas últimas semanas.


"Trátase dun problema que pon de relevo a situación límite da sanidade pública galega", asegurou Torrado nunha rolda de prensa ofrecida este mércores, na que tamén denunciou a "alarmante" falta de recursos persoais e materiais do Sergas.


Ante estas cuestións, o deputado socialista presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para que o Goberno galego informe das previsións e os reforzos asignados fronte a esta situación e o incremento da dotación material e humana nos servizos de urxencias.


E é que para Xulio Torrado é "inconcibible" que a Consellería de Sanidade "non tomase medidas" ante un pico da gripe estacional que se repite cada ano e do que os médicos alertaron. Así, censurou que a xestión desta situación recaia unicamente nos profesionais sanitarios mentres o Goberno galego toma medidas "demasiado tarde".


O viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, coincidiu ao denunciar que "as políticas de recortes" do PP levan a situacións "como a que se está vivindo de colapso das urxencias" e que "se repiten periodicamente". "Non son un imprevisto..., responden máis ben á decisión de precarizar a sanidade pública do PP", sinalou.


O BNG pola súa banda anunciou que reclamará no Parlamento ao Sergas un protocolo de actuación para evitar o colapso dos servizos de urxencias dos centros sanitarios públicos cando se producen brotes epidémicos ou picos asistenciais "perfectamente previsibles", como é o caso da gripe.


"Estes repuntes de actividade nos servizos de urxencias son perfectamente previsibles e existen mecanismos para saber con certeza cando, como e a quen afecta a incidencia dos brotes epidemiolóxicos habituais por calendario", explicou a portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, na proposición non de lei presentada na Cámara.


Así, a deputada do BNG lembrou que os picos de gripe e de enfermidades respiratorias coincidindo con épocas de frío son "previsibles" e "pasan todos os anos" sen que a Consellería de Sanidade "faga nada por evitar os colapsos que se provocan no servizo de urxencia".


Prado denunciou que a "saturación" vivida nos últimos días "na práctica totalidade dos centros hospitalarios" provocou "unha situación de caos", con enfermos "sufrindo esperas interminables", salas de espera "abarrotado", corredores "cheos de padiolas" ou "persoal sanitario sobrecargado", entre outras cuestións.


Ante esta situación, que o BNG tamén atribúe a "os recortes impostos polo PP", a formación propuxo que a Cámara reclame ao Goberno galego a presentación dun informe con "as medidas de planificación e reforzos postos en marcha" para atender o aumento dos pacientes nos servizos de urxencias.


Ademais, reclama un protocolo de actuación para os brotes ou picos asistenciais, contando cos profesionais da sanidade e representantes sindicais, onde se recolla, como mínimo, a previsión de reforzos e recursos.


Finalmente, a proposición non de lei demanda a apertura "inmediata" das plantas e das camas pechadas ou "bloqueadas" en toda a rede pública e a contratación do "persoal necesario obviando a taxa de reposición para poder recuperar os 2.000 profesionais eliminados da sanidade pública".

relacionada ​Los sanitarios culpan de los colapsos a la "nefasta organización en la cobertura de ausencias"
relacionada ​Os numerosos casos de gripe provocan o colapso total das “sobrepasadas” urxencias do CHUO
relacionada ​Aumentan a sete os falecidos por gripe en Galicia

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress